Golfiño

Dos proxectos que teño promovido na miña vida profesional en poucos tiven máis fe ca en Golfiño, unha revista mensual de banda deseñada, dirixida a nenos e nenas de 8 a 12 anos, que creamos da man de Fausto Isorna e Miguel Vázquez Freire. Sempre crin que co comenzo deste século era o momento de reeditar o esforzo que supuxo Vagalume ou o papel que en Cataluña viña desempeñando Cavall fort (despois de corenta e seis anos segue editándose) como medios dirixidos ao público máis novo. Equivoqueime. Comercialmente para nós a experienciade Golfiño foi un fracaso estrepitoso, non conseguimos apenas axudas (a pesar de que petamos en moitas portas) e, despois de catorce números de termar por ela, acabamos pechándoa e cedéndolla gratuitamente á La Voz de Galicia que a convertiu en semanal e exclusivamente en publicación de historieta, durante dúas tempadas. Porén, teño o convencemento de que Golfiño triunfou doutra maneira, xa que foi fundamental para que agromase unha boa parte da xeración de debuxantes de BD, que existe hoxe no país.
Agora Fausto inaugura unha exposición sobre o proceso creativo das portadas da revista, unha antolóxica de quince daquelas portadas, feito que nos enche tamén de orgullo. Poucas veces podemos dicir que un fracaso sementase tanta esperanza. Beizóns para Fausto o creador do personaxe e o director artístico de tan importante proxecto.

Etiquetas:

Penguin: cubertas en branco


Xa temos expresado no blog a importancia e o sentido das cubertas, unha das claves na primeira comunicación cos lectores e no difícil camiño de abrirse á visibilidade nas librarías.

O máis orixinal que teño descuberto sobre esta cuestión (vía os meus colegas Carlos Lema e Leroy) é a experiencia de Penguin de propoñer aos lectores e lectores personalizar o deseño de cubertas de seis títulos clásicos publicándoas en branco.

Algunhas das propostas realizadas poden verse nesta páxina do fotoblog da editorial. Quen dixo que as cubertas dos clásicos teñen que ser adustas e aburridas? Outro vieiro para explorar.

Etiquetas: ,

Carta a El País

O lanzamento o pasado domingo duns supostos libros de literatura infantil (adaptacións de obras adultas a grande formato, ilustradas de forma antidiluviana) constituíu un esvarón de considerables proporcións de El Pais, impropio dun medio que pretende facer xornalismo de calidade. Unha serie de profesionais do libro e da edición asinamos unha carta na que afirmamos que un “xornal como El País non debe difundir seudoliteratura baixo o obxectivo de achegar a gran literatura adulta aos nenos”. Este lanzamento abre un debate que remite a cuestións tan relevantes como qué entendemos por literatura, por literatura infantil, por libro, por lectura ou por formación dun criterio lector nas novas xeracións. Convido a participar na denuncia.

Kiko da Silva

Kiko xa ten blog. Benvido!

Pablo Auladell

Coñecín ao ilustrador Pablo Auladell polo magnífico traballo que fixo para a edición non venal de “Un radiante silencio”, un conto de Agustín Fernández Paz que formará parte do seu próximo libro en Fóra de Xogo. O ilustrador mallorquín mantén un blog onde vai publicando parte dos traballos en marcha. Unha proposta moi interesante.

Asun Balzola

Onte morreu Asun Balzola. A artista bilbaína foi unha das máis importantes ilustradoras de libros infantís e xuvenís en España nos últimos trinta anos. Autora, tamén, dalgúns textos memorables, nos anos oitenta fixo unha importante contribución á incipiente edición infantil galega ilustrando títulos da primeira colección de Sálvora ou o O gato Bógar, un dos primeiros e máis emblemáticos libros da colección Merlín. A claridade da liña, a textura da cor e a profundidade dos seus personaxes caracterizaron o traballo de ilustración desta xenial artista. Beizóns para ela.

Etiquetas: ,