Acordo de goberno

A publicación do acordo do novo bipartito é unha mostra do novo estilo de goberno. Un texto que constitúe tanto un acordo entre os coaligados como un contrato e compromiso coa cidadanía. Haberá tempo para debullar polo miúdo os centos de iniciativas e medidas propostos. Con todo, e ás présas, transcribo as que me parecen máis significativas sobre lingua, cultura e edición:

LINGUA

A Xunta promoverá unha política que recupere falantes da lingua do país e que estenda o seu uso normal en todos os ámbitos da sociedade. Noutro plan, potenciará o intercambio cultural cos países de lingua oficial portuguesa, erixíndose como relevantes nese proceso os medios de comunicación públicos.
Medidas:
-Desenvolvemento do plan xeral de normalización lingüística aprobado polo Parlamento en 2004, con dotación orzamentaria, programación e avaliación anual
-Creación dunha Institución para a promoción exterior da lingua e da cultura de Galicia.
-Comunicacións orais e escritas e promoverá o seu uso normal nos servizos e dependencias da Administracións autónoma e das Administracións locais. Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración.
-A Administración galega velará polo cumprimento estricto do Plano Xeral de Normalización Lingüística tanto na súa organización interna como nas relacións con outros institucións de Galicia e cos cidadáns,

CULTURA
A cultura, ademais do seu carácter de expresión simbólica dos individuos e das comunidades, é tamén un sector de alto potencial económico, xerador de emprego e de riqueza.
Defendemos unha política cultural baseada na liberdade de creación e na diversidade, na cooperación e na cidadanía. A cultura é a expresión da nosa identidade, a nosa forma de presentarmos noutras sociedades. Cómpre promover a súa internacionalización. A cultura galega ten demostrado en moitas das súas artes, capacidade sobranceira de creación e nivel internacional recoñecido: nas artes plásticas, na música popular e na música culta, na literatura, etc. Pódese facer outras áreas. E pódese incrementar o consumo de produtos culturais, mellorando as taxas de lectura, de asistencia a espectáculos, de participación en actividades de carácter artístico. Unha cidadanía moderna é tamén unha cidadanía cultivada, coñecedora das tendencias, que cubre unha parte do seu tempo de lecer en actividades formativas
A Xunta de Galicia promoverá a cooperación na vida cultural das institucións públicas e privadas: concellos, deputacións, fundacións, colectivos, coordinando iniciativas e procurando sinerxías de recursos.

Medidas:
-Modernización da rede bibliotecaria de Galicia, en fondos e servizos. Fomento da lectura pública coa participación dos medios públicos de comunicación. Pulo da industria editorial e promoción do libro galego.
EDUCACIÓN
Medidas:
-Gratuidade total dos libros de texto do ensino obrigatorio.