Artigos

Onte 1622: Adéu, Johan

Adeu-Johan-Cruyff-estimar-futbol_1547255349_28037002_651x366

Para a miña xeración Joan Cruyff é o primeiro xenio do fútbol que vimos no estadio de Balaídos e nas pantallas de televisión no período de transición entre o branco e negro e a cor. Johan foi, xunto ao meu admiradísimo George Best, cabezaleiro dos futbolistas melenudos, a xeración ye-ye dacabalo das décadas de 1960 e 1970. Coa morte de Johan desaparece o mellor futboleiro da historia, tanto pola súa traxectoria como xogador de fútbol total, capaz de nun mesmo partido de xogar de líbero e despois de rematador, coma pola de adestrador do fútbol dell’ arte, forxado durante seis tempadas inesquecibles no banco do Barça.

Como xogador non obtivo todos os títulos que merecía o seu talento, protagonizando co seu 14 da Laranxa Mecánica algunhas das derrotas máis xenuinamente vitoriosas da historia do fútbol, como a da final do mundial 74 fronte a Alemaña ou aqueloutra motivada pola súa ausencia no mundial do 78 celebrado durante a ditadura de Videla. Como adestrador do Barça abriu a técnica do rondo como alicerce do xogo da serpe, que dende entón interpretou o Barça e que desenvolveu a escola dos seus discípulos Guardiola, Eusebio e Luís Enrique. O fútbol de Johan baséase na sinxeleza da constante circulación do balón, e polo tanto das ideas, no xogo ao primeiro toque, o que é o mesmo que dicir sen dúbidas, coa intención de crear a superioridade que facilite o instante decisivo.

Johan concibiu o fútbol como unha actividade máis cerebral ca física. O fútbol é un deporte no que durante 90 minutos e sobre un espazo acoutado dous cadros se disputan a posesión dunha pelota utilizando a cabeza e os pés. Unha confrontación na que os participantes deben correr o suficiente para estar en cada momento no lugar axeitado. Non hai outras limitacións para a creatividade e orixinalidade dos seus intérpretes que procuran a beleza e a vitoria. Eis a clave para que este xogo sinxelo sexa tamén precioso, mesmo unha manifestación das belas artes sobre a lameira.

Entre as moitas frases memorables de Cruyff sobre o xogo, unha das que mellor recolle a súa filosofía é aquela na que afirmaba que quería «xogadores que poidan facer movementos decisivos en espazos pequenos, que traballen o menos posible para aforrra enerxía de cara a esa acción positiva». Unha boa lección, tamén para a vida e para todo o planeta: economicemos as enerxías e os recursos, que sempre serán escasos, para poder dispoñer deles no momento fulcral. Un xenio! Adéu, Johán, adeus, amigo!

Campo do Fragoso CLXXVII

celta-vigo-real-soci-3073509-7_gVASELINA

O Celta recuperouse decontado da malleira da segunda parte do Bernabeu. Outra goleada que avergonzou a afección celeste e demostraba o carácter bipolar do cadro de Berizzo, capaz de recibir máis de media ducia de goles nunha semana e na seguinte amosar unha disciplinada austeridade defensiva. Por ventura fronte á Real Sociedad, un rival directo na angueira europea, o Celta recuperou a súa faciana máis práctica e paciente, a que amosara tamén fronte a Getafe e Vilarreal, aproveitando ao máximo unha xogada xenial de Nolito e Aspas e traballando arreo e sufrindo até o límite para deixar a súa portaría a cero. Unha vitoria pola mínima que sabe a gloria xa que os de Berizzo abren unha importante fenda cos seus perseguidores e manteñen todas as súas opcións no que semella será unha loita moi dura con Sevilla e Athletic pola quinta e sexta praza.

Onte o Celta botou en falta a Tucu Hernández e Orellana, dúas pezas esenciais para que esta tempada funcione o engrenaxe celeste. Durante o inicio do partido dominaba, mais non era capaz de facer circular a bóla coa harmonía e coa fluidez que gusta en Balaídos. Fronte a aspereza dos txuriurdin, que xuntaron moito as súas liñas, e as dificultades de Wass para funcionar como enganche, labor da que se ocupa as mil marabillas o poeta Orellana, Berizzo apostou entón por facer correr a pelota dende a cobertura ao tridente atacante. Un fútbol directo pouco habitual no Celta, mais que transcorrido apenas un cuarto de hora facilitou a xogada que decantou o partido, froito de dúas xenialidades consecutivas, a primeira, o pase de Nolito en carreira, a segunda a recepción de Aspas, tamén en carreira, e a súa marabillosa vaselina sobre un gardamallas ben chantado sobre a liña de meta. Outro gol de alta escola, inesquecible, fermoso na concepción e afortunado na execución que, por riba, supuxo tres puntos de ouro.

Coa táboa de marcas por diante, o Celta acougou e parecía que podía recuperar o seu fútbol de salón. Tivo, entón, os seus mellores minutos, onde Nolito puido marcar, tras un servizo de Wass, e cando Guidetti chegou con claridade, impoñéndose ao seu marcador de ferro. Xaora, o equipo donostiarra, un chisco preguiceiro no seu ataque, agardando quizais a oportunidade dunha reviravolta de Jonathas, co que mantivo un formidable duelo Cabral, non deixaba nin un furado na súa cobertura. O xogo así foi devalando nun perigoso fastío, que só racharon un remate de Aspas e outro de Wass dende a segunda liña.

Porén, todo mudou tras a reanudación. Eusebio Sancristán non podía desengancharse da loita europea. A Real deu un paso adiante e comezou a acurrular o Celta na súa área. Un asedio constante e intenso, Xabi Prieto e Carlos Vela, tiveron as súas oportunidades fronte a Sergio, mais desta volta os celestes estiveron moi concentrados, sobre todo nos temibles saques de recanto onde podía aparecer o xigante Jonathas. O nivel de sufrimento e resistencia celeste, que os seareiros intentaron rebaixar co seu apoio entusiasta, acadou os seus límites máximos nos catro minutos (interminables) de desconto cando Illarramendi puido marcar até en dúas ocasións e Bruma estragou outra opción clara. Mais non era o día para os donostiarras, xa que os ventos eran propicios para os de Berizzo. Foi un partido moi igualado, decidido a prol dos nosos por unha vaselina en movemento, un alustro de xenialidade do astro de Moaña. Así é o fútbol, unha alquimia misteriosa, onde se funden doses de creatividade e de esforzo, capaz de xerar emoción tan intensa coma a que vivimos onte en Balaídos.

Campo do Fragoso LXXIV

ESPERANZA INCERTA

O partido fronte ao Elxe foi dos máis entretidos que recordamos ultimamente. Ao longo do encontro, o Celta de Eusebio Sacristán pasou da euforia inicial á depresión súbita, de amosar durante unha parte do encontro sinais dunha implosión letal que o levaba á desintegración a unha certa recuperación do nivel do seu xogo e da súa actividade no treito final que nos fai depositar aínda algunhas esperanzas sobre o seu futuro. Efectivamente, foron realmente euforizantes os dez primeiros minutos de xogo que a bancada agradeceu decontado cos seus aplausos e cánticos. Xogo vertical, caneos dende a banda, centro medido de Dani Abalo e cabezazo ás redes de David Rodríguez. A pequena sociedade Dani-David, onte, con moita diferenza, a nosa mellor parella de efectivos, funcionaba as mil marabillas. Porén, a ilusión pouco durou. Un fallo garrafal de Edu Moya permitiu que un dos dianteiros ilicitanos quedase só, si soiño, diante de Notario o que lle permitiu asinar o empate. E como sucedera en tantas outras ocasións, este lamentable erro defensivo supuxo o derrube anímico dos nosos. Como no fenómeno físico da implosión, o Celta subitamente fixo cachizas o esquema de xogo de Eusebio, que apostara por un trivote moi ofensivo no medio do campo, quizais por que no interior deste vestiario celeste existe unha presión moi inferior á que se vive no exterior, onde o futuro deste equipo se sente como un devir colectivo.  Diante de semellante implosión anímica celeste, o Elxe, como a maior parte dos equipiños que comparecen por Balaídos, viu que podía levarse o encontro e apretou un chisquiño a súa presión no medio do campo, onde polos galegos batalla só o teimoso Ariel Rosada. O lanzamento dunha falta (que só viu o árbitro) na frontal adiantou aos visitantes no minuto 36. No entanto, a diferenza doutras ocasións, o Celta, tras o descanso conseguiu recompoñer o seu espírito. Volveu imprimir máis sentido a circulación dende as bandas, sobre todo polos diagonais trazadas por un magnífico David Rodríguez que, transcorridos apenas oito minutos, volveu marcar de cabeza. Esta capacidade de renacer, de non deitarse non brazos da desolación foi, sen dúbida, a mellor noticia do fermoso serán de primavera adiantada en Balaídos. Había tempo para conseguir a vitoria. O equipo intentábao como podía, a pesar de non contar co acerto de Trashoras, que desaproveitou a ducia de saques de recanto e faltas que tirou, nin co compromiso de Dinei, unha auténtica rémora para o seu equipo. Non obstante, foi Eusebio quen tirou a toalla cos seus trocos dos mediocampistas. Con todo, o empate, a pesar de que funde un pouco máis ao equipo na táboa clasificatoria, é un resultado esperanzador. Onte houbo indicios claros de recuperación. Para conseguir volver ao vieiro das vitorias, cómpre o maior compromiso e disciplina de todos, si, de todo o vestiario.

Campo do Fragoso LXXIII

NOVA AGONÍA

A esperanza dun renacer celeste da man de Eusebio Sacristán durou apenas corenta e cinco minutos. Durante este primeiro período o Celta semellaba un equipo de estrea: novo técnico de gostos refinados na banda, novo debuxo táctico máis ofensivo (4-3-3) cun trivote inédito de mediocampistas (Rosada, Michu, Trashorras), defensa moi adiantada e presionante, e, sobre todo, manexo constante da pelota coa intención de construír un xogo paciente dende a liña defensiva. Semellaba que podían dar resultado as receitas que Eusebio traía ben aprendidas de Can Barça: o balón é quen organiza o xogo, o mellor xeito de defender é contar coa posesión da bola, cómpre rematar todas as xogadas para evitar contras imprevistas… Durante todo esta primeira parte o Celta, cun aparencia anímica sensiblemente mellorada, tivo máis tempo a pelota ca en ningún dos seus partidos anteriores, movéndoa de banda a banda coa intención de buscar os desbordes dos que onte foron os seus extremos, Ghilas e un David Rodríguez moi motivado. Froito deste xogo  atrevido chegaron varias boas oportunidades que os nosos dianteiros non souberon aproveitar. Nin Ghilas nin David nin Dinei nin o mesmo Trashorras tiveron acerto suficiente para marcar, unhas veces chegaron tarde, outras marraron estrepitosa ou inocentemente diante da portería baleira. Froito de semellante desacerto atacante celete, o Huesca, un equipo modestiño que só viña a defenderse o mellor posible, foi adiantando as súas liñas e na fase final desta primeira parte atuou á defensa céltica con dúas oportunidades magníficas. Aí vimos a sombra do sucedido fronte ao Éibar. Coa reanudación e coa incomprensible saída de Trashorras, substituído por Oubiña, o interesante debuxo celeste da primeira parte foi esvaecendo e aparecendo sobre a lameira a sombra que tan ben identificamos do equipo impotente e desconcentrado. O Huesca percibiu decontado as súa oportunidade e no minuto setenta Esparza aproveitou unha pelota longa de contragolpe que soubo rematar de forma moi potente dende a esquerda. Aí remataron as posibilidades dos nosos. Como sucedeu noutras xornadas, co marcador en desavantaxe chegaron ás présas e as imprecisións provocadas polo pánico da derrota. Por riba, dende a banda Eusebio errou nos trocos, quizais por descoñecemento do cadro de xogadores, meteu a Maris prescindindo de Dani Abalo, o canteirán con maiores posibilidades de desborde. Estes derradeiros vinte e cinco minutos foron outra agonía , idéntica a que viviu hai quince días. A crise deste Celta é moi seria, agoira dificultades importantes, mesmo para manter a categoría. Onte na bancada xa non houbo posibilidade de botarlle as culpas ao adestrador que, polo que puidemos comprobar, é tan inexperto na categoría como ben intencionado na súa concepción do xogo. Seremos capaces de salvarnos con estes vimbios?