Sandiás

Recibo no correo noticia dunha páxina (non oficial) do concello limiao de Sandiás. A recollida de información é moi exhaustiva e rigorosa. Recomendo a lectura das lendas sobre a lagoa de Antela. Encabeza o sitio un texto do poeta irlandés Seamus Heaney, que constitúe unha declaración de resistencia:

As pequenas culturas teñen unha relación complicada co mundo de hoxe en día. É unha situación de Anteo fronte a Hércules: Hércules é a globalización, e Anteo a posibilidade de resistir. O mito dinos que vence Hércules, mais tamén nós di que Anteo segue a resistir.

Parabéns, Xabier!!!

O blo de Carme Adán

O de Carme Adán si é un blo. Impecable tecnicamente (como cómpre), escrita coidada (algo escura) e posibilidade de colocar comentarios (imprescindible). Son de agradecer o pertinente dalgúns enlaces. Aventuro que estoutro vai perder lectores. Só lle poño unha tacha: o número e o tamaño das fotos é un chisco desmesurado. Agardemos que teña a sorte que merece o seu empeño.

Manuel Seixas

Soubemos por Vieiros que o noso amigo Manuel Seixas posúe un espazo web. As súas facetas como narrador, poeta, músico (guitarrista virtuoso), ensaísta, editor (Madame Mir é o seu selo) ou profesor de filosofía amósanse neste vizoso espazo de creación. A páxina é moi recomendable; pódense ler os seus últimos textos, informarse dos seus proxectos musicais (sexa o seu traballo en solitario ou en Korosidansas o da súa nova aventura Neuroband) ou coñecer as súas últimas creacións sonoras. Non ten desperdicio escoitar a psicofonía recreada a partir das palabras proféticas do famoso alcalde de Negreira. Con este novo proxecto na rede, Seixas demostra que continúa sendo un dos rachadores do conformismo da nosa creación cultural. Parabéns por arriscarse con semellante proeza.

O blo de Quin

Despois da estupenda presentación das Follas de bacallao, máis dun cento de persoas (con proxección de vídeo incluída), no Camaleón volvemos falar das razóns dos que apoian sen matices o plan xeral de Vigo. A cousa cada vez está máis clara: se alguén a comprende debería explicala. En Sal, o PSOE está feliz. Nunca llas puxeron mellor.

Cando chego a casa, María descúbreme o blo de Quin. Gustávos esa prosa tan enfiadiña e optimista?

A canción do náufrago

Promete o blo do escritor Francisco Castro. Na liña do grande Jaure, arrisca a opinar. Enlázoo aos meus favoritos.

Reflexión sobre a blogosfera

Rogerio colgou onte unha longa reflexión sobre a blogosfera que, sen dúbida, será do interese paralaboral de Cesare. Interesaralle, tamén, o estudo sobre os blos en Portugal (con certeza que xa o manexou).

Todo nada dous

A miña axente literaria favorita mudou de casa. Quedoulle ben bonita e ordenada. Hoxe tamén estará ben contenta polo artigo de Galicia hoxe. Concordo con ela en que os blos son un soporte e non un xénero literario. Ela e Cesare son os responsables da miña adicción a este soporte. Beizóns para os dous.

Galicia confidencial

Descubro polo sempre interesante Gago a existencia dun confidencial de noso. Gustoume, non semella o sitio típico de rexoubes e intoxicacións políticas interesadas. Está moi ben presentada a información sobre a candidatura de Beiras (din que irá de dous pola Coruña) e a intelixente manobra da suposta división dos chamados “Non adscritos”.
Os confidencias son outra das armas da información libre que corre pola rede. En realidade un agarda atopar neles o que sabe nunca vai ler nun medio dos convencionais; con todo hai que ter prudencia para valorar o que nos ofrecen.

Kavafinho


Baudelaire

Volve con pulo Kavafinho, o mellor blo que coñezo de poesía en galego, con moitas novidades. Destaca a tradución de Derek Walcott e os poemas sobre o 11 de marzo de Torneiro e Ignacio Chao. Recomendo vivamente a visita.

Deakialli

A bibliotecaria coruñesa Catuxa Seoane e a madrileña Vanesa Barrero manteñen desde hai tres anos un excelente blo sobre biblioteconomía e xestión de coñecemento. Está organizado por categorías e ofrece enlaces interesantes. Mágoa, polo menos no que lin, que non faga referencia ningunha a nosa lingua e a nosa produción editorial.