“A cerdeira, árbore da familia das
Rosaceae, é irmá das amendoeiras e curmá dos pexegueiros e ameixeiras. Arboriña de orixe incerta, don
Álvaro Cunqueiro dixo que a trouxo o xeneral Lúculo a Roma dende a localidade de Kerasos (de aí ven o seu nome latino
Cerasus), ubicada na costa do Mar Negro, espallándose decontado por todo o Imperio e atopando en Galicia terras que lle foron moi ben. Fose ou non certa esta versión de don Álvaro, que reivindicou o país noso como de moita froita (as mazás camoesas, tabardiñas e roibas, pavías, peras urracas, claudias verdeais, noces, amorodos, nísperos, arándanos, sorbas…), a cerdeira en Galicia é tan vella coma a lingua nosa, razón pola que podemos considerala como un dos sinais da nosa identidade. Os galegos somos un pobo que papa nas cereixas dende hai máis dun milleiro de anos. A cereixa é outro dos nosos símbolos nacionais, como os xaponeses teñen o “sakura”, unha caste decorativa de cerdeira que non dá froito. Emulando ao meu amigo o escritor Manuel Rivas, a quen logo volveremos citar, somos comedores de cereixas e devecemos por elas todo o ano porque, como as sardiñas da ardora, anuncian a chegada do verán.
Os galegos comemos toda caste de cereixas, sexan as doces (as chamadas mollares e garrafais) ou as agredoces (as guindas). Aínda que de todas elas, son as de Beade as máis sabedeiras e as que teñen máis sona: sexan as branca do cedo, as branca do tarde, a negra tardía ou a picuda ou de pico, que tamén así se lle chaman ás que os estremeños denominan “
picotas”. E gostamos das cereixas, e máis aínda das de Beade, por que como pobo ben informado coñecemos os seus efectos beneficiosos.
Papamos esa drupa carnosa e globulosa porque, ademais de proporcionarnos o pracer de gozar do aroma condensado da terra bretemosa, é unha froita moi rica en vitaminas e en minerais como o ferro, calcio, magnesio, potasio e xofre, que se cre protexen contra o cancro. Ben dotadas de azucres, as cereixas proporcionan, tamén, a quen as toma moita enerxía, razón pola que se considera posúen propiedades rexuvenecedoras, antidepresivas e, mesmo, afrodisíacas. Permitídeme que me deteña nestas tres cuestións que non quero pasen desapercibidas.
Semella demostrado que os consumidores habituais de cereixas mocean e mesmo combaten as gorduras debido ao efecto diurético da súa inxesta moderada (en cantidades moi elevadas pode producir outros efectos menos desexables). Efecto depurativo e diurético que, segundo os naturópatas especialistas en
Fitoterapia, permite o lavado de todo o organismo eliminando as toxinas acumuladas no corpo. Efecto que se pode intensificar se preparamos unha infusión cunha presa dos rabos que deixamos a remollo durante unha noite e a mañá fervemos nun litro de auga durante vinte minutos.
Efecto antidepresivo que se consegue tanto se tomamos uns cantos acios ou unha presadiña delas ás once como na tardiña, o que lle permitirá ao organismo aumentar a utilización de osíxeno, potenciar a función cardíaca e, mesmo, e isto é moi importante, outorgar moito optimismo a quen as consume. Non o dubiden, cando se noten un pouco baixos de ánimos ou deban afrontar un problema menor, a vida dános moitas pancadas destas cada día, tomen unhas cantas cereixas e xa verán como poden rular bastante mellor. As cereizas son mellores que o prozac.
Pola súa importancia, deixamos para o remate a exaltación do carácter afrodisíaco das cereixas, entendo que especialmente das picudas. Non teñan dúbida, as cereixas son a froita do amor por excelencia. A cereixa é unha froita erótica, tanto pola súa forma globulosa, polo seu tamaño brincadeiro, polas súas cores atractivas (que abordan todos os matices dos vermellos), como, e isto semella o máis importante, polo seu carácter estimulante da comunicación e da aperta. Manuel Rivas foi quen mellor inmortalizou literariamente esta idea cando escribiu o seu coñecidísmo relato “
¿Que me queres amor?”, que comeza deste xeito (atendan, por favor):
Soño coa primeira cereixa do verán. Doulla e ela lévaa á boca, mírame con ollos cálidos, de pecado, mentres fai súa a carne. De repente, bícame e devólvema coa lingua. E eu que marcho tocado para sempre, o óso da cereixa todo o día rolando no teclado dos dentes como unha nota musical.
Velaí a descrición do chamado bico de cereixa, un achádego literario que moi ben podemos emular. A esta altura, non parece prudente continuar con este sarillo, mais todos vostedes comprenderon con apenas catro liñas de Rivas o que pode provocar xogar dese xeito cun óso dunha picuda de Beade. Pode ser memorable.
En fin, comer nas cereixas é un pracer para os sentidos que, por riba, se o facemos sen o fanatismo dos excesos, ao corpo lle fai moito ben. Un pracer que pode gozarse ao natural, en sobremesas memorables como as que se presentan a concurso nesta festa, ou enchoupadas en licor envellecido polas guindas. A cereixa é un froito extraordinario que a natureza nos legou e que a humanidade mimou para o seu goce futuro”.