O xogo da serpe

É adoito que os anuncios de Nike sexan moi impactantes. Neste (dous minutos), protagonizado por xogadores como Cecs, Cristiano Ronaldo, Ronaldinho ou Sneijder (entre outros) ofrécese unha visión do fútbol empregando unha cámara subxectiva, dentro e fóra do estadio. Algúns malabarismos pagan a pena. Outra mostra de publicidade impactante.
Vía Julián Gallo.

Febre nas bancadas

Anagrama acaba de lanzar en Panorama de narrativas Fiebre en las gradas, unha nova edición do primeiro libro do meu admirado Nick Hornby, o narrador que mellor escribe de fútbol dos que coñezo. Estas son as memorias dun seareiro do Arsenal, desque o seu pai o levou, con apenas once anos, ao estado de Highbury e comprobou que “o espectáculo en forma de dor era un concepto totalmente novo” para el. O libro é moi divertido e melancólico, aínda que queda un pouco desfasado (publicouse en 1992), cando aínda non chegara ao clube londiniense Arsene Wenger nin contaban no centro do campo co xogo matemático de Cecs Fábregas. Con todo as opinións de Hornby sobre o momento actual do Arsenal poden seguirse dende o seu blog. Recomendo o libro ao meu amigo o editor e escritor Henrique Alvarellos.

Campo do Fragoso LIX

SOUBO A POUCO
Os pouco máis de catro mil resistentes espallados polas bancadas estragadas de Balaídos acudimos ao estadio con escasas esperanzas de saír minimamente satisfeitos. Habituados a unha tempada de xogo nefasto e resultados decepcionantes, a vitoria raquítica fronte ao Hércules sóubonos a pouco. Outra xornada máis, quedamos co mel nos beizos de poder gozar dunha vitoria ampla e de non sufrir o desacougo de pedir medrosos á hora nos minutos finais. Onte o Celta, sen facer un partido doutro xoves (a esta altura, os celtistas somos de moi bo conformar), mereceu un resultado máis avultado polas numerosas oportunidades que elaborou e por un xogo de calidade moi superior ao dun Hércules anémico e desorganizado. Sen ter apenas problemas defensivos e, cada vez mellor asentado no medio de campo, onde a parella Rosada-Michu vai collendo o seu punto, os nosos aseñoraron o partido durante oitenta minutos, nos que tiveron oportunidades abondas para acadar un resultado máis amplo. O gol de Okkas, no minuto trece, anticipándose na área pequena á defensa alacantina e rematando un saque de falta de Larena dende o lateral, prometía que poderíamos asistir, por fin, a un encontro tranquilo. Poucos minutos despois, Núñez culminou cun pexegazo raso, magnífico, unha combinación de toda a dianteira, acción que repetiu, ben entrada a reanudación, con outro formidable disparo, dende trinta metros, repelido pola escuadra, que botou na mesma liña de gol. Michu tamén puido marcar cun cabezazo que lambeu o poste. Outrosí sucedeulle a un Diego Costa famento de gol, mais que non tivo o seu mellor día: ao comezo da segunda parte, o poste malogrou a súa fermosa chilena dende a área pequena; tampouco tivo fortuna e serenidade suficiente, noutro par de ocasións, para canear ao porteiro no momento decisivo. O Hércules, un equipiño de veteráns, de capa caída, coma o noso, conseguiu desfacerse do control celeste no derradeiro treito do partido, no que conseguiu a súa única chegada, un formidable remate ao longueiro de Ión Vélez, que nos puxo un nó na gorxa, demostrando que este Celta, mesmo cando gaña, é un equipo agónico de seu. Con todo, a vitoria aforra desacougos e o medo a imprevistos de última hora, colocando aos celestes no camiño de comezar o proxecto da vindeira tempada. Antonio López ten a oportunidade de foguear aos canteiráns nas xornadas que restan. Unha boa oportunidade para recuperar a ilusión perdida.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVIII

ABURRIDOS
Perdido o obxectivo do ascenso, un aburrimento insoportable asolagou Balaídos. O encontro vespertino do sábado fronte a unha decepcionante e temerosa Real Sociedade (que pola fraca actitude amosada, tamén vai ter moi difícil ascender) agoira que o derradeiro treito desta nefasta primeira tempada en segunda vai deixar as bancadas de Balaídos coma un auténtico ermo. Os poucos celtistas voluntariosos e pacientes que aínda acudimos ao estadio perdemos xornada a xornada os escasos azos que nos quedan nas nosas reservas de entusiasmo. Resulta absolutamente decepcionante contemplar o deambular apático e vencido do noso equipo sobre a lameira, incapaz de atopar un vieiro certo da vitoria ou de amosar sequera aos seus afeccionados resistentes que conta cunha alma aínda non completamente derrotada. Saíu a Real de Juanma Lillo co equipo moi adiantado, chegando con moita facilidade á portaría de Esteban, semellando que viña a facerse cun encontro vital para as súas aspiracións de ascenso. Cando os donostiarras mareaban co seu fútbol combinatorio aos celestes, un inesperado cabezazo de Lequi –tras un bo servizo de Larena dende o recanto e un estrepitoso fallo de marcaxe da defensa vasca– os puxo por diante no minuto vinte e sete. Mais, como xa é adoito, o espellismo dunha posible vitoria céltica non durou nin vinte minutos. Perdida a batalla do centro do campo, onde o traballo solitario de Michu (Rosada non compareceu neste partido) non abondaba para controlar o de Garitano e Martí, e sen bandas ningunhas por onde rachar, un recorte de libro a Lucas permitiu que Castillo centrase moi cómodo dende o extremo da área e que Díaz de Cerio empatase a pracer, cando remataba o primeiro tempo. Aí rematou o escaso fútbol que se viu no encontro. A segunda parte foi aburridísima. A Real achantouse, sometida a un pánico inexplicable e arrepiante, apaxando a pelota mais renunciando a arriscarse a levar un partido que tiña na man fronte a un rival tan endeble e desmotivado. O Celta defendeuse con certa orde e mesmo, nos minutos finais, co público adurmiñado e bocexante, amagou con algún contraataque de certo perigo, mais xa era tarde para intentar recuperar tanto tempo estragado. Finalizado tan aburrido “espectáculo”, tras o ritual minuto de asubíos da bancada dirixido ao señor Mouriño, os afeccionados collemos os paraugas para intentar defendernos do ballón. Coa que estaba caendo sobre Balaídos, mellor era abrigarse.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVII

O INCRIBLE ROBERTO
A pesar do empate co Sporting de Xixón –que volve chafar aos que manexaban esperanzas de que o Celta desputase o ascenso nas derradeiras xornadas– saímos satisfeitos da matinal de Balaídos. Despois de moitos meses de desfeita no xogo celeste, por fin vimos un equipo noso serio, intenso e disciplinado que buscou con convicción a vitoria dende o primeiro ao derradeiro minuto do encontro. Se o Celta non a conseguiu, foi porque Roberto, o porteiro chantadino do Xixón realizou un partido memorable, atallando media ducia de pelotas incribles que dende a bancada cantamos como gol. Ao longo da primeira parte, os de Antonio López déronlle un repaso soberano a un pobre Sporting, porén animicamente moi ben arroupado dende a bancada de Preferencia polo súa “mareona” vermella. Co xogo controlado dende a defensa (onde se notou a consistencia de Peña) e, sobre todo, coa seguridade que proporcionaba no centro da cancha o labor destrutor dun inmenso Rosada (o mellor dos célticos), todos os dianteiros celestes foron machucando a portaría asturiana, onde o que fora a porteiro do Celta B teimosamente lles roubaba o gol. Dende a banda, Núñez estricaba o xogo celeste coas súas galopadas velocísimas proporcionando balóns preciosos; o canteirán Michu enviaba, dende a segunda liña, varias pelotas interiores enevelenadas para que logo Diego Costa e Perera aburrisen cos seus caneos e remates á nerviosa defensa asturiana. Mais nuns casos coma noutras, as puntas celestes atoparon que os seus remates malográbanse nas mans, nos puños ou nas biqueiras do incrible Roberto, que mesmo chegou a interceptar un colocadísimo cabezazo de Michu ao pé do pau. Durante a segunda parte, o abafante dominio celeste afrouxou e foi cando os asturianos gozaron dun par de oportunidades, aínda que como no período anterior foron as dos celestes as máis claras, fose o magnífico remate de Peña lambendo o pau ou o derradeiro empurrón estragado por Okkas durante os minutos de desconto. É unha mágoa que este Celta, onte tan famento de gol e moito máis intenso e concentrado en defensa que na etapa de López Caro, comece a funcionar cando o ascenso xa é unha quimera. Con todo, semella prometedor para o futuro o labor de reconstrución da autoestima e dos alicerces básicos do xogo promovido por Antonio López que en Soria comezou a colleitar os seus primeiros froitos. Onte o Celta mereceu tamén a vitoria, mágoa que atopase no seu camiño ao incrible Roberto.

Etiquetas:

O gol de Diego Costa

Diego Costa, o mediopunta brasileiro do Celta é un xogador fantástico, capaz de realizar xogadas de figura e tamén partidos e accións absolutamente decepcionantes. Hoxe en Soria marcou dous goles marabillosos e fixo resucitar a un Celta que criamos morto. O segundo gol, arrincando dende o medio campo e caneando a todos os que se lle puxeron por diante, é memorable, comparable aos míticos de Messi ou Maradona. Se fose capaz e xeneroso de poñer todo o seu talento ao servizo do xogo colectivo, este rapaz podería volver a facernos soñar.

Vídeo da TVG, vía celtacampion.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LVI

TRISTE, MOI TRISTE
Onte remataron as entelequias de Mouriño: tras o bacará fronte ao Albacete, o Celta está obrigado a mudar o obxectivo do ascenso a primeira polo de evitar o descenso a segunda división B. Acadar doce puntos de trinta e nove posibles será, a partir de agora, o obxectivo razonable para un equipo que na tempada pasada xogou a Champions League e que na presente conta co máis alto presuposto da categoría. Todo un baño de realismo. O troco de adestrador serviu para que o equipo perdese a pouca orde táctica que imprimira López Caro. A revolución disciplinaria de Antonio López, que deixou fóra da convocatoria a dous dos dianteiros dispoñibles (Costa e Quincy), e a incorporación do canteirán Michu (fixo un partido moi aceptable) na media punta non abondaron para impedir a caída libre na que semella estar inmerso o Celta durante este 2008. O noso é un equipo que segue carecendo de alma gañadora, dunha mínima estrutura no centro do campo (un auténtico desastre) e, sobre todo, da solidariedade defensiva imprescindible para ser un conxunto competitivo na segunda división. Ao Albacete, un dos colistas, abondáronlle dezasete minutos de xogo para que Barkero atopase un furadiño na esmirrrada defensa celeste e batese a Esteban. Aí remataron todas as esperanzas. A partir de entón, os nosos derrubáronse coma un castelo de area e, como na época Stoichkov, deixaron que fosen os centrais (Lequi e Rubén) os que dirixisen o xogo de ataque enviando pelotazos á área, onde Perera loitaba soíño fronte a cinco defensas. Coa excepción de dous remates con perigo do noso bota de ouro (no minuto 24 da segunda parte), pouco xogo celeste de ataque podemos relatar. A falta total de sentido, o disparate táctico e caos posicional, a falta de compromiso dos xogadores, os trocos desafortunados e a destempo do novo adestrador producíronse diante da maior indiferenza dunha afección (cada vez máis minguada) que, por fin, rebentou pedindo, durante a segunda metade, a demisión do presidente. Protestas lexítimas dunha bancada que comproba como o seu equipo se precipitou ao abismo desque está nas mans de Mouriño e de Ramón Martínez, responsables da composición deste pobrísimo e carísimo cadro de xogadores e técnicos foráneos. Se non se lle pon axiña remedio (e non vai ser doado con estes vimbios), esta desfeita pode levar a que Vigo quede sen fútbol de primeira división durante moitos anos. Triste, moi triste.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LV

ACABOUSE
Un minuto fatídico de desconcentración abondou para que un dos mellores Celta da tempada dilapidase case todas as súas posibilidades de engancharse á goma do ascenso. A primeira parte do Celta foi moi xeitosa, sobre todo a media hora inicial, na que amosou a maior intensidade e o mellor equilibrio entre ataque e defensa que lle vimos en Balaídos ao longo de todo o campionato. Durante este período, mandou con autoridade grazas ás recuperacións de Ariel Rosada e os bos servizos de Suárez que proporcionaron balóns avantaxados para que o triángulo atacante, formado polos dous extremos (Sales e Quincy) e os dous atacantes (Okkas e Perera), se lucise nas súas combinacións e tivese nas súas biqueiras unha media ducia desas ocasións cantadas, malogradas in extremis polo gardarredes do Elxe. Grazas a este fútbol fluído e sinxelo, onde cada cambio de orientación do xogo de Fernando Sales, dunha banda a outra, supoñía unha oportunidade, chegaron os dous goles de Perera (como case sempre, o máis eficaz, concentrado e traballador dos celestes). Mais aquela ledicia e bo xogo foron só un espellismo. López Caro confiouse cun cómodo marcador de dous tantos a cero e media hora por diante. Mais o adestrador andaluz errou nos trocos: desfixo o debuxo do triángulo atacante, colocou a Quincy na media punta (unha nulidade que confundiu ao equipo) e, porén, non viu a necesidade de reforzar o medio campo, no que Rosada esgotado comezaba a fraquear fronte ao empuxe imparable dun Elxe cada vez máis adiantado. Pola contra, o galego David Vidal foi moito máis afouto e non deu o partido por perdido. O adestrador de Portosín sacou a toda a súa artillaría dispoñible (incluído o ex-deportivista Víctor) e, dous minutos despois dos seus trocos, conseguiu que o seu equipo igualase o marcador nun plis-plas. Aí quedaron estragadas todas as esperanzas de ascenso celestes. Volveron a impotencia, o barullo, as presas, as subidas atoladas de Rubén (máis voluntariosas que acertadas) e o convecemento na bancada que este equipo noso non é de fiar. Ao remate do partido, coincidindo cos merecidos asubíos a López Caro, o veredito de Río Alto era un clamor: “isto acabouse, a vindeira tempada outra vez en segunda”. Foi unha mágoa que rematase así un encontro que comezara de forma tan esperanzadora. Con este empate, dificilmente abondarán os dez últimos encontros para conseguir o ascenso.

Etiquetas:

Campo do Fragoso LIV

VITORIA EMBARULLADA
Un Celta sen alma pasou moi serias dificultades para superar ao colista, o Poli Exido que dirixe Fernando Santos, a quen en Balaídos lembramos como “o home tranquilo”. Nunha das peores primeiras partes que lle recordamos (e xa é dicir nun campionato tan anémico coma este), o Celta de López Caro amosou no seu xogo as feblezas que lle impiden, unha de cada tres xornadas, engancharse definitivamente no selecto grupo de equipos con aspiracións reais de ascenso. Durante este primeiro treito do partido, o Celta tivo sempre a pelota, tratou de conservar a calma e o equilibrio entre as súas liñas, mais foi incapaz de desentupir o barullo que no medio do campo lle preparou arteiramente Santos. Sen capacidade para distribuír xogo polas bandas, teimando conducir a bola polo centro, sen alternativas nin imaxinativas nin tácticas os celestes eran incapaces de profundizar cunha mínima intención. O Celta quedou durante moitos minutos esgazado, cunha metade do conxunto sempre detrás da pelota e a atacante agardando por ela. Só grazas a unha rosca a balón parado, ao coidado de Larena, Agus puido peitear cara atrás e batir ao meta andaluz no minuto vinte e sete. Porén, este bonito gol non abondou para desentupir o encontro, xa que cinco minutos despois a ledicia da bancada foise a pique, por mor do gol do empate, provocado tras a enésima perda de balón de Vitolo (un xogador moi descentrado e baixo de forma que debería ter quedado no banco). O resultado igualado, provocou un aumento da intensidade da presión céltica e as primeiras chegadas con intención, mesmo, pouco antes do descanso, un “gol fantasma” de Diego Costa (que seguramente debeu subir ao marcador) . A entrada de Okkas e Quincey na segunda parte e a expulsión dun defensa do Poli decantaron o encontro para os celestes, grazas a un servizo de cabeza do chipriota que soubo aproveitar Perera. Mais non nos enganemos: os vinte derradeiros minutos, co marcador por diante e con superioridade numérica diante do colista, non foron un camiño de rosas para os celestes xa que volveu o barullo e o conformismo, mentres os afeccionados amedrentados pediamos a hora. En definitiva, foi unha vitoria xusta e custosa fronte a un rival tan frouxiño como voluntarioso. Tres puntos valiosos, claro que si, que non aclaran as dúbidas sobre este Celta enganchado ao xogo da goma. Non acaba de convencernos nin polo seu xogo nin pola súa actitude.


Un bo exercicio, sobre o punto de vista das crónicas televisivas é comparar estes dous vídeos: o da Televisión de Andalucía e o da TVG.

Etiquetas:

Historias de fútbol rebelde II

A PELOTA COMO BANDEIRA
Apupado polos comentarios de Mario e dedoscomovermes á miña anotación, rememorei o que conta Eduardo Galeano, no seu libro El fútbol a sol y a sombra, sobre ese partido famoso do Dynamo de Kiev. Creo que este relato é unha das mostras máis claras das verdadeiras razóns do carácter, á vez, heroico e identitario do fútbol. O escritor uruguaio remóntase aos días da invasión nazi de Ucrania en 1942. O exército alemán organizou, entón, un partido de fútbol. Un enfrontamento entre unha selección dos membros das súas forzas armadas contra o Dynamo de Kiev, formado, na súa maior parte, por obreiros da fábrica de tecidos local. “Os superhomes contra os mortes de fame”, subliñaba Galeano. O estadio rebosaba. As bancadas calaron cando os ocupantes meteron o primeiro gol; acendéronse cando o Dynamo empatou; e estalaron cando, case o remate do primeiro tempo, os locais se puxeron por diante.
Durante o descanso, o comandante das forzas alemanas mandou ao seu asistente aos vestiarios do Dynamo:
–O noso equipo nunca foi vencido en territorios ocupados –advertiu o militar a aquel fato de obreiros futbolistas–, se vostedes gañan, fusilarémolos, –engadiulles.
Pouco despois da reanudación do encontro, chegou o terceiro gol dos ucraínos, e cando meteron o cuarto, o estadio “veuse abaixo nun só e longuísimo berro”.
Galeano xa non precisa de moitas palabras para rematar o relato: “antes de que se cumprise o tempo regulamentario, o árbitro deu por rematado o encontro”. Excuso dicir que os xogadores do Dynamo foron todos fusilados coas botas postas. Anos despois da Liberación, aqueles heroes mereceron unha estatua pétrea, que se conserva no centro de Kiev.
Este relato en tempo de guerra, enchido da lucidez e da emoción que imprime Galeano na xusta brevidade dos seus textos, amosa algunhas claves do valor épico e simbólico deste xogo universal de pelota. Os obreiros ucraínos defendían en cada un dos lances do xogo a súa dignidade asoballada e os seus compatriotas berraban, implicitamente, “liberdade” con cada un dos seus tantos. Velaquí, expresado cun dramatismo, quizais esaxerado, o valor no eido simbólico deste espectáculo de masas que constitúe unha das canles de expresión dos sentimentos colectivos de pertenza a unha comunidade. Este tipo de análise permítenos comprender o sentido das mobilizacións populares que se producen despois dos triunfos ou ascensos (“concibidos como xestas”) dos clubes humildes de países coma o noso. Velaí a esperanza dos afeccionados a que a pelota coma bandeira sinale o día dun entusiasmo tan estrondoso como efémero. Intentaremos seguir furgando estas estremecedoras historias do fútbol rebelde.

Etiquetas: