Tres segundos de memoria

Creo que pode ser interesante coñecer o texto íntegro que sobre Tres segundos de memoria, a novela de Diego Ameixeiras, leu un dos membros do xurado:

“Un mozo de trinta anos, parado e á espera de que lle chegue á próxima oferta de precariedade laboral, deambula pola vida contándonos o seu día a día sen especiais proxectos de futuro e sen contas que saldar co pasado. O protagonista desta novela á que o xurado acordou concederlle o Premio Xerais de Novela 2006 é unha persoa sociable e ocorrente, que pasea polo seu relato en primeira persoa o que el denomina o post-fracaso, unha actitude con fortes doses de cinismo ante a vida. O único fío condutor de toda a narración é a interacción dese personaxe cos seus amigos e amigas sen moitos máis obxectivos visibles que o disfrute do sexo.

Tres segundos de memoria podería ser entendida tamén como unha obra que retrata, desde o punto de vista masculino, toda unha xeración, a das persoas que naceron a finais de década dos 70, dando pé, con frecuencia, á aparición dos idearios e as referencias culturais desa xeración. Os que habitan Tres segundos de memoria son personaxes mozos, fracasados, