Dragona: presentación
Mañá ás oito no Dadó-Dadá a primeira presentación de Dragona de Xavier Queipo.
Mañá ás oito no Dadó-Dadá a primeira presentación de Dragona de Xavier Queipo.
Hoxe chegaron do prelo os primeiros exemplares de Dragona, a nova novela de Xabier Queipo. Presentarémola o xoves, día 8, no Dadó Dadá de Santiago (20:00 horas) e o día 9, no Verbum Jazz Café de Vigo (20:00 horas, tamén). En ambos os dous actos, Mister Choco pinchará algunha das músicas que aparecen na novela. O texto de promoción de Dragona que preparamos é o seguinte:Na narrativa galega actual, Xavier Queipo é un dos autores que máis gravitan sobre o eixo Investigación + Desenvolvemento + Innovación Literaria. En Dragona, preséntanos unha “novela de personaxes”. Nunha cidade sumidoiro, cualificada polo autor como “A cidade do esteiro”, desenvólvese a vida dunha serie de personaxes atípicas chegadas dos catro cantos do mundo, que transitan entre a desesperación e a lubricidade, entre o comportamento fútil e as paixóns máis primarias. Dragona é unha novela con banda sonora e recreación no terreo se cada máis inexplorado da narrativa galega, aquel que analiza con precisión de cirurxián os sentimentos e as paixóns coma se fosen tecidos dun corpo único. Esta novela marca, para o autor, un antes e un despois na súa procura constante, na procura do que non se ve, deses lindeiros da incerteza, o que Cortázar chamaba “o outro lado”. Dragona é unha parábola do futuro que nos espera, que está aí, que xa chega.
Aquí pode descargarse o primeiro capítulo da obra. Boa lectura!
Etiquetas: Xavier_Queipo
Hoxe foi un día importante para a edición en galego. O novo libro de Paul Auster apareceu simultaneamente nas catro linguas oficiais. Galaxia volve acertar, despois da exitosa edición de Brooklyn Follies, e ofrece aos lectores galegos Viaxes no Scriptorium, o que supón a consolidación da tradución simultánea no mercado noso dun dos grandes do noso tempo. Non hai dúbida que nos dous últimos anos –especialmente grazas a aparición de Rinoceronte e á decidida estratexia de Galaxia (prepara 27 traducións este ano)– vivimos un momento de euforia da tradución, un auténtico termómetro para coñecer a saúde do noso mercado. Ademais, á saída da reunión da Comisión do Libro e a Lectura (a redacción do proxecto de Plan de Lectura, previsto na Lei do Libro, quedou listo), confirmáronme o importante aumento das axudas da Consellaría de Cultura para a tradución (por primeira vez chegarán aos 200.000 euros), o que deberá permitir a consolidación desta oferta. No entanto, a clave está na reflexión que fai Gardalivros: “Cómpre agora que os leitores poñamos da nosa parte a disciplina e a práctica da leitura que se precisa para criar hábito. Non vaia ser que nos atopemos, parafraseando a Schiffrin, con traducións sen leitores.” Eu teño confianza que esta euforia se poida consolidar. Polo momento, beizóns para Galaxia pola continuidade da súa aposta pola tradución contemporánea.
A morte do grande mestre polaco conmocionou a rede de forma tan unánime como moi poucas veces teño visto. Desque hai case unha década descubrín La guerra del fútbol quedei prendido á obra deste narrador da verdade que silenciosamente (sen apenas contar co apoio da mercadotecnia editorial) foi gañando a milleiros de lectores. Ninguén pode dubidar que as súas grandes reportaxes son memorables, mais os seus libros de “ensaio” máis recentes (Los cínicos no sirven para este oficio, Lapidarium IV e El mundo de hoy) quedarán para sempre na miña memoria de lector como os meus preferidos, deses poucos libros que se deixan reler como manantío. Kapuscinski foi autor dunha obra que se resiste a unha clasificación unívoca; definiu a súa prosa simplemente como “textos” escritos ou falados. A esencia do xornalismo contemporáneo.“A forma da sonata é a estrutura dunha obra musical cuxa esencia consiste nunha transformación libre de temas. Unha das súas variantes: a sonata barroca, que se compón de movementos breves que constrastan un co outro. En literatura, o seu equivalente sería o fragmento, a forma fragmentaria.” (Lapidarium IV)
Cando me preguntan qué escribo, sen formular cuestións propias da teoría da literatura, contesto: un texto. E que tipo de texto? Un texto bo. Todo escritor desexa crear un bo texto. (O mundo de hoxe)
En todos e cada un dos meus textos intentei descubrir, captar e reflectir o quid, a esencia do acontecemento, do fenómeno ou da realidade que describo. (O mundo de hoxe)
O detalle sérveme como punto de partida para unha reflexión xeralizadora. (O mundo de hoxe)
En todo o que fago intento falar coa miña propia voz, unha voz persoal, amortecida. Non sei berrar. (O mundo de hoxe)
Que a terra che sexa leve, mestre!
Eran a parella perfecta. El non tiña cabeza, ela tiña conta corrente e os dous querían fuxir.
Mercaron o coche máis grande do concesionario, subiron, abrocharon o cinto e mantiveron as costas correctamente repousadas contra os asentos. Foron perdendo os puntos da razón en cada unha das curvas ata que a morte os acabou de casar na quinta das seis voltas de campá con que percorreron o terraplén.
Etiquetas: Camilo_Franco
Terrorista aparecerá nesta primavera simultaneamente en castelán, galego e catalán.

Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
