Poema de hoxe 21: «[Lugo]» de Xabier Cordal

XG00195201hai cidades

tan secretas

tan vencidas

que pasa un tren polo seu interior

Xabier Cordal, transmuta (Xerais, 2012)

Poema de hoxe 20: «Nomes no recordo» de Mª Carme Kruckenberg

Non se deben arrastrar as emocións

ata a liña que conleve o desamparo.

Hai que medir o grosor dunha bágoa

antes de chorar no espello

Mª Carme Kruckenberg, Poemas sen resposta (Espiral Maior, 1999)

Poema de hoxe 19: «Todo o que pasou o meu pobo» de Uxío Novoneyra

Todo o que pasou o meu pobo pasoume a min

todo o que pasou o home pasoume a min

Uxío Novoneira, Do Courel a Compostela (1980), no 86 aniversario do seu nacemento

Poema de hoxe 18: «Cezanne» de Miguel González Garcés

manzanas-cezanneA fondura do ser está na pel;

o asombro do mundo, na mazá.

Miguel González Garcés, Un nome só na néboa (1989), no centenario do seu nacemento.

Poema de hoxe 17: «Abismo Vigo» de Fran Alonso

dinosauro diminuto con corpo de sireno

(…)

cosmos para unha cidade oceánica

(…)

vigotízome coa luzada; almorzo no abismo

Fran Alonso, Transición (Franouren, 2011)

Poema de hoxe 16: «Orballa en tempo lento» de Pura Vázquez

Só o silencio habita

nos segredos da lingua

na chave da palabra.

Pura Vázquez, Orballa en tempo lento (Espiral Maior, 1995)

Onte 1562: A colleita de 2015 de Fervenzas Literarias

fervenzas_literarias_2015

Como xa é tradición dende hai nove anos, coñecimos onte o ditame dos premios Fervenzas Literarias aos mellores libros e iniciativas do ano 2015. Os Fervenzas son sempre os primeiros da xeira anual de premios a obra editada, ao tempo que teñen a singularidade de ser outorgados por votación de medio milleiro de internautas, que expresan as súas preferencias arredor de vinte categorías da creación editorial galega actual. Como editor non podo máis que abeizoar a continuidade e rigor desta iniciativa de Fervenzas literarias, como a calidade desta revista literaria dixital, auténtica pioneira no noso humilde sistema.

No que atinxe ao resultado desta colleira 2015, estamos moi satisfeitos pola importante presenza de títulos editados por Xerais nas diversas categorías, nalgúns caso sendo considerados como os «mellores do ano». Así sucedeu con A boca da terra de Manuel Rivas, mellor libro de poesía; Raclette de Santiago Cortegoso, mellor libro de teatro, Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig, mellor libro de ensaio; Europa Express de Andrea Maceiras, mellor libro xuvenil; O papiro do César, mellor libro de LIX traducido (por Isabel Soto e Xavier Senín); O último día de Terranova, mellor capa de adultos e Lendo lendas, digo versos, mellor capa de LIX.

Como tamén moito nos aprace que Xerais sexa considerada outra edición máis como mellor editorial do ano,  Culturgal como «o mellor acontecido de 2015» e Brétemas, a pesar de non ser un blog estritamente literario, continúe sendo valorado. Merecen, ademais, os nosos parabéns Ledicia Costas como «autora do ano», Xosé Cobas como «ilustrador do ano» (ademais de autor das ilustracións das dúas mellores capas) e Armando Requeixo como crítico literario e responsable do mellor blog. Outro tanto a Antón Riveiro Coello, autor d’ Os elefantes de Sokurov, mellor libro de Narrativa; Maria Solar, autora d’ O meu pesadelo favorito, mellor libro infantil; Davila autor d’ O bichero, mellor álbum de banda deseñada, Laureano Araújo Cardalda, tradutor d´ A morte en Venecia de Thomas Mann, mellor libro traducido para o público adulto; Couceiro como mellor libraría e Praza como mellor medio de comunicación.

Abonda con repasar as obras e iniciativas recoñecidas como finalistas en cada unha das categorías para recoñecer a diversidade da oferta do sector editorial galego, a pesar de que non amanaisen os ventos da crise nin a inacción das políticas públicas de lectura. O 14 de maio, data na que se celebrará no Teatro Principal de Compostela A Gala das Letra, organizada conxuntamente pola AELG, AGE e Federación de Librarías de Galicia, coñeceremos un novo ditame sobre o publicado en galego o pasado ano. Xaora, as nosas beizóns aos responsables de Fervenzas e a todos os autores e autoras, ilustradores e ilustradores, tradutores e tradutoras e editoras recoñecidas.

Poema de hoxe 15: «A chuvia humana» de Ramón Caride

urlA autocrítica

é outra especie

en perigo

de extinción

Ramón Caride, A chuvia humana (Toxosoutos, 2011)

Poema de hoxe 14: «haikai dobre en xaneiro» de Marilar Aleixandre

XG00226801desempenada

a garza en Brandomil

un de xaneiro

 

en gris e branco

interroga na ponte

días de porvir

Marilar Aleixandre, Ovella descarreirada (Xerais, 2014)

Poema de hoxe 13: «Hordas de escritura» de Chus Pato

XG00139901Non, paraíso non é a infancia, o paraíso é a animalidade; é o paraíso que perdemos

Chus Pato, Hordas de escritura (Xerais, 2008)