Industriais culturais a debate

Hoxe Faro de Vigo publica dúas páxinas do debate que sobre o futuro das industrias culturais en Galicia mantivemos con José Antonio Perozo e Ignacio López Chaves. Ao longo da conversa insistín no que entendo son as catro liñas básicas para o desenvolvemento das industriais culturais en Galicia e en galego:

“Primeira, unha política cultural pública de carácter transversal, de carácter estratéxico, que ata de agora non existíu; segunda, vencellada á normalización lingüística como sinal de identidade cultural; terceiro, a internacionalización, porque non somos un sector somentes interior; por último, a creación de industrias culturais ten que estar vencellada á innovación tecnolóxica, se non, non hai futuro”.

Centro do IBBY para CdC

Estas son dúas grandes noticias para a nosa LIX e para o futuro da nosa lingua.
Este centro do IBBY, ubicado na Cidade da Cultura, terá como principal obxectivo “o estudo, a difusión e a promoción dos libros para nenos e mozos procedentes das linguas e culturas minorizadas”. Será o segundo centro internacional que o IBBY pon en marcha no mundo. O primeiro fundouse en 1985 en Oslo, e está dedicado aos libros para nenos e mozos con discapacidades. Na decisión de elixir o noso país como sede deste segundo centro internacional pesou a forza e o prestixio que a literatura infantil e xuvenil galega acadou nas últimas décadas, ata constituírse nunha literatura puxante e competitiva a nivel internacional.
Beizóns para a Consellaría da Cultura e para os que fixeron posible a consecución deste centro que internacionaliza a nosa LIX.

Aniversario do Consello da Cultura Galega

Daniel Salgado publica en Luzes unha reportaxe sobre a traxectoria do Consello da Cultura Galega con motivo do seu XXV aniversario. Recolleu opinións sobre esta traxectoria de Ramón Villares (actual presidente), Luís Álvarez Pousa, Darío Villanueva, Carlos Callón e eu mesmo. Creo que esta efeméride do Consello, lonxe da autocompracencia, debería servir para que tan importante institución do noso autogoberno –non esquezamos, independente do Goberno Galego– reflexionase sobre o seu papel futuro e fose capaz de reinventarse no contexto da actual revolución da creación e comunicación cultural, retos que a obrigan a fuxir da endogamia e da consideración da cultura só dende o seu carácter institucional.

Premios Nacionais de Cultura

Moi boa noticia é a convocatoria dos Premios Nacionais de Cultura. A Consellaría de Cultura cumpre así un compromiso programático dos partidos do goberno e pon en marcha unha das iniciativas previstas na Lei do Libro e a Lectura. As dez categorías convocadas asumen, basicamente, o modelo dos Premis Nacionals de Cultura de Catalunya (quince categorías), afastándose do carácter máis artístico dos convocados polo Ministerio de Cultura (vinte e dúas modalidades, das que doce delas corresponden a literatura, a lectura e a edición) que, por certo, serán entregados o vindeiro sábado no Teatro Jofre de Ferrol (Rubén Ruibal e Manuel Vilariño serán os premiados galegos). A composición independente do xurado (quince persoas) e a posibilidade de realización de propostas por parte de entidades cidadás e institucións parécenme outros dous grandes acertos destes nosos Nacionais. Iniciativas todas elas que, para comezar este novo vieiro de autoestima e fomento da nosa creación cultural, non están nada mal. No entanto, cremos que xa haberá tempo en futuras edicións de realizar algúns axustes nestes premios, como para min sería desdobrar o de Literatura en diversas modalidades de xénero, algo que parece lóxico tanto pola grande importancia da nosa creación escrita, como polo que isto podería axudar ao proceso de normalización da lingua, do libro e da lectura en galego. Beicemos á Conselleira de Cultura por esta magnífica iniciativa que abre un camiño de apoio á creación e promoción da nosa cultura.

Penúltimos en lectura

No artigo da semana volvo sobre a análise dos datos do Barómetro de hábitos de lectura 2007 e reitero a proposta de dedicar o vindeiro 2009 como “Ano da Lectura“.
Imaxe: Club de lectura. Biblioteca Monte Alto. Obrigado.

Etiquetas:

Barómetro hábitos de lectura 2007

Onte referiámonos ao Barómetro de hábitos de lectura e compra de libros 2007, elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España. Hoxe podemos ofrecer a presentación deste extenso e concienzudo traballo (169 textos e táboas) que cómpre debullar devagariño (aconsello descargala). Entre os datos referidos a Galicia cómpre reparar nestes que son moi significativos:
  • Apenas o 4,9% do total da poboación galega maior de catorce anos le adoito en galego (en Cataluña o 21,6% e en Euskadi o 4,2% o fan en catalán e éuscaro, respetivamente).
  • Porén, o 54,9% dos lectores nosos, tamén o son habitualmente en galego (en Cataluña o 74,7% e en Euskadi o 35,9% o son en catalán e éuscaro).
  • Galicia está tamén na cola da porcentaxe de libros (50%), lonxe da media estatal (56%).
  • Porén, se excluímos a compra de libros de texto, Galicia ocupa, xa sen paliativos, a derradeira posición (39%) fronte á media (44,7%).
  • O 10% dos libros mercados en Galicia son en Galego (en Cataluña o 22,7% e en Euskadi o 6,5%, o son en catalán e eúscaro, espectivamente).
Volveremos sobre os datos deste importante estudo, que desagregados proporcionan moitas pistas para detectar tendencias que se albiscan sobre o futuro da lectura en España. O esforzo dos promotores do barómetro, cada vez máis completo e rico, merece o noso recoñecemento.
Etiquetas:

Galicia: penúltima en lectura

Hoxe coñecimos os datos do barómetro de lectura e compra de libros de 2007: non hai novidades, Galicia continúa, outro máis e a pesar do cambio político, na penúltima posición, aínda moi afastada da media española e mesmo baixando dous puntos en relación ao anterior. Ou noutras palabras lemos menos e pouco semella importarnos.
Ben sei que as mudanzas neste eido se producen moi amodiño, mais cómpre intentar algo máis enérxico e ilusionante do que se ven facendo até agora. Mañá, con seguridade, nos xornais impresos aparecerán as lamentacións habituais sobre a nosa triste indixencia lectora. Podemos considerar esta situación como algo irreversible, como un xeito de condición identitaria que asumimos fatalmente?
Levo moitos anos tratando de negar ese determinismo; máis aínda, creo que na cuestión do fomento da lectura non podemos perder a oportunidade histórica que temos entre as mans. Para iso cómpre asumir esta cuestión como o eixo de todas as nosas políticas culturais, educativas e de igualdade. E para iso precisamos traballar con moita convicción sobre tres piares: o primeiro, o da creación dunha atmosfera lectora no conxunto da sociedade (lectura para todos, sobre todos os soportes e sobre a maior diversidade de formatos e tipoloxías textuais); o segundo, o da revolución bibliotecaria, transformando as bibliotecas na primeira institución cultural de cada comunidade local; e o terceiro, converter de forma efectiva a lectura no eixo transversal do ensino non universitario e a biblioteca escolar, na aula primeira de cada centro escolar.
Sei que nestes dous últimos anos consolidáronse experiencias moi interesantes, sei que se están facendo algúns esforzos moi notables, mais sei, tamén, que non abondan estas experiencias singulares se non as enmarcamos nun modelo de mobilización lectora impulsado por todas as administracións, polos axentes do sector do libro, polas empresas, asociacións e, sobre todo, pola participación cidadá. Eis o noso reto para poder saír nalgunha ocasión dos postos de cola onde continuamos.
Actualización: (08-02-2008): Faro de Vigo, La Voz de Galicia,

Etiquetas:

Letras de Galicia

Dende onte podemos utilizar o web Letras de Galicia, un portal destinado a promover a literatura galega no exterior. Promovido pola Consellaría de Cultura, este espazo, xunto co catálogo de dereitos read.galicia, está chamado a converterse na peza principal dunha estratexia exportadora do noso sector editorial e da consolidación dunha marca (“Letras de Galicia”) para a súa visibbilidade no mercado internacional. Información sobre a literatura galega, sobre o estado da nosa edición ou sobre as axudas para a tradución son algúns dos contidos principais dun espazo ben deseñado e atractivo. Aparece só en castelán, aínda que sabemos se está preparando unha versión en inglés. Un paso adiante moi sólido, que merece as nosas beizóns.

Instituto Rosalía de Castro

Xosé L. Méndez Ferrín continúa a súa serie de artigos no Faro de Vigo sobre “Arquivos, bibliotecas e museus“. Hoxe reclama a creación do Instituto Rosalía de Castro, de promoción da lingua e literatura galega no exterior, prevista na aprobada Lei do Libro e a lectura. A argumentación do mestre é dificilmente rebatible:

“Toda nación, e Galicia éo, debe dotarse de centros no extranxeiro nos que se difunda a súa lingua e a súa cultura propias. O goberno da Generalitat de Cataluña así o pensou e instituiu con nome de Ramon Llull unha serie de centros no mundo nos que a lingua e a cultura catalás se fai presente. Tense pedido unha e outra vez que a Xunta funde un organismo desde tipo, ao mesmo se lle ten dado o nome de Rosalía de Castro, pro non parece que vaia ser moi axiña realidade. Fraga Iribarne non quería un instituto internacional de Galicia por non ofender a idea de España única. Non sei por que Touriño e os seus socios que se reclaman do nacionalismo (naturalmente non independentista, san e ben entendido) se resisten á posta en funcionamento do Instituto Rosalía de Castro e sofren a humillación, aparentemente con gusto, de que sexa o goberno de Madrid a través de Instituto Cervantes que se apiade da nosa lingua e da nosa cultura e, por man de C.A. Molina vai facendo perceptibeis, poñamos que en Damasco, pequenas evidencias de que existimos e somos diferentes e que Álvaro Cunqueiro escribía en galego sobre Simbad.”

Un ano para a lectura

Cincocentos escritores e intelectuais británicos dirixíronse ao seu primeiro ministro para solicitarlle, diante dos fracos resultados en comprensión lectora dos estudantes británicos no informe PISA, que se dedique o ano 2008 á lectura. Idéntica preocupación comparte Channel 4, unha das canles privadas de televisión de maior audiencia, que na súa franxa de prime time decidiu emitir “Lost for words. The Fight To Help Kids read” (“A loita para axudar aos nenos a ler”), un orixinal e entretido programa no que aparecen coñecidas figuras (deportistas, músicos ou actores) en actitudes lectoras. En Galicia, como no resto do Estado, a pesar de ocupar o posto número trinta no desenvolvemento desta competencia de comprensión lectora (o Reino Unido, o décimo noveno) este dato non alarma en exceso nin aos intelectuais nin aos programadores das televisións nin á maioría dos nosos responsables políticos. Porén, é innegable que, como amosan o informe PISA e outros moitos datos estatísticos sobre hábitos culturais (onde continuamos na cola das CC.AA., sexa na compra de publicacións impresas, nos índices de lectura de libros ou na frecuencia na visita ás bibliotecas públicas), temos un serio problema de lectura. Máis aínda, cando os índices de lectura son hoxe indicadores parellos aos de benestar, civilidade, igualdade, competitividade e innovación empresarial. Inmersos xa de cheo na sociedade da información, a lectura xa non pode ser identificada como un hábito de lecer de minorías ou élites vencellado ao goce das obras literarias impresas. A lectura na sociedade do século XXI debe ser considerada como unha competencia imprescindible, adquirida por todos os cidadáns, que permite comprender criticamente un mundo saturado de textualidade, sexa impresa ou dixital. A lectura, concibida con esta radicalidade de ferramenta crítica, e o seu fomento –vencellado, tamén no caso noso, á potenciación dos procesos de alfabetización informacional e normalización lingüística– entre todos os sectores sociais e segmentos de idade debería transfórmase na prioridade de todas as políticas culturais, educativas e de igualdade a desenvolver no país. En Galicia tamén precisamos un ano para a lectura.

Publicado na revista Tempos Novos, “Obertura”, número 128, xaneiro de 2008

Etiquetas: