Campo do Fragoso LXXIV

ESPERANZA INCERTA

O partido fronte ao Elxe foi dos máis entretidos que recordamos ultimamente. Ao longo do encontro, o Celta de Eusebio Sacristán pasou da euforia inicial á depresión súbita, de amosar durante unha parte do encontro sinais dunha implosión letal que o levaba á desintegración a unha certa recuperación do nivel do seu xogo e da súa actividade no treito final que nos fai depositar aínda algunhas esperanzas sobre o seu futuro. Efectivamente, foron realmente euforizantes os dez primeiros minutos de xogo que a bancada agradeceu decontado cos seus aplausos e cánticos. Xogo vertical, caneos dende a banda, centro medido de Dani Abalo e cabezazo ás redes de David Rodríguez. A pequena sociedade Dani-David, onte, con moita diferenza, a nosa mellor parella de efectivos, funcionaba as mil marabillas. Porén, a ilusión pouco durou. Un fallo garrafal de Edu Moya permitiu que un dos dianteiros ilicitanos quedase só, si soiño, diante de Notario o que lle permitiu asinar o empate. E como sucedera en tantas outras ocasións, este lamentable erro defensivo supuxo o derrube anímico dos nosos. Como no fenómeno físico da implosión, o Celta subitamente fixo cachizas o esquema de xogo de Eusebio, que apostara por un trivote moi ofensivo no medio do campo, quizais por que no interior deste vestiario celeste existe unha presión moi inferior á que se vive no exterior, onde o futuro deste equipo se sente como un devir colectivo.  Diante de semellante implosión anímica celeste, o Elxe, como a maior parte dos equipiños que comparecen por Balaídos, viu que podía levarse o encontro e apretou un chisquiño a súa presión no medio do campo, onde polos galegos batalla só o teimoso Ariel Rosada. O lanzamento dunha falta (que só viu o árbitro) na frontal adiantou aos visitantes no minuto 36. No entanto, a diferenza doutras ocasións, o Celta, tras o descanso conseguiu recompoñer o seu espírito. Volveu imprimir máis sentido a circulación dende as bandas, sobre todo polos diagonais trazadas por un magnífico David Rodríguez que, transcorridos apenas oito minutos, volveu marcar de cabeza. Esta capacidade de renacer, de non deitarse non brazos da desolación foi, sen dúbida, a mellor noticia do fermoso serán de primavera adiantada en Balaídos. Había tempo para conseguir a vitoria. O equipo intentábao como podía, a pesar de non contar co acerto de Trashoras, que desaproveitou a ducia de saques de recanto e faltas que tirou, nin co compromiso de Dinei, unha auténtica rémora para o seu equipo. Non obstante, foi Eusebio quen tirou a toalla cos seus trocos dos mediocampistas. Con todo, o empate, a pesar de que funde un pouco máis ao equipo na táboa clasificatoria, é un resultado esperanzador. Onte houbo indicios claros de recuperación. Para conseguir volver ao vieiro das vitorias, cómpre o maior compromiso e disciplina de todos, si, de todo o vestiario.

4 comentarios
  1. Bretemas
    Bretemas Dice:

    O Coruña está facendo unha grande tempada. Creo que vai quedar en prazas europeas. Un gran éxito de Lotina e Lendoiro. No blog non falo do Deportivo por que non vou a Riazor, un dos meus campos queridos. Levo no corazón os moitos partidos aos que fun, naquela grada xuvenil que había a comezos dos anos setenta. Amigo A.C., Coruña é a miña segunda cidade, alí estudei os tres anos do meu bacharelato, de 1973 a 1976. É moi difícil esquecer aqueles anos da miña primeira mocidade nunha cidade que, agora, apenas recoñezo. Os meus parabéns a todos os deportivistas. Non sei cando poderemos repetir os grandes derbis galegos. Son tan pesimista sobre o futuro do Celta que, quizais, non se volvan celebrar nunca máis.

  2. moncho
    moncho Dice:

    Non se poña tan dramático. Nunca choveu que non escampase. Como deportivista tamén boto en falla ir a Balaidos. A última vez, por agora, tivo que ser coa selección galega e aí conseguín por fin sentarme na grada de río alto que era a única que me quedaba por visitar. En fin, que se pode ir a Xixón ou a Santander pero é evidente que nunca será mais que un “sucedaneo”.

Los comentarios están desactivados.