Voces de liberdade, a homenaxe do PEN Clube

Onte asistín ao xantar de homenaxe a Francisco Fernández del Riego e Isaac Díaz Pardo, organizado polo PEN Clube de Galicia, con motivo da terceira edición dos seus premios “Voces de liberdade”. A organización e o desenvolvemento desta homenaxe a estes dous grandes editores da nosa memoria histórica, que contou coa xenerosa colaboración da Tenencia de Alcaldía do concello de Vigo, foi excelente. As laudatios de Marilar Aleixandre e Camiño Noia brillantes e á altura literaria do labor hercúleo dos homenaxeados. Os discursos dos políticos agarimosos, ben preparados e moi axeitados. A condución do acto do presidente do PEN galego, Luís González Tosar, amena e emocionante. Mesmo o menú foi exquisito (coa excepción das peras ao mousse con chocolate, por baixo dun nivel culinario óptimo). Con todo, o mellor do acto foron os momentos das intervencións dos homenaxeados. Don Paco debullou, petando co seu caxato no chan (aínda está ben rexo), o seu percorrido vital, insistindo en que “a miña traxectoria foi sempre de continuidade como home que son do Seminario de Estudos Galegos, sen altibaixos, adaptándome sempre aos tempos que vivimos”. Isaac, que comezou a súa parolada cunha brincadeira pouco inocente (saudou á Secretaria Xeral de Política Lingüística como a “a muller que está traballando para que o galego morra dignamente”, que logo lle replicou de forma moi elegante dicindo que “todos estabamos alí para darlle vida a lingua”), utilizou o seu tempo para gabar a don Paco: “un grande amigo do meu pai”. O único que vin un pouco fóra de lugar (nunha sesión marathoniana, durou cinco horas), foi algunha das intervencións “espontáneas” dos asistentes que na sobremesa ocuparon o atril (unha mágoa!, que desluciu un chisco un acto magnífico e tan ben preparado). Beizóns a don Paco e a don Isaac, a Tosar e ao equipo directivo do PEN Clube de Galicia por este berro de liberdade literaria galega!

"A sombra descalza", incluída na Lista de Honra do IBBY 2008

Hoxe soubemos da inclusión d’ A sombra descalza de An Alfaya na Lista de Honra do IBBY 2008. Unha espléndida noticia para comenzar o ano. Esta obra xa contaba cos seguintes premios: o Lazarillo de literatura xuvenil 2005; o Xosé Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil do ano 2006 e o White Ravens 2007. A novela, ademais, merece o apoio dos lectores, xa vai na cuarta edición. As nosas beizóns para An Alfaya que ben as merece por tan importante recoñecemento.

Etiquetas:

Carlos Lema, premio de poesía Johán Carballeira

Unha noticia ben bonita: o noso amigo o editor Carlos Lema obtivo o premio de poesía Johán Carballeira convocado en Bueu. O xurado salientou que a obra gañadora por unanimidade, O xeito de Freud. Transferencias da realidade, foi escollida “pola solidez da súa construción”, o que demostra “ser moi complexo na súa elaboración”, así como pola “riqueza que establece no diálogo intercultural e intertextual co discurso contemporáneo”. Non teño dúbidas que o debú literario de Carlos será unha obra importante. Beizóns!!!

Etiquetas:

Premios da Edición 2007

Eis o resultado dos Premios da Edición 2007 fallados onte na Coruña. Para min o máis interesante da velada celebrada no Aquarium, ademais da nosa ledicia polo premio recibido polo libro de Agustín Fernández Paz (un recoñecemento alboral a unha obra que presinto vai dar moito que ler), foi a magnífica intervención institucional de Alfonso García Sanmartín.
En apenas sete minutos, o presidente da AGE debuxou con claridade meridiana a folla de ruta do sector editorial privado galego para os vindeiros anos: aposta polas políticas de lectura pública, modificación do sistema de préstamo, modernización e formación do sector e consolidación da estrutura e funcioamento gremiais. Palabras oportunas e firmes (mágoa que non aparecese sequera unha pequena referencia a ela na información nos medios) para recuperar a autoestima e o traballo solidario dos editores galegos. Boa falta fan!
O vindeiro ano, a cuarta edición desta Noite da Edición celebrarase en Vigo.

Premios edición 2007, finalistas

Acaban de anunciarse os títulos dos libros finalistas dos Premios da edición 2007 que serán entregados o vindeiro venres na Coruña no transcurso da IIIª Noite da edición.

Durante A noite da edición 2007 serán homenaxeadas tres editoras galegas: A Nosa Terra, Alvarellos editora e La Voz de Galicia.

