Palabras contadas
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
A vindeira semana comezarán as presentacións (onde haberá moitas sorpresas) por diversos bares do país do novo libro de Camilo Franco, Palabras contadas. O libro inclúe máis dun cento de microrrelatos, outros trinta argumentos de novela, ademais de cinco relatos algo máis extensos, a xeito de bises. Aproveitando a funcionalidade da literatura breve Camilo aborda, con grandes doses de humor e ironía, non exentas de melancolía, os temas e os xéneros máis característicos da narración: o amor, a morte, a dor ou a alegría. Palabras contadas deu pé á próxima exposición homónima da Fundación Luís Seoane, organizada dentro do Proxecto-Edición, que tenta aproveitar dúas posibilidades que quizais non se deron antes na historia da narración. Recomendo a entrevista co autor que aparece hoxe na Voz.
Vidas exemplares no Bar Plaza
/en Autores, Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemas
Magnífica foi onte a presentación de Vidas exemplares de Uxía Casal no centenario Bar Plaza de Ribeira. Numerosísimos amigos e amigas ateigaron o Ateneo Valle Inclán que con este acto iniciaba a súas actividades. Coñecín a Paleón e Tucho (entusiasmados os dous pola novela de Ameixeiras) e parolei un bo pedazo con Santi Páramo e Aida (dous compañeiros da facultade cos que non me atopaba dende hai vinte e cinco anos; vaia recorte da ediciónde compostelana de La Voz de Galicia de febreiro de 1981, de onte a hoxe!) e co ex-deputado Santos Oujo, entre moitos outros. Outra volta volvín apreciar o interese que as presentacións de libros poden ter para animar á lectura e tecer comunidade.
Na súa intervención Uxía Casal sinalou que nestes relatos pretendeu partir de situacións cotiáns para explorar a crueldade do mundo e propoñer a fantasía como unha realidade paralela. Suxerir e desacougar ao lector, creando atmosferas envolventes cun final inesperado, que revolcase ao relato, foron outras das súas pretensións. Uxía defendeu unha prosa inzada de musicalidade artellada sobre a economía de medios e a precisión lingüística (rememorando a cita de Patricia Highsmith: “todo o que sexa superfluo nun texto, sobra”). A pesar do ballón e do estado calamitoso da Vía do Barbanza volvemos para Sal máis contentos cun cuco.
Vidas exemplares, a presentación.
/en Narrativa, Novidades, Presentacións, Xerais/por bretemas
O martes 5, as 20:00 horas presentaremos Vidas exemplares de Uxía Casal no Bar Plaza de Ribeira. Estades convidados, xente do Barbanza.
Blúmsdei: quitar o corsé
/en Críticas, Narrativa, Premios, Xerais/por bretemas
Un bo amigo, ao fío da miña anotación de hai dous días, recórdame por correo electrónico a primeira crítica aparecida de Blúmsdei, preparada por Camilo Franco e aparecida no suplemento Culturas de La Voz (é unha mágoa que só se poida consultar en PDF) o 24 de xuño deste ano. Trátase dun texto crítico moi lúcido que amosa a relevancia da máis recente novela do noso Salinger. Reprodúzoo na súa totalidade polo que entendo gran interese:“Sería moi cómodo interpretar Blúmsdei pola súa superficie, dialéctica. Polo seu carácter discursivo ou pola aparente eliminación de convencións que implican por igual aos métodos narrativos e ao sucederse das ideas. Sería rebuscado interpretalo estudando profundidades para levarlle a contraria ao autor porque de superficie e de fondo o último libro de Cid Cabido é un exercicio de literatura que disimula a exposición pero non a súa profundidade.
En moitos sentidos este libro é o da construción dunha narratividade que elimine as imposturas, as propias da literatura máis próxima e aquelas que proceden dos seus entornos socializantes. En certo sentido, de tanto esquivar modelos estetizantes, de construción politicamente correcta ou mesmo de acabado académico, Cid Cabido, afonda no coloquial como forma de prevención de calquera modo de esclerose formal.
As árbores que constante move o escritor diante dos ollos lectores chaman polo bosque das circunstancias: as do escritor seriamente apeado do pedestal da autoridade moral, a da memoria inevitablemente ameazada polas lagoas, a da perversión histórica das relacións entre o narrador e mais o lector e algunhas outras circunstancias que imos chamar menores para que ninguén pense que confundimos vida con obra e que Cid Cabido decide descolocar polo método de colocalas xusto no lugar que lle corresponde.
Xoga coa lingua e coa linguaxe e mesmo xoga coa idea dunha cultura excesivamente dependente da súa capacidade memorística. Por baixo da aparentemente inmediata organización coloquial do texto, por entre a aparencia anárquica da relación co lector, van aparecendo argumentos pouco dados á frivolización. E pode parecer que Cabido frivoliza coas formas, pero en absoluto cos argumentos. Sobre a dobre vía o autor de Días contados, vai sinalando sen demasiadas concesións algúns dos paradoxos aos que estamos sometidos desde o aquí e desde o agora. Desde a asunción da condición de escritores que escriben para entre eles ata a relativización da importancia do feito artístico. Son argumentos non chegan ao lector pola vía do apostolado intelectual, do enunciado filosófico senón desde a operatividade narrativa. En fin hai moitos anos que deberiamos ter obviado o debate entre acción e narración e non deixarse seducir por cousas tan peregrinas.
No texto de Cid Cabido pasan cousas, todas elas desde unha rememoración case automática, como se a memoria fose unha extremidade orgánica que colga de nós pero con certa autonomía. Pasan cousas que un lector pode calcular que forman parte do cotián e quizais non se equivoque, pero a intención é ir do particular ao xeral. Todo está ligado. Mesmo ese permanente xogo de ir adiando o suposto motivo literario do texto é outra indicación de que a literatura é algo residual fronte as dimensións da vida. Pero se a explicación queda excesiva quizais chegue con dicir que Cid Cabido non parece moi decidido a afortalar aquelas actitudes nas que, en sentidos diversos, se acaba por sacralizar o papel do escritor. Por iso o libro é, en realidade, unha narración dunha exactitude vital: como un humano mirado desde a lente do microscopio”. Camilo FrancoEtiquetas: Cid_Cabido, Camilo_Franco,
Blúmsdei, gañador do Táboa Redonda 2006
/en Beizóns, Narrativa, Premios, Xerais/por bretemas
Blúmsdei de Cid Cabido foi a obra gañadora do Premio Táboa Redonda ao mellor Libro Galego do ano 2006, outorgado entre os seus lectores polo Diario de Pontevedra e El Progreso de Lugo. A pesar de que esta novela non foi nin presentada en actos públicos nin apareceron entrevistas ningunhas nos medios, por desexo do seu autor, semella que, aínda así, puido abrirse unha fenda no interese e no apoio dos lectores. Ata agora foron escasas as referencias críticas aparecidas, coa excepción, que coñezamos nós, dos textos de Syldabija e Manuel Rodríguez Alonso. Agardamos que este recoñecemento axude a visibilizar unha obra que, afastándose das convencións da narrativa de ficción clásica, empregando a adxetivación especular ou simétrica e os constantes cambios de rexistro idiomático, aposta por liñas de literatura de investigación. Beizóns para Cid Cabido.
A crítica dos nosos premios
/en Críticas, Literatura infantil e xuvenil, Narrativa, Premios/por bretemas
Non podo negar que estou moi satisfeito da aparición das primeiras críticas que están recibindo as tres obras gañadoras dos nosos premios deste ano:
- Premio Merlín de literatura infantil: “Un premio Merlín engaiolante“.
- Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil: “Nazis e okupas nas montañas luguesas“, “Hippies e nazis en Galicia“, “A cova das vacas mortas de jaureguizar“.
- Premio Xerais de Novela (presentámolo por vez primeira mañá martes en Compostela): “O último premio Xerais“.
A aparición das primeiras valoracións das obras que publicamos é un momento importante do proceso de edición, tanto para o autor como para o editor. A partir dese momento é cando podemos afirmar que os libros o son. Mágoa que existan aínda tan poucos espazos para a crítica literaria, especialmente nos medios analóxicos impresos. Son vitais para podermos existir.
Para ler dúas veces
/en Autores, Beizóns, Críticas, Narrativa, Xerais/por bretemas
Hoxe apareceu en Babelia unha crítica sobresaliente da edición en castelán da novela de Rivas. Aledámonos desta recepción tan positiva que coincide coa expresada nos blogs galegos por Martin Pawley, Folerpa, Cesare, O levantador de minas, R.R., ou por críticos como Fernán Vello, Sandra Faginas, Xosé Manuel Eyré, Xulio Valcárcel (mágoa que estas tres últimas non poidamos lelas na rede) e Manuel R. Alonso. Penso que é moi significativo que no paratexto da edición de Alfaguara se inclúan algunhas frases destas críticas publicadas nos nosos blogs. Quén pode dubidar do recoñecemento que isto supón para estes traballos críticos e para os seus autores. Beizóns para eles.
Vidas exemplares
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
Hai tempo que tiña moitas ganas de anunciar a chegada aos andeis das librarías de Vidas exemplares, o libro de relatos de terror de Uxía Casal.O club da calceta
/en Autores, Narrativa, Novidades, Xerais/por bretemas
Chegan máis novos títulos do prelo. A novela O club da calceta de María Reimóndez é o máis recente. Velaí o texto que contracuberta que preparamos para presentala:
“Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
O Vigo de Otero Pedrayo6 de Xaneiro de 2026 - 9:54 a.m.
Aguinaldo4 de Xaneiro de 2026 - 3:06 p.m.
Contafíos31 de Decembro de 2025 - 5:53 a.m.
Vigo en tres paisaxes30 de Decembro de 2025 - 7:02 a.m.
Primeiro Conto de Nadal24 de Decembro de 2025 - 6:57 a.m.









