A fusión das caixas
A cuestión do financiamento (non pinta ben, xa que non contar con novo Estatuto é un prexuízo grande para a negociación bilateral co Estado) e o da teimosa ofensiva contra o galego non pode adiar na mesa de Feijoo o complexo problema da inevitable fusión das caixas para gañar perímetro na actual crise financeira. A crónica política de Anxo Luxilde (recomendo para estar informado sobre temas principais non perdela semana ningunha) clarifica as tres alternativas que sobre a cuestión se están manexando en San Caetano. A primeira, a que promove Génova: integrar Caixa Galicia no proxecto de fusión de Caixa Madrid e a CAM valenciana, que supoñería formar a maior caixa de España (superando a «La Caixa»), unindo así os esforzos das tres comunidades onde goberna o PP. A segunda, sería que as nosas caixas liderasen fusións con outras de comunidades veciñas, como Caja Asturias ou algunhas das de Castela León. A terceira, sería a fusión galega de Caixa Galicia e Caixanova.
As tres alternativas supoñen importantes dificultades para os seus promotores, especialmente as dúas primeiras, xa que o novo perímetro desvencellaría ás caixas galegas do proxecto de promoción económica do país. Atreverase Feijoo a promover a liquidación de Caixa Galicia como entidade ao servizo de Galicia? Porén, a da fusión galega, despois de vencer algunhas resistencias localistas (xa contamos coa experiencia da fusión de Caixanova), debería asumir o elevado custe social e laboral de eliminar a duplicidade das redes directivas e de oficinas de ambas as entidades. A pesar das dificultades que poidan aparecer semella que esta fusión galega é a única solución viable para poder seguir contando cunha ferramenta financieira propia. O Goberno Galego non pode adiar expresar a súa posición nun tema tan decisivo para Galicia. Outrosí sucede para os dous partidos da oposición que, a pesar dos riscos de abordar un tema “difícil” coma este –ninguén quere nin pode ter problemas con estas entidades–, teñen unha magnífica oportunidade de visualizar diante da sociedade o rigor da súa alternativa económica e de desenvolvemento sostible.