«Samparkour», São Paulo

Das grandes cidades do mundo (esas megametrópoles imposibles) que teño visitado ningunha me interrogou máis sobre as posibilidades de chegar ao colapso do desenvolvemento urbano ca São Paulo. Quedei coa impresión de que esta é unha cidade esaxerada en case todo, mesmo na beleza extraordinaria que podes atopar de socato no recanto dunha rúa ou, simplemente, cando miras pola ventá ao mencer e quedas abraiado co espectáculo que se che ofrece.
Este percorrido por algunha das iconas da arquitectura paulista, tras a ollada do parcourista Zico Corrêa, é enormemente fermoso e reafirmoume na sensación que de alí trouxen sobre a enorme beleza da capital paulista. Como debería titularse esta Samparkour, a curta de Wiland Pinsdorf? Unha gozada de apenas sete minutos.

Vía Manolo Gago (moitas grazas, pola descuberta)

«O club da calceta», trailer

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/VyZiUIYAjk4" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Velaí o trailer da película O club da calceta, baseada na novela homónima de María Reimóndez, e dirixida por Antón Dobao.

«Flores tristes»

Flores tristes de Manuel Abad. Hoxe ás 16:15 na TVG.

«A clase»

Hoxe chega as librarías A clase, coincidindo tamén coa estrea da película homónima de Laurent Cantet, protagonizada polo autor da novela, François Begaudeau. Apostamos pola tradución da novela (un grande éxito en Francia) a comezos do verán. Un texto vibrante, de diálogo vivísimos. Un retrato demoledor da escola secundaria francesa de hoxe. Un puxilato constante entre profesorado e alumnado. Semella que volve o naturalismo. Recomendo vivamente a novela. Da película, xa falaremos, aínda que contamos con magníficas referencias.
En Galicia a distribuidora Golem dispuxo dúas fitas, unha en Vigo (nos cines Norte) e outra na Coruña (nos Yelmo de «Los Rosales»).

Os filmes de Agustín

Beizóns a Martin Pawley que cumpre os seus cinco primeiros anos de mestre blogueiro. Agasállanos cunha nova sección “Os filmes de…”, comezando cos do mestre Agustín. Hoxe, pois, todos somos dobremente afortunados.

Unha carta de Iciar Bollaín

Agustín recoméndame que lea a carta que Iciar Bollaín escribiu onte en El país sobre o “cine español”. Proponme, ademais, que onde pon “cine español” lea “literatura galega” e comprobarei que a carta describe unha situación parella. A verdade é que o fixen (“Se non houbera literatura galega”, titulei para min) é as coincidencias parecéronme verdadeiramente abraiantes (sector “subvencionado”, escaparate para a nosa lingua e a nosa cultura, deixar espazo nas mesas de novidades para os libros de fóra…). Propoño facer o mesmo exercicio paralelístico coa carta de Alex de la Iglesia sobre o mesmo tema… Seguro que atopamos outras tantas semellanzas.

Etiquetas:

"Os fabulosos irmáns da luz" de Olaia Sendón

O próximo sábado estréase na Punta da Barca de Muxía Os fabulosos irmáns da luz, o novo documental de Olaia Sendón que constitúe unha homenaxe ao fotógrafo Ramón Camaño, pioneiro en levar o cine á Costa da Morte. En palabras da súa autora:

“O cine era ante todo espectáculo. A posta en escea desta premiere non podía obviar esta realidade e, como non podía ser menos, o evento está organizado en torno a esta idea: ESPECTÁCULO. Malabaristas, luces, sombras, siluetas animadas… xunto co impresionante entorno da Costa da Morte: o mar, as ondas, as rochas (a de abalar e a dos cadrís). Percorrer a alfombra vermella permitirá os asistentes achegarse ao Fabuloso mundo dos Irmáns da Luz.”

Recordamos que hai un ano, Olaia presentaba o seu primeiro documental, A casa de Lola e Andrés, que obtivo unha grande acollida nos diversos festivais no que foi presentado. Neste segundo traballo, que forma parte co anterior do proxecto Costa Difunta, revisítanse os espazos que noutrora foron cines, agora desaparecidos transformados ou botados a perder, acompañando a Ramón Camaño na súa experiencia de cine itinerante pola Costa da Morte. Un traballo moi prometedor e unha estrea, que se promete espectacular, da que falaremos devagariño nestas bretemas.

Actualización (20-01-2008): A estrea espectacular recollida en La Voz de Galicia e Galicia hoxe.

Etiquetas:

"Os amigos de Chano Piñeiro"

Chegoume hoxe un exemplar d’ Os amigos de Chano Piñeiro, un libro de homenaxe (formidable o formato), coordinado por Miguel Anxo Fernández e editado pola Presidencia da Xunta de Galicia. Sempre mantiven grande lealdade con Chano, figura da que son admirador incondicional, razón pola que estou moi orgulloso de ter sido convidado a participar en tan fermoso libro achegando unha pequena colaboración agarimeira. Grazas a Mariluz e a Miguel Anxo polo convite.

Etiquetas: