Futbolistas emigrantes

O segundo encontro da selección foi, loxicamente, un chisco menos emotivo que o do debut do pasado ano, aínda que a nivel estritamente de xogo resultou moito máis rico e interesante. O combinado galego, a pesar de non poder contar con algunhas das súas estrelas (Oubiña, Aspas, Salgado ou Cabanas), empurrou cunha calidade e afouteza sorprendentes. Moi ben amparado dende a porta por un segurísimo Diego López e dende o medio da defensa por Rubén (o compostelán fixo un partido espectacular, tanto no corte como nos desprazamentos longos da pelota ao xeito inglés), durante a primeira parte o Mago Viqueira adonouse do medio do campo distribuíndo coa fineza dun artesán; mágoa que as oportunidades, que chegaron de varios centros de Trashorras, non puideran ser aproveitadas (indubidablemente, fáltanos remate). Na segunda, a pesar do gol ecuatoriano (o lanzamento da falta foi espléndido), a entrada do xove Jonathan Pereira (hoxe no Villareal, mais procedente da canteira viguesa do Santa Mariña de Cabral e do propio Celta) e de Diego Castro revolucionaron o partido coa súa capacidade de desborde e caneo. Froito dunha das súas sociedades chegou o merecido gol galego que restablecía o equilibrio dun encontro emocionante e intenso. Cando saímos de Riazor, a maioría dos seareiros non estabamos satisfeitos só polo feito de ter gozado e cantado no noso segundo amigable, se non, e isto é aínda máis importante, por ter comprobado sobre o terreo as moitas posibilidades que atesoura esta nova xeración de valiosos futbolistas galegos, a maior parte emigrantes. Que fan o Celta e o Depor que non tratan de reintegrar para o país a toda esta xente? Que lle ten que envexar Rubén a Tamas ou Jonathan Pereira a Núñez ou Nené? Acaso Viqueira non dirixiría con máis criterio e eficacia ca o están facendo os actuais medio centros do Deportivo? Mouriño e Lendoiro (ou os seus responsables técnicos) deberían tomar boa nota de todos estes nomes. Onte o fútbol –ese deporte que sempre semella representar máis que un xogo con pelota– amosouse, outra vez máis, como espello do imaxinario e do real da sociedade. Galicia segue a producir emigrantes.

Campo do Fragoso XXIX

O INSTANTE DECISIVO
Esta tempada un extraño trasno debe habitar na estragada lameira de Balaídos trabando as botas dos dianteiros celestes e impedindo que se produzan eses instantes decisivos, eses alustros de duración apenas perceptible para os seareiros, que permiten a aparición da fantasía irrepetible do gol. Onte, o Celta volveu poñer sobre o terreo todos os ingredientes necesarios para que algún deses momentos máxicos aparecesen: a intención atacante, a intensidade defensiva, o manexo con sentido da pelota, o despregue en velocidade polas bandas, o toque preciso nos desprazamentos, a cooperación no contragolpe… A pesar de manexar con soltura todos estes conceptos do fútbol gañador, mesmo a pesar do conformismo do actual pechacancelas da liga, o conxunto galego volveu naufragar na casa por que foi incapaz de concretar as súas múltiples oportunidades nos instantes decisivos: un pexegazo moi ben intencionado de Jorge Larena á trabe, un punteirazo ao pao do sempre batallador Baiano ou as diversas melés a porta baleira que os dianteiros celestes non souberon resolver. Durante moitos minutos do partido, cun dominio tan apabullante, con ocasións tan claras e realizando un xogo combinativo moi aceptable, parecía imposible que os celestes non acadasen, por fin, a vitoria diante dos seus afeccionados. Porén, por mor da teimosa presenza do trasno da imprecisión nos instantes decisivos o gol non só non apareceu se non que volveu asomar a temible sombra da derrota. Cando avanzada a segunda parte o Celta comezou a decaer fisicamente, tras tres encontros nunha semana, afortunadamente os de Lotina careceron da convicción suficiente para levarse o encontro nun dos seus contragolpes. Para os dous conxuntos estivo claro que no fútbol, como na vida, non se pode gañar se non se aproveitan eses poucos instantes decisivos.

Etiquetas:,

Campo do Fragoso XXVIII

DESENCONTRO
A afección ten razóns para estar descontenta co Celta desta tempada. Os magníficos resultados e a consistencia do equipo fóra da casa (un dos mellores conxuntos como visitante) non se corresponden nin cos seus raquíticos resultados (apenas cinco puntos de vinte un posibles) nin coa intermitencia do seu xogo nos encontros de Balaídos. Esta comprensible decepción dunha bancada moi esixente, ansiosa de velo xogar na casa coa consistencia que amosa nos partidos televisados, estase traducindo nunha severísima como, para min, inxusta relación cos xogadores e, especialmente, co seu adestrador. Balaídos converteuse así para os celestes nun inferno máis que no escenario para sentirse agarimados e protexidos polos seus máis incondicionais siareiros. Onte volveu aparecer este desencontro nun partido intenso (o máis fermoso desta liga), desputado por dous conxuntos que quixeron a pelota e que estragaron moitas oportunidades claras en ambas as dúas portas. A primeira parte foi, sen dúbida, para os galegos mercede ao control do mediocampo, onde moito mandaron Iriney (secou ao perigoso Riquelme) e Oubiña, e a unha banda dereita onde Ángel e Gustavo desbordaron canto quixeron. Na segunda mudaron as tornas, o Villarreal gañou o control do xogo, o que non impediu que os célticos tivesen tres grandes oportunidades nas botas dun actívismo e sacrificado Baiano. Noutro contexto, este xogo perigoso e a vontade de vitoria do Celta, a pesar do empate, abondarían para deixar máis que satisfeita á bancada; mais sometidos a esta presión, o encontro rematou de forma moi tensa con apupos a Fernando Vázquez por mor do cambio de Baiano, solicitado previamente polo dianteiro (un malentendido). A reconciliación do equipo coa bancada é urxente se queremos acabar con este perigoso desencontro.

Etiquetas: ,

Campo do Fragoso XXVII

EMPATIÑO
O adestrador aragonés Víctor Fernández –o inesquecible inspirador daquel engaiolante Celta de fantasía– na súa volta ao banco non perdeu as mañas e foi a polo partido dende o seu inicio: fixéronlle falta só seis minutos para que os seus se puxeran comodamente por diante no marcador grazas a un remate do perigoso Diego Milito, moi facilitado, tras un córner sacado en curto, por outro erro clamoroso da marcaxe celeste (xa un auténtico “clásico” da defensa viguesa nesta tempada). A pesar de que os zaragocistas quedaron mermados coa prematura expulsión de Zapater, os celestes non foron capaces de encarar o seu xogo coa convicción necesaria para acadar a vitoria. É certo que algúns xogadores como Jonathan Aspas empuxaron moito, como o é, tamén, que os celestes monologaron cansinamente co control da pelota no centro do campo, mais nunca foron capaces de destrabar o seu xogo de ataque tan escasamente creativo como ineficaz no remate (o gol de Baiano chegou tras unha cantada típica de César). Tampouco estivo máis fino Fernando Vázquez na dirección técnica do equipo: a pesar de estar en superioridade numérica, dende o primeiro cuarto de hora da primeira parte, non modificou nin unha miga o seu esquema de xogo; mantivo teimosamente a un Nené, que nin desborda nin defende e adiou de máis a entrada de Jorge Larena, un xogador que, polo menos, sempre permite ensaiar outras posibilidades atacantes cando Cannobio non ten o seu mellor día. Tal como transcorreron as cousas, o empatiño sóubonos a gloria xa que, a pesar de que o Celta non gaña na casa dende hai case mes e medio, por fin conseguiu puntuar. Agardamos que sexa o inicio dunha tendencia máis positiva e ilusionante para os sufridos afeccionados que aínda acudimos a Balaídos.

Etiquetas: ,

Comentario de textos

Crónicas do derbi. Un interesante exercicio de comentario de textos.

É posible a mínima obxectividade en cuestións futbolísticas?

Etiquetas:

Campo do Fragoso XXIV

CONXUNTO ESPECTACULAR
Foi un partido espectacular, vibrante, emocionante e desputadísimo ata que Iturralde asubiou o remate. Tras un inicio de tempada un chisco vacilante, volvimos gozar da esencia do fútbol combinativo dun conxunto que na primeira parte arroiou cunha auténtica corga de oportunidades preciosas como había moito, moito tempo non se viran en Balaídos. Anticipándose na liña de pase valencianista, freando todas as posibilidades de contragolpe deses diaños chamados Villa e Silva (si, o noso “Silviña”), o conxunto de Vázquez, baixo unha dirección maxistral de Oubiña (moi centrado e participativo, mágoa dese poste que lle impediu marcar o gol da súa vida), ofreceu un recital do mellor fútbol moderno baseado no xogo colectivo e harmónico de todas as liñas. Rematando cada unha das xogadas de ataque (como aconsella Johan Cruyff) para evitar perder despois o debuxo defensivo, confiando ata o límite nas posibilidades propias, baseadas na concentración defensiva e no funcionamento dun vistoso triángulo atacante, o Celta conseguiu remontar con pasmosa facilidade un resultado adverso. Mais a pesar dos tres golazos (tres cacheiróns marabillosos), a vitoria non foi nada doada, xa que o espectacular conxunto galego tivo diante a un rival de xogo notabilísimo, que amosou posuír múltiples alternativas para crear perigo e provocar o pánico durante a derradeira media hora. A impecable dirección de Fernando Vázquez (outra vez inxustamente expulsado, no que semella unha auténtica persecución arbitral contra o noso adestrador), oportunísima nos trocos e nas variantes tácticas, foi vital para conseguir esta vitoria traballadísima, chamada a iniciar a remontada na clasificación. Unha grande tarde do fútbol da serpe celeste. Marchamos moi, moi satisfeitos.

Campo de Fragoso XXIII

PINTAN BASTOS
Desde a tempada do descenso non asistiamos en Balaídos a un partido máis nefasto e deplorable do Celta. Abondoulle ao Osasuna posicionarse con disciplina sobre o terreo para noquear en senllos contragolpes a un equipo que saíu fachendeando do xogo preciosista de ataque e da defensa abrumadoramente segura que exhibira en Liexa. Os de Vázquez non ofreceron nin unha cousa nin a outra e, pola contra, amosaron enormes carencias que fixeron que o medo aos demos volvese á bancada. Desde os primeiros minutos, perdido completamente o control do xogo no medio do campo, os nosos pivotes esqueceron que o seu labor é recuperar balóns e desprazalos con rapidez, feito que foi provocando, a medida que avanzaba o reloxo, un auténtico socavón entre a liña de centrais –que sorprendentemente era quen debía dirixir todo o xogo celeste (Lequi e Contreras foron os únicos que se salvaron do desastre)– e unha feble liña atacante na que batallaban con escaso acerto Gustavo, Nené e Canobbio. A internacionalidade parece que non lle sentou ben a un ensimesmado Oubiña, sometido aos misteriosos caprichos do “complexo do príncipe”, abúlico e descentrado no seu labor primeiro de recuperación e engrenaxe entre as liñas do conxunto. O equipo todo foi naufragando dunha forma estrepitosa, amosando unha faciana feísima, sen coraxe nin ideas para asumir a difícil tarefa da remontada. Nin sequera a saída, na segunda parte, de Jonathan Aspas, Núñez e Perera (moito máis perigoso que un desesperante Baiano, como xa é adoito) conseguiron levantar unha miga o ánimo do equipo. O abandono das bancadas de boa parte dos afeccionados amosaba o seu disgusto diante de semellante falta de actitude. Hoxe en Balaídos pintaron bastos.

Etiquetas: ,

Enfrontamento galego

Fernando Vázquez gañoulle comodamente a partida a Luís Cesar, no primeiro enfrontamento de adestradores galegos desta tempada. Gustoume moito o espírito contra atacante do Celta, sobre todo nas combinacións dese triángulo formado por Nené e Cannobio co noso John Deere Baiano. Fronte a un rival coraxudo, amosamos que posuímos doses de calidade suficientes, alén de serenidade e disciplina defensiva dabondo, para gañar con facilidade en case calquera campo. Polo que vimos hoxe, semella que esta tempada os de Fernando van xogar máis cómodos e vistosos nos seus desprazamentos ca en Balaídos.
Mágoa desa lesión grave de Lucas (arrepiaba na pantalla ver como se esgazou o nocello, ten fractura), un rapaz que promete moito e que estaba formando unha eficaz sociedade de ataque con Gustavo (a súa velocidade é a maior sorpresa nosa deste inicio da liga). Esta vitoria dará azos aos celestes para preparar con maior confianza o encontro decisivo do xoves co Standard de Liexa (adestrado, desde hai uns días, polo antigo porteiro Michel Preud’homme, que fala un portugués moi fluído). Por certo, o xoves sairemos cediño para Bélxica coa Federación Peñas na que agardamos sexa a primeira viaxe futbolística da tempada europea.

Etiquetas: ,

Borja Oubiña

Nas páxinas de deportes de El País aparece hoxe unha reportaxe sobre Borja Oubiña que moito me alegrou. O texto amosa que o mellor futbolista galego da actualidade é tan bo e intelixente rapaz como sólido mediocampista dunha grande proxección internacional. As súas declaracións criteriosas sobre o fútbol actual (adscribíndose ao fútbol de toque e de conxunto), as súas opinións prudentes e retranqueiras (mais contundentes, tamén) sobre a concepción da canteira do Celta e do Coruña son moi ilusionantes para os que soñamos que algún día estes dous conxuntos sexan cen por cen galegos.
Hai dúas tempadas que comprobamos en Balaídos como Borja foi medrando como futbolista de porte elegante, e como foi gañando en seguridade e intensidade (tanto no roubo de balón, onde xa é un mestre, coma na distribución sobre as bandas, onde comeza a coller confianza). Oubiña é o modelo de futbolista moderno: culto, estudoso e paciente, moi traballador dentro e fóra do campo (sei que despois dos adestramentos queda dúas horas castigándose só no ximnasio da Madroa), e moi disciplinado e concienzudo tacticamente sobre o terreo (alí é o home de Fernando). Se é quen de gañar en claridade e precisión atacante (onde, polo momento están as súas maiores carencias), non teño dúbidas de que a presente será a súa grande tempada, tanto no Celta, como nas seleccións nas que participa (como mediocentro defensivo non admite comparación nin con Abelda nin con Senna). Temo que será tamén a derradeira co Celta. Seguindo por este vieiro, o vindeiro ano a Premier League váinolo levar .
Etiquetas: , ,

Campo do Fragoso XXII

BOAS VIBRACIÓNS
A pesar da derrota, a estrea celeste deixou boas vibracións na bancada. O encontro como espectáculo deportivo foi unha gozada: houbo goles dabondo, alternancia no control do xogo, fermosos caneos, pases longos e cambios de orientación por parte dos dous conxuntos e, sobre todo, un vistoso enfrontamento de dúas concepcións tácticas de dous grandes adestradores, a da defensa atacante característica de Fernando Vázquez e a do ataque defensivo que manexa o simpático Rijkaard. Foi a primeira parte propiedade dos célticos grazas á súa disciplinada presión defensiva que impedía desde a media lúa central a chegada de pelotas francas para os dianteiros barcelonistas. Esa tensión foi a que permitiu que Baiano inaugurase a súa tempada goleadora tras un recorte preciso dun prometedor Nené. Porén, a segunda foi claramente blaugrana, debido ao baixón físico dos celestes, que provocou a perda da súa concentración defensiva e a posibilidade de que uns magníficos Iniesta e Deco comezasen o seu recital de distribución cara os seus espazos preferidos, onde Etoo e Mesi son xa inapelables. O oportunísimo gol, nunha xogada a balón parado, dun moi acertado Gustavo López (o mellor dos celestes) fixo albiscar esperanzas de remontada o que, paradoxicamente, provocou unha inxustificada precipitación dos vigueses que derramaron as posibilidades de vitoria ou sequera de empate nos emocionantes minutos finais. Con todo, a pesar da febleza física de medio campo para diante, os célticos deixaron boas vibracións: a disciplina defensiva da liña de catro, as boas maneiras dos debutantes (tanto do lateral Lukas como do volante Nené) e o carácter batallador de todo o equipo prometen outra tempada moi ilusionante.

Publicado en Faro de Vigo

Etiquetas: ,