"Cardume", a memoria resistente da literatura

As dúas presentacións de Cardume constataron a importancia do debut de Rexina Vega como narradora, ao tempo que constituíron senllos actos cívicos de homenaxe á memoria resistente da literatura e da figura de Urbano R. Moledo.
En Compostela, Suso de Toro comezou a súa presentación sinalando que “é sorprendente que aparecese unha primeira novela tan ben resolta, impecable, tan ben feita como Cardume, ao tanto que aparece unha escritora”. Logo estableceu un paralelo da novela de Rexina con Paradiso de Lezama Lima: “Hai moito de vocación, dun mundo non vivido, moi numénico, cheo de aura, de densidade, cheo de ecos, e isto está todo na novela. Un mundo que actúa como fermento, coma o pan que está a levedar. Comeza cunha invocación á memoria, coa voz da narradora, unha meniña, na visita ao cemiterio de Pereiró. O libro é, pois, unha viaxe ao pasado, ao país dos mortos”. Continuou, Suso de Toro apuntando que “o carácter do libro é o daquela historia que merece ser contada; o seu material é o do que se nutre a tarxedia e o melodrama para un publico de lectores que se atreve con ese descendemento. Quen o faga vaise ver envolto nunha atmosfera pegañenta”. Detívose, despois, en abordar un aspecto que, coma galegos pode ser interesante: “a épica da cidade, a do Vigo do primeiro terzo de século, onde hai todo tipo d eoportunidades, hai futuro, hai ledicia, hai esperanza…, demostrando que non somos fillos dunha historia colectiva de fracaso”. Para rematar, Suso salientou que en Cardume hai un fío umbilical entre a narradora e a historia contada: “Esa presenza é sintomática dunha función esencial da literatura, dar sentido ás nosas vidas, dar sentido á existencia. En Cardume nárranse moitas mortes, mais non aparece contado ningún funeral, non houbo palabras de despedida e esperanza para persoas como Urbano R. Moledo. A literatura pode servir como forma de oración para esas vítimas”.
O acto de Vigo consistiu nunha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo con intervencións moi fermosas da autora (que leu fragmentos da novela, ao tempo que expresou as súas intencións como autora: “Na miña escrita quero a frase precisa e máis honesta”), de Manuel Forcadela e de Xavier Moreda (membro da Asociación Viguesa pola Memoria do 36). O profesor Xesús Alonso Montero desculpou a súa ausencia e enviou este texto que transcribimos:

Palabras, desde Valencia, sobre Rexina Vega
Miñas donas e meus señores:
Falo desde Valencia, onde asisto, como conferenciante, a un Congreso Literario que conmemora, no seu 70 aniversario, o celebrado en 1937 polos Escritores Antifascistas do mundo enteiro, aquel Congreso que se propuña defender, da barbarie fascista, a República española, a nosa gloriosa República.
A Valencia de 1937 e a Valencia de hoxe non son alleas á temática, á tensión e á emoción literarias presentes nas páxinas de Cardume, algunhas, poeticamente excelsas.
Se tivese a sorte de falar aí, en Vigo –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación da gran novela de Rexina Rodríguez Vega que hoxe nos convoca, un prodixioso e dramático relato protagonizado por alguén que se chamou Urbano Rodríguez Moledo, cidadán de ideas socialistas, escritor polifacético en galego e humilde funcionario municipal, fusilado no monte do Castro o 10 de decembro de 1936 ós 34 anos de idade. Resulta que o infortunado escritor –o Urbano da novela– foi curmán da avoa de Rexina Vega, como ela mesma conta no limiar d’ A volta da perdida, peza teatral inédita incautada a Rodríguez Moledo polos militares no tráxico verán de 1936 e atopada, hai pouco, pola man dilixente do historiador e filólogo Ángel Rodríguez Gallardo. Hoxe tamén presentamos a primeira edición desta obriña de teatro, rescatada dos arquivos da represión 71 anos despois, e que se publica, en Edicións do Castro, nunha colección que eu bauticei cun termo non eufemístico: “Biblioteca do 36”. Precede a esta exhumación un estudo esclarecedor e reinvindicativo de Rexina Vega, hoxe por hoxe a única monografía sobre o cidadán e o escritor Urbano Rodríguez Moledo.
Se eu tivese a sorte de falar aí –en prosa non preescrita– disertaría sobre a xestación de Cardume, a novela protagonizada por Urbano, un personaxe construído coas mellores normas da ficción narratolóxica pero inspirado na biografía do dramaturgo socialista fusilado en Vigo hai 71 anos. Rexina Vega, mentres se interesaba, como cidadá e historiadora, pola vida e a obra literaria de Urbano Rodríguez Moledo, resolta a devolverlle a dignidade arrebatada, inventa un relato novelesco que o infortunado escritor protagoniza, un relato, Cardume, que xa é unha páxina de ouro da narrativa galega das últimas décadas. Relato inscrito, de cheo, na narrativa centrada na Guerra Civil, Cardume é novela con rasgos e virtudes ausentes nas mellores deste xénero.
Rexina escribíu coa mesma man a breve monografía sobre o infortunado escritor e a novela que el protagoniza: coa man esquerda. Eu comecei a ler esta novela, aínda inédita, cun certo temor, pero, lidas as primeiras páxinas, atrapoume e convenceume o universo humano do relato e a feitura do relato mesmo, ademais da súa prosa, da súa literaria prosa.
Se eu tivese a sorte de falar aí, disertaría sobre a xestación da maxistral novela de Rexina Vega, e apuntaría que, mentres ela investigaba a vida e a obra do seu infortunado parente, sentiu a necesidade de construír a súa novela e, quizais sen sospeitalo, foise descubrindo como narradora; para nós, os lectores, como unha orixinal narradora literaria. Rexina Vega acaba de entrar na Literatura pola porta grande.
X. A. M.
novembro, 2007
Actualización (03-12-2007): Entrevista a Rexina Vega na Peneira: “Teño moitisimas ganas de escribir para saber que é o que podo dar, xa que isto é un primeiro ensaio. Teño moitísimas ganas de descubrirme como escritora, independentemente das circunstancias: se vas recibir un premio, se aos lectores lles pode gustar ou non; pero significa que paga a pena que faga ese esforzo de seguir escribindo, de descubrirme”.
Etiquetas:

"Cardume", presentacións

Hoxe en Santiago e mañá en Vigo presentaremos Cardume, a novela de Rexina Vega gañadora do Premio Xerais 2007. O acto de mañá no Marco, será tamén unha homenaxe á figura de Urbano R. Moledo, o escritor galego fusilado, xunto a outras doce persoas, no monte do Castro o 1o de decembro de 1936, a quen lle foi incautada polos militares unha peza dramática, A volta da perdida, agora editada por Ediciós do Castro (dentro da Biblioteca do 36) e prologada pola propia Rexina. Neste acto cívico, organizado por Xerais, Ediciós do Castro e pola Asociación Viguesa pola Memoria do 36, intervirán Manuel Forcadela, Xavier Moreda e Rexina Vega, ademais de contar coa lectura dun texto preparado polo profesor Xesús Alonso Montero e coa actuación da cantante Rosaida.

Etiquetas:

"La Mar de Letras", premio libraría cultural 2007

Onte participei no xurado do IXº premio Libraría Cultural, organizado por CEGAL. A experiencia foi moi bonita. Entre novas propostas, todas elas moi interesantes, e despois de estudar as sús correspondentes memorias, escollemos (case por unanimidade) o proxecto presentado por “La Mar de Letras“, unha libraría especializada en promoción da lectura e fondo infantil e xuvenil, situada no centro de Madrid. Consultando no web que manteñen (hai moita información) pode coñecerse algunhas das iniciativas que relizan. Especialmente interesante é o premio “Microcrítico”, destinado a promoción da crítica literaria realizada por nenos e nenas. Recomendo emular esta iniciativa.

Etiquetas:

Entrevistas aos Premios Xerais

Hoxe La Voz de Galicia entrevista aos tres gañadores dos premios Xerais 2007, coincidindo co aparición das obras nas librarías e a súa presentación. Algo que moito agradecemos.

"A lúa dos Everglades": presentación en Melide

Esta mañá presentamos no concello de Melide A lúa dos Everglades, a novela de Xesús Manuel Marcos gañadora do Certame de narrativa Terra de Melide 2007. Quedei abraiado pola intervención de Socorro Cea, a alcadesa do BNG, que soubo contextualizar a presentación na tradición da edición de Terra de Melide o 7 de xuño de 1933 por parte dos membros do Seminario de Estudos Galegos e de Ánxel Casal (que xa ten rúa en Melide, dende o pasado mes de agosto), ademais de amosarse moi agarimeira co traballo da editorial. Grazas, moitas grazas.
Na súa intervención Marcos alternou a lectura de fragmentos [moi ben escollidos] da novela con algúns comentarios sobre eles. Quedei na libreta con estas notas das súas palabras:

  • “O tema da emigración, paradoxicamente, foi pouco tratado na literatura galega”.
  • “A novela abrolla no tempo e na distancia, que non se mide en espazos, senón, como sinala o poeta Xoán Neira, en sentimentos”.
  • “Os personaxes da novela percorren as rúas de Bos Aires, Madrid ou Miami, mais co seu espírito percorren os vieiros dun pasado inesquecible. […] A droga máis dura que coñecen: a súa Terra”.
  • “Cada emigrante recende a pan e maila terra mollada”.
  • “Os Tamara son a melodía da distancia”.

Culminamos a presentación cun pouquiño de empanada e queixo, adozado con melindres e eses “Ricos” (únicos) de Melide, dos que trouxemos un par de bolsas para Vigo.

Actualización (28-10-2007): a noticia da presentación na Voz de Galicia e a referencia aos Ricos (doces en perigo de extincio) no blog de Marcus.