Onte 1914: Dúas películas de François Ozon
Nos últimos días vimos as películas máis recentes de François Ozon, Frantz e L’ amant double. Dúas propostas que, aparentemente abordan temas e xéneros ben diferentes; a primeira, o da ausencia, a perda, o perdón e a expiación, no formato dun drama ambientado tras a Guerra do 14; a segunda, o da identidade, no que utiliza algunhas convencións do thriller. Mais tamén dous filmes onde identificamos as marcas propias ao narrador parisino: a obsesión pola ollada, a elegancia na composición formal e a absorbencia do relatado. Sendo o resultado moi distinto (a miña preferencia por Frantz é indiscutible), Ozon consegue en ambos os dous casos sorprender coa ollada feminina que guía o relatado. Abordando a historia dun mozo e dunha moza torturados por unha perda que saben non pode ser superada, Ozon ofrece en Frantz un impactante manifesto da tristeza, filmado en branco e negro sobre fondos de Chopin e Tchaikovski.
Rescatando o soño dunha muller e a súa relación con dous xemelgos (unha trama que nos recordou a Placebo, a novela máis recente de Jaurequizar), Ozon constrúe unha narración dende o interior da protagonista e narradora (a vaxina transformada en ollo, na primeira escena así o indica), que amplía os límites da presenza do sexo na pantalla e converte todo o filme en metáfora da liberdade sexual da muller. Xaora, non é doado facer verosímil unha trama baseada no xogo entre o real e o seu dobre, na dialéctica constante entre realidade e a súa ilusión, ou na confrontación das pulsións do desexo e da vida, da tenrura e da violencia, razón pola que Ozon utiliza para salvar a película do desastre os recursos do xénero de terror e a aparición dun personaxe chave (interpretado por Jacquelinne Bisset) capaz de explicalo todo. No entanto, como sucede en Frantz, Ozon consegue que a ollada da protagonista cautive ao espectador máis escéptico pola confusión onírica do relatado.