Onte 1580: A grandeza dunha derrota

CELTA - SEVILLASobre a lameira de Balaídos, case unha lagoa, na noite de onte sofrimos os efectos euforizantes da grandeza dunha derrota. Durante unha hora, até que Banega meteu o seu gol (froito do primeiro erro defensivo celeste) e Guidetti enviou o penalti ao pao, o equipo de Eduardo Berizzo forxou o soño dunha remontada copeira, que semellaba case imposible. Xaora, tras o segundo de Aspas, cando o ballón azoutaba no Fragoso, ese soño convertiuse durante un minuto en realidade. A afouteza e o esforzo extenuante, mesmo cando todo estaba perdido, nunca os perderon os celestes expresando así a dignidade dos derrotados que nunca se dobregan. Foi emocionante, entón, participar no canto da Rianxeira, algo que Balaídos reserva só para os grandes momentos, como na despedida ao equipo, intensa, prolongada e esperanzada. Apenas dúas mostras conmovedoras do orgullo do celtismo que agradecía a merecida vitoria (só simbólica) do perdedor. Tras unha gran competición de Copa, con xestas memorables como a do Manzanares, o Celta caíu cos brazos abertos, sen perder nunca os azos e a vontade de ser quen é, sen conformarse co resultado, por moi adverso que fose. Onte comprendemos, outra vez, que o fútbol é expresión teatral da vida, unha ilusión efémera coa que nos sentimos vivos, á espreita, coa ledicia e a decepción xogando en idéntico terreo.

Campo do Fragoso CLXXIII

thumbRECUPERAR A ILUSIÓN

Tiven a sensación de que onte o Celta xogou fronte ao Sevilla dous partidos moi distintos. Durante os primeiros corenta e cinco minutos, a severa derrota de Copa afectou ao xogo dos discípulos de Berizzo, un equipo medroso e encollido até a melancolía, moito máis pendente de non cometer erros defensivos fatais ca en abrir espazos de superioridade. Xaora, nos segundos, indo por detrás na táboa de marcas, apabullou os andaluces, recuperou a súa intensidade e abriu o xogo nas bandas, sobre todo desque entrou na nova alfombra do Fragoso Marcelo Díaz, un xogador de moitos quilates que nesta súa estrea demostrou posuír a xerarquía e o acougo dun auténtico líder.

Non hai dúbida que Berizzo, despois da goleada do Sánchez Pizjuan, temía o xogo áereo dos catros xigantóns do Sevilla, sobre todo nos saques de recanto aos que acuden Rami e Llorente. O que no malfado partido de Copa chegou a ser temerario para os celestes, transformouse onte en máxima prudencia para evitar os saques de recanto e as xogadas de costas. Diante da ausencia obrigada de Orellana, o míster confiou na velocidade de Bongonda e do Beauvue a tarefa de furar polas bandas o altísmo murallón sevillista. Mentres que Emery, agardaba que a envergadura de Llorente puidese abrir oco nesas xogadas a balón parado nas que o Celta é un equipo tan fráxil.

Durante este primeiro tempo, as posibilidades de gol do Celta foron apenas un formidable cacheirón cruzado de Wass, dende oa liña de tres cuartos, e un par de entradas de Bongonda, que se mostrou moi vertical. Un balance decepcionante para un cadro que non soubo aproveitar a superioridade numérica da que gozou desde que no minuto 24 foi expulsado o sevillista Fazio por dobre amoestación. Pola contra, o Sevilla aproveitou, cando finalizaba este período, un saque de recanto, cabezado por Llorente, rexeitado por Beauvue baixo o longueiro e rematado ás redes con grande fortuna por Carriço. Coma sucedera o pasado xoves, un durísimo golpe sevillista nun momento decisivo do encontro.

Porén, tras a reanudación, os de Berizzo reaccionaron con afouteza e intelixencia. Durante os dez minutos iniciais dispuxeron de cinco ocasións para marcar. Primeiro xutou Radoja, tras un servizo de Bongonda; despois o belga combinou con Aspas e a seguir Planas rematou cruzado dende a proximidade da área pequena. O Celta asediaba a porta sevillista. Tras un pase da morte de Bongonda, Beauvue estragou un balón a porta baleira, para que dous minutos máis tarde Radoja xutase dende a segunda liña un balón que foi rexeitado polo porteiro andaluz. O gol non chegaba e Berizzo meteu unha marcha máis no campo dando entrada a Marcelo Díaz e Guidetti que revolucionaron aínda máis o xogo celeste. En catro minutos chegou o golazo de Beauvue, tras unha asistencia dende a banda de Wass, que recibira un balón de Marcelo Díaz dende case trinta metros. Desde a súa incorporación, o internacional chileno abriu o xogo cara as bandas, fixo rodar o balón, non perdeu nin unha soa pelota, ordenou aos seus compañeiros, facilitou a mobilidade de Aspas e Wass, arrencunchando ao Sevilla que se defendía como ben podía cunha liña de a oito. Durante os vinte derradeiros minutos, a bola paseou pola porta andaluza até media ducia de veces. Mesmo cando se iniciou o desconto, o porteiro sevillista (o heroe do seu equipo) salvou in extremis o remate de Guidetti, tras outra gran xogada de Bongonda, activísimo, que completou o seu mellor partido como celeste.

Mágoa do tempo inicial perdido por un Celta que durante a derradeira media hora recuperou a súa xerarquía. Tras o que vimos onte, a calidade das fichaxes de Díaz e Beauvue semella incuestionable. O Celta de Berizzo pode recuperar a ilusión.

Onte 1565: Ilusión e inocencia

ATLÉTICO MADRID VS CELTA

Tras a saída da presentación d’ A Galicia urbana en Pontevedra, apenas puiden escoitar no coche os últimos minutos da narración que Jacobo Buceta fixo da proeza do Celta no Manzanares. Emocioneime, abraiado por unha segunda parte na que os nosos dobregaban a un durísimo Atlético. Sentinme coma un deses centos de celtistas novos da diáspora que siguen ao Celta conectados a internet desde Toronto, Nova York ou Berlín, vivindo a emoción do celtismo como unha compoñente da súa identidade. Esta vitoria de copa é, quizais, a máis importante do Celta de Berizzo, tanto pola relevancia da eliminatoria e do rival coma pola ilusión que xera no celtismo de aquén e alén, abrindo outra xaneliña para continuar o seu soño humilde. Xaora, foi a de onte un triunfo da pizarra de Eduardo Berizzo e da súa afouteza para asumir os maiores riscos, mesmo o da vergonzosa actuación do sábado en Vallecas. Como, e sobre todo, a demostración do valor de manter un modelo de xogo colectivo, no que se combinan doses de intensidade e beleza. Este pase do Celta a semifinais amosa que neste deporte e espectáculo, tan prostituído polos intereses do mercado e os prexuízos do centralismo, aínda existe unha fenda para a inocencia e ilusión que representa un equipo como o Celta.

Campo do Fragoso CLXXII

1452461374726MINGUANTE

O Celta finaliza a primeira volta en fase minguante. Tres claras derrotas nos últimos tres partidos nos que tampouco conseguiu marcar. A pesar da súa entrega xenerosa e de persistir no empeño táctico de Berizzo, diante do Atlético de Madrid de Simeone foi moi inferior en todos os ámbitos, tanto no táctico coma no físico, e puxo en evidencia as carencias dun cadro moi curto en efectivos nunha competición por riba adulterada polos intereses dos clubes máis poderosos. O feito de que Simeone aliñase a Augusto en Balaídos, ademais dun xesto de escasa elegancia por parte dos colchoeiros, puxo en evidencia a esperpéntica desigualdade na pelexa entre os dous clubes.

Fronte a un rival moi duro de roer, o Celta expresou algunhas das súas carencias. A primeira, a da ausencia de Augusto por diante da defensa, facilitando a saída ordenada e as recuperacións, tarefa que Radoja, aínda moi fráxil, tras a súa operación cirúrxica, non foi aínda capaz de asumir coa mesma eficacia. A segunda, a ausencia de Nolito e a súa capacidade para atopar superioridades en espazos en apariencia baleiros, desfai a fluidez do tridente atacante, que marabillou ao comezo de tempada, facilitando a marca sobre Orellana e Aspas.

Simeone chegou a Balaídos coa pizarra de Berizzo ben aprendida. Mesmo na previa xogou co conto de que “o Celta xogaría e o seu equipo agardaría a súa oportunidade”. Non foi nin moito menos así. O Atlético foi superior ao Celta no xogo sen balón, onde dispuxo dun rombo de catro mediocampistas que coa súa dureza e intensidade características afogou a saída do balón celeste. Gabi perseguiu a Orellana, coa intención de anulalo por arre ou por xo, consciente Simeone de que das biqueiras do poeta chileno saen a maior parte das superioridades celestes. Como Aspas foi sometido tamén a unha marcaxe severa, no seu caso combinada polos centrais atléticos, Giménez e Godín, que conseguiron desubicar ao xenio de Moaña. Mais o Atlético tamén foi superior no xogo combinativo, onde a velocidade de Griezman e Saúl abrían con maior facilidade da prevista a defensa nosa.

Durante a primeira parte, o Celta só dominou durante o primeiro cuarto de hora, mais non chegou a contar con oportunidade ningunha. Tras un cuarto de hora de tenteo e un xute envelenado de Griezman, os de Berizzo medrosos asumiron que en día de semellante treboada abondaba con aguantar da igualada. Porén, coa reanudación, Simeone non o dubidou e foi decidido a polos tres puntos que farían ao seu equipo campión de inverno. Abondoulle intensificar a presión sobre Hernández e Radoja e, transcorridos apenas dous minutos, nunha gran xogada combinada de Koke e Vietto, Griezman, o mellor xogador sobre a lameira, inagurou a táboa de marcas.

Como é adoito nestes casos, os de Berizzo non deron o partido por perdido e ofreceron os seus minutos máis emotivos e vibrantes. Un contragolpe orixinado por un envío de Sergio sobre Orellana e un cambio de banda de Iago sobre Wass expresaba a vontade celeste de non renderse. Mais non foi posible, nin sequera cando pareceu o ballón sobre a lameira cada vez máis pesada. Carrasco, que substituíu a Augusto (moi asubiado), liquidou o encontro nunha boa xogada na que caneou a Cabral e superou a Sergio. Os minutos finais expresaron a impotencia celeste, tamén física, e a torpeza de Berizzo para introducir os trocos no tempo oportuno, mesmo cando algúns dos xogadores como Radoja, Hernández ou Wass estaban literalmente fundidos.

Non hai dúbida de que o equipo noso entrou en fase minguante. Agardemos que coa recuperación de Nolito e a incorporación das prometida fichaxes do mediocampista e dun xogador de banda inicie a segunda volta en fase crecente, recuperando a súa demostrada capacidade para marcar e puntuar.

Campo do Fragoso CLXXI

adiosaugustoGRAZAS, AUGUSTO

Lembraremos a derrota de onte contra o Athletic Club como o encontro da despedida de Augusto Fernández, un xogador que en tres tempadas e media, pouco máis dun cento de partidos, gañou un espazo de seu no cadro da memoria dos celestes imprescindibles. Futbolista honrado e estudoso, técnico e físico, reflexivo e afouto, o capitán era o home de Berizzo na lameira. Augusto era no Celta de Berizzo ese xogador de presenza invisible que se ocupaba de que o equipo nunca perdese nin a súa forma táctica nin as pulsacións emotivas precisas en cada tempo do xogo. Reconvertido dende a súa posición na banda dereita á de medio centro defensivo, unha decisión luminosa do Totto na pasada tempada, Augusto forma parte con todo merecemento dese grupo de celestes de auténtica lenda, que ocuparon esa posición esencial como Mazinho, Makelele ou Borja Oubiña. Cando foi substituído no ocaso do partido, recibiu a lóxica gratitude de todo Balaídos.

Mágoa que a despedida do noso capitán fose tan amarga nun partido fronte a un Bilbao rochoso e moi marrulleiro que dende os minutos iniciais propuxo ao Celta unha longa e moi dura batalla de desgaste no centro do campo. Coa excepción da ausencia de Nolito, Berizzo dispuxo o seu equipo de gala que durante a primeira parte intentou atopar por activa e por pasiva as fendas a un rival moi duro de roer, capaz de defenderse e de buscar na velocidade de Iñaki Williams ou na veteranía de Raúl García e Aduriz a súa oportunidade.

Na batalla por dirimir quen perdía a súa posición e gañaba superioridade, a mobilidade de Wass e Orellana facilitaron no Celta o xogo combinativo que procuraba a construción do espazo do baleiro. Transcorrido un cuarto de hora, Aspas inventouse unha das súas xenialidades, un pase vertical de tiraliñas que Wass non agardaba. Pouco despois o Celta adornouse nunha xogada preciosa na que participaron media ducia de xogadores, mais que Orellana malogrou cunha cabezada insuficiente na área pequena. Fieis ao seu espírito os de Berizzo intentaban construír con orde unha e outra vez, mais non atopaban a agulla de marear a un Athletic que aproveitando a súa superioridade nesa batalla física da presión no medio do campo chegaba tamén con facilidade diante de Sergio.

Tras a reanudación, as cousas non melloraron para o Celta que recibiu dous avisos moi serios, primeiro nun longueirazo de Raúl García e despois nun remate de Aduriz ao pao. Dúas accións que demostraban que os leóns estaban dispostos a levar os dous puntos á Catedral. Secomasí, o partido transformouse nun irevir dunha a outra portaría, cheo de faltas e interrupcións, o que foi agotando e desconcentrando aos celestes. Nunha desas accións, unha perda de Orellana, apenas un borrón do poeta, que como sempre estivo incansable, que non foi ben cuberta por Sergi Gómez, facilitou que Aduriz centrase sobre Raúl García e este superase con facilidade a Sergio. Unha xogada moi desafortunada dos celestes que desequilibraba unha batalla até entón moi igualada. Nin a entrada na lameira de Guidetti nin de Radoja, que substituíron a Tucu e Augusto, onte ambos os dous moi discretos, achegaron solucións a un equipo que quedara agotado por un intercambio tan brutal de centrocampismo. Xaora, faltando apenas dez minutos, Hugo Mallo tivo nas súas biqueiras o empate, enviando un balón ao longueiro. Mais os ventos non semellaban propicios onte para que marcasen os celestes.

Unha derrota, probablemente merecida, que non pode empañar un ano extraordinario para o equipo de Eduardo Berizzo, tanto polo final da tempada pasada como por esta asombrosa primeira volta en posicións europeas. Así o entendeu a bancada despedindo xa con saudades a Augusto Fernández, que polas extrañas regras desta competición, poderá enfrontarse en apenas dez días aos compañeiros do que foron as súas cores.

Onte 1544: A camiseta é a camiseta

a_camiseta_e_a_camiseta

Non podo deixar de recomendar esta peza memorable sobre o que é o sentimento celeste. 75 segundos de emoción sostida a rentes da lameira do Fragoso na que se repasa os mitos recentes e a identidade dun equipo de todos e todas. A locución de Eduardo Berizzo pasará a historia do celtismo. «Isto é máis que 150 gramos de tea celeste, é máis que a camiseta celeste, é a camiseta nosa. É unha camiseta que chora, que sente, que estoura na bancada, que sabemos estivo abaixo, mais que tamén moi arriba, non é unha camiseta só para os domingos é unha camiseta para toda a vida.» O ton épico do texto e a locución maxistral do adestrador arxentino, que se recrea nos matices e no ritmo de cada frase, dálle ao vídeo unha inagardada emotividade. Excelente nadaliña celeste.

 

Onte 1540: A nosa Irmandiña

ROBERTO AGUETE - SELECCION GALLEGA - URUGUAI

ROBERTO AGUETE – SELECCION GALEGA – URUGUAI 2005

Desde aquel Galicia-Irán, celebrado en Riazor o 27 de decembro de 2008, non volveu xogar a selección galega de fútbol. Aquela emocionante nadaliña do goberno de Touriño e Quintana foi coutada de raíz por Alberto Núñez Feijoo, a quen debeu anoxarlle a popularidade que colleu entre a mocidade a nosa Irmandiña. Mágoa de selección galega, sobre todo cando o noso fútbol de élite está vivindo un momento de fulgor, tanto polas grandes tempadas do Celta, Deportivo e Lugo, como pola cantidade de xogadores galegos emigrados nas ligas internacionais.

Non teño dúbida que Galicia sería un cadro moi competitivo no marco europeo, contando cunha portaría con Sergio Álvarez ou Diego López, e dez xogadores de campo como Mallo, Barragán, Ínsua e Jonny na defensa, Trashorras e Álex Bergantiños na media, Denís Suárez, Lucas Pérez, Iago Aspas e Iago Falque nunha dianteira de moitos quilates. Rafael Louzán, o actual presidente da Federación Galega de Fútbol, sabe do valor engadido de contar cunha selección propia, que ademais de expresar o orgullo de todos os galegos e galegas contribuiría a fortalecer lazos e pechar feridas entre as nosas afeccións.

Sei que se facemos o xogo do seleccionador, responsabilidade que poderían asumir Luís César ou Fernándo Vazquez, non hai dificultade para contar cunha excelente Irmandiña. Arrisco a preparar unha convocatoria: Sergio Álvarez (Celta), Diego López (Milán) e Roberto Fernández (Lugo), porteiros; Jonny Castro (Celta), Hugo Mallo (Celta), Pablo Ínsua (Leganés), Antonio Barragán (Valencia), Andrés Túñez (Burinam), defensas; Trashorras (Raio), Álex Bergantiños (Deportivo), Fran Rico (Granada), Lucas Vázquez (Real Madrid), Juan Domínguez (Deportivo) e Fernando Seoane (Lugo), medios; Lucas Pérez (Deportivo), Iago Falque (Roma), Santi Mina (Valencia), Denís Suárez (Vilarreal), Joselu (Stoke City) e Iago Aspas (Celta), dianteiros. Fachenda de fútbol galego.

Campo do Fragoso CLXX

aspas_riopa«FÚTBOL DELL’ ARTE» COLECTIVO

No serán do sábado gozamos dunhas cantas xogadas do Celta que poden ser clasificadas como propias do “fútbol dell’arte”, unha das variantes deportivas das Belas Artes. Dúas paradas imposibles de Sergio Álvarez, o Gato de Catoira, e un gol fantástico de chapeu de Iago Aspas, o Xenio de Moaña, constituíron accións de grande beleza que, a pesar de durar apenas uns segundos, coma lostregazos dunha treboada nocturna, os espectadores conservaremos nítidas na memoria. Eis outro dos valores do fútbol, constituír unha forma visual da beleza, eis o carácter de cada un dos partidos como confrontación de intelixencias en movemento, onde se formulan, como escribiu André Maurois, problemas matemáticos de gran complexidade que se resolven nun alustro.

Faltariamos a verdade se considerásemos estas tres accións extraordinarias illadas, froito do talento ou da fortuna dos seus autores, xa que o sábado foi todo o equipo de Eduardo Berizzo quen deu unha demostración desmesurada de xenerosidade no esforzo, de compromiso colectivo para facer fronte á inferioridade numérica, de resistencia e do sufrimento compartido até os límites dos límites. Actitudes asumidas por todos os membros dun cadro que funcionou como un verdadeiro equipo que facilitaron a aparición na lameira da lucería nas biqueiras de Aspas ou nas luvas de Sergio. Eis outro dos valores do fútbol, constituír expresión dunha intelixencia colectiva e dun traballo solidario e compartido por un conxunto de once persoas, eis o carácter de cada partido como confrontación destas vontades e intelixencias compartidas sobre o farrapo da lameira durante noventa minutos.

Fronte ao Espanyol o Celta foi moi superior en ambas as dúas modalidades futbolísticas. Durante case toda a primeira parte intercambiou golpes cun conxunto marrulleiro, disposto a defenderse a ferro e fariña até atopar unha fenda illada, oportunidade que apareceu a media hora de xogo e que Sergio resolveu coa súa primeira man extraordinaria. Porén, o Celta nunca perdeu o contacto co balón conducido pola batura diesel de Pablo Hernández, un xogador determinante esta tempada, que medra cada partido, capaz de crear superioridades no medio campo, grazas ao seu poderío físico, que facilita numerosas recuperacións, e a súa capacidade técnica, que lle permite ofrecer magníficas asistencias entre liñas. Dunha desas accións do Tucu naceu o golazo de Aspas, que dende o campo propio soubo conducir entre os defensas e escoller unha vaselina de precisión para deixar conxelado ao meta catalán e asombrada a toda a bancada.

O partido mudou de raíz ao comezo da reanudación, tras a expulsión de Hernández. En inferioridade apareceu un Celta sensacional capaz de conmover á afección coa súa intensidade colectiva. Fabián Orellana botouse, entón, o equipo as súas costas coa intención de intensificar o ataque. Si, o ataque, leron ben. O compromiso do poeta chileno permitiu lanzar a Aspas que debeu resolver o partido nun tremendo longueirazo e a Bongonda que rematou a un dos paos. Oportunidades que repetiría o Xenio de Moaña noutras dúas ocasións, cando o Celta arrasaba con esa afouteza teimuda que Berizzo contaxia dende a banda. Unha marabilla!

Inevitablemente, o Celta pagou esforzo tan xeneroso e sufriu o seu durante os derradeiros vinte minutos. Xaora, os ventos lle foron propicios grazas ao traballo inmenso de Cabral e Mallo no eixo da defensa e a outra xenialidade de Sergio no minuto 83, unha man na mesma escuadra que enviou fóra unha cabezada catalá desde a área pequena. Quizais unha das mellores paradas da súa vida, que resolve de raíz calquera debate sobre a súa continuidade na portaría celeste. Foi o do sábado un partido memorable onde o Celta conxugou á perfección á disciplina táctica co talento individual, auténtico “fútbol dell’arte” colectivo. Un Celta que emociona

Campo do Fragoso CLXIX

tercio-liga-3PEQUENA FOCHANCA

Tras os tres últimos partidos, as derrotas co Valencia e Coruña e a vitoria apurada co Sporting, non hai dúbida que o Celta caíu nunha pequena fochanca. A pesar dos tres valiosos puntos, na noitiña do sábado a maioría dos xogadores de Eduardo Berizzo ofreceron unha imaxe borrosa, sobre todo na primeira media hora da segunda parte, moi lonxe daqueloutra luminosa das xornadas de fulgor coa que comezaron esta magnífica campaña. Un retroceso na calidade do xogo que quizais poida ser explicado quizais por unha certa rixidez táctica de Berizzo ou como efecto dun baixón físico colectivo, tamén comprensible tras un inicio onde o equipo despregou unha intensidade grandiosa e onde foron moi escasas as rotacións e mesmo os trocos. Xaora, semella que, por ventura, nesta tempada esta crise de outono queda moi lonxe daqueloutra da pasada que conxelou ao equipo durante unha decena de xornadas.

O sábado Berizzo demostrou que é consciente da existencia do problema e intentou afrontalo. Modificou o seu once clásico e deixou a Aspas e Wass no banco. Porén, a entrada de Bongonda, Guidetti e Planas non mellorou a situación, sendo a reincorporación de Cabral a que axudou a recuperar certa orde e serenidade defensiva. Xaora, o Celta nunca foi capaz de mandar co seu ritmo de xogo nin establecer unha conexión fluída entre as súas tres liñas. O Celta funcionaba sen harmonía e sen partitura combinativa. Apenas as aparicións e conducións de Hernández, o mellor dos celestes, permitían trazar algunhas liñas interiores profundas sobre a dianteira. Así naceu o gol de Orellana, transcorrido apenas un cuarto de hora, despois dun servizo diagonal de Nolito, froito da primeira chegada combinada. E moi pouco máis podemos reseñar na produción atacante celeste durante a hora seguinte, discretísima se lembramos partidos anteriores.

Os de Abelardo, en clara superioridade no medio do campo, souberon incomodar a Augusto Fernández, que tivo enormes dificultades para sacar a pelota en superioridade. A pesar dos esforzos polo centro de Hernández, o Celta non conseguía xuntar as súas liñas, mais aínda cando non funcionaba a nova disposición das súas bandas, fose por que Bongonda non entendeu aínda a caligrafía do encerado do seu adestrador, fose por que Nolito non se asocia con Planas coa mesma facilidade coa que adoita facelo con Jonny. Tras o descanso, o Celta pareceu que se ía a pique, pero non naufragou. O gol xixonés chegou cunha cantada antolóxica de Sergio que entregou un saque de porta a biqueira de Carlos Castro. Un erro garrafal, síntoma da falta de confianza que nas últimas xornadas arrastra o porteiro de Catoira, un problema xa imposible de agochar, que obrigará ao adestrador a tomar unha decisión sobre quen debe asumir esa responsabilidade.

Mais na noitiña do sábado non todos os nubeiros foron adversos e algunha das fadas foron propicias para os nosos. O Sporting chegaba con facilidade diante de Sergio, mais sobráballe inxeleza no remate. Faltando un cuarto de hora, Berizzo entendeu o caso e incorporou a Iago Aspas. O de Moaña reivindicou o seu liderado e revolucionou o partido: deulle acougo ao equipo baixando a pelota, creou espazos entre os centrais e proporcionoulle un balón longo a Nolito que marcou o gol da vitoria tras un rexeite do meta asturiano. Un partido ruín no xogo, que se resolvía nun aparente golpe de fortuna.

Esta primeira crise da tempada evidencia algunhas carencias do Celta que ten un equipo (apenas trece ou catorce xogadores) moi xeitoso, mais un cadro moi curto e con escasas alternativas. Quizais sexa o momento ideal de botar man da canteira ou de reforzarse no mercado de inverno nas posicións máis precarias.

Onte 1489: Tucazo de Samaín

tucu_guidettiComa sucedera en Vila Real, o Celta onte non se conformou coa igualada e marcou en Donostia o gol decisivo cando apenas faltaban dous minutos para o remate. O «Tucu» Hernández marcou un gol soñado, dende trinta metros enganchou un pexegazo tremendo que entrou pola escuadara. Un tucazo de primeira categoría, coma aqueloutra fantasía de tacón, na súa estrea como goleiro co Celta, que marcou o pasado ano ao Atlético de Madrid. Con este novo gol memorable, Pablo Hernández, a única aposta de Berizzo, demostrou que é un xogador moi valioso e de alta escola, a pesar de que o seu ritmo demorado e paciente de condución non entusiasme a un sector (cada vez máis reducido) da bancada do Fragoso. En Anoeta o Celta demostrou que esta tempada quere e pode. Nesta primeir anoite de Samaín, sen facer un gran partido, mesmo a pesar da frouxa actuación dun reincorporado Fontás, que facilitou a noite goleira de Agirretxu, os de Berizzo contaron coa axuda das meigas que iluminaron a Iago Aspas con dúas cabaciñas. Un factor extradeportivo co que a partir de agora haberá que contar. Xaora, tras estoutra vitoria o Celta acada 21 puntos, a metade dos eu obxectivo, cando apenas transcorreu a primeira cuarta parte da tempada. Gozar e non pechar os ollos con este xogo eficaz de salón.