A proxección de Parga Pondal
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a reivindicar a figura do científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, homenaxeado polo Foro Enrique Peinador.
A pasada semana, o Foro Enrique Peinador organizou unha homenaxe na Facultade de Química da Universidade de Santiago ao científico, empresario e galeguista Isidro Parga Pondal, a quen en 2014 dedicou o “Día da Galeguidade Empresarial”. Coa celebración dun acto académico presidido polos tres reitores, co descubrimento dun seu busto, colocado ao pé da que foi a primeira Facultade de Ciencias compostelá, onde Parga Pondal foi profesor até 1936, e coa publicación dunha valiosa biografía, “Galicia ten un referente: Isidro Parga Pondal” (2014), preparada por Ricardo Gurriarán Rodríguez, a entidade presidida por Xosé González Martínez chanta sólidos alicerces para a recuperación do esquecemento de quen para moitos foi o científico galego con maior proxección do século XX, tanto pola súa vizosa produción científica nos eidos da Xeoquímica e Xeoloxía, coma pola súa participación na comunidade investigadora internacional nestas disciplinas.
Nacido en Laxe en 1900, dende os 14 anos educouse en Santiago co seu avó, o médico Isidro Pondal Abente, quen lle arranxou no xardín da casa o primeiro laboratorio. Parga Pondal confesou nunha longa entrevista que lle fixo a Radio Galega en 1986, poucos meses antes do seu pasamento, que contara coa axuda do químico José Casares, amigo do seu avó, que lle ensinou “naquel laboratorio a facer as primeiras reaccións por vía húmida, a manexar o soplete e, sobre todo, a procurar sempre o descoñecido”. Afán científico que o levou a estudar Químicas en Madrid e unha vez rematada a carreira opositar a unha praza de profesor auxiliar de Química Inorgánica da recén creada Facultade de Ciencias. Coa volta a Compostela, abrazou a causa galeguista e incorporouse ao proxecto cultural do Seminario de Estudos Galegos onde presentou o seu primeiro traballo sobre o contido en iodo das principais algas mariñas das costas de Galicia, inxerido metodoloxicamente xa no marco da Xeoquímica, disciplina incipiente daquela. Anos de entusiasmo que o levaron a percorrer cos seus colaboradores o país noso na recollida de mostras de rochas e minerais e a participar en excavacións arqueolóxicas con espírito interdisciplinar.
Unha bolsa da Junta de Ampliación de Estudos permitiulle en 1930 profundidar durante un ano no Instituto de Mineraloxía e Petrografía de Zúric na súa formación xeolóxica e publicar os seus primeiros artigos en alemán. En 1932 viaxou a Alemaña para investigar na Escola Técnica Superior de Berlín sobre a química do cemento, material sobre o que chegaría ser un grande coñecedor e sobre o que publicaría diversos traballos. As súas ideas políticas galeguistas e “manifestamente de esquerdas”, o seu posicionamento progresista no mundo universitario, no que defendeu a incorporación das mulleres aos equipos de investigación, definidas por Parga apenas como “ideas avanzadas”, provocaron tras o alzamento militar de 1936 a súa depuración como profesor e a súa prohibición de pisar os claustros da universidade e acudir ao laboratorio de Xeoquímica que montara.
Castigado como investigador, arruinada a súa carreira docente e obrigado a coller o camiño do exilio interior, atopou refuxio na vila natal onde tivo a fortuna de poñerse á fronte da empresa Kaolines de Laxe, na que tiña participación a súa familia. Xaora, na Costa da Morte recuperou o seu pulo investigador que desta volta, debido á precariedade de medios, dirixiu cara a Xeoloxía e onde crearía en 1940 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, unha universidade popular desde a que desenvolveu unha intensa actividade científica durante catro décadas. Durante este autoexilio, Parga compartiu o seu labor de investigación, que o levou a colaborar con numerosos científicos e universidades estranxeiras e a publicar centos de traballos, entre eles o “Mapa xeolóxico de Galicia” (1963) ou mapas de Galicia en relevo, coa actividade empresarial que levou a cabo cos irmáns Fernández López en empresas como Zeltia, Sial ou Cementos Noroeste, a primeira cementeira galega que produciu cemento artifical tipo Portland, instalada en Oural, nas que se ocupou da dirección técnica e científica.
Por ventura, Parga Pondal foi rehabilitado pola Universidade de Santiago en 1983 e investido doutor honoris causa. Desde 1997 o Laboratorio Xeolóxico de Laxe está integrado na Universidade da Coruña como Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal. Co seu nome sinálase un dos programas máis importantes da Xunta de Galicia para a contratación de doutores para a súa incorporación a organismos de investigación públicos e privados. O nome de Parga Pondal referénciase hoxe con I+D+I, fórmula da que (sen sabelo) foi un pioneiro na nosa terra. Eis atopamos a proxección de futuro desta gran figura científica galeguista.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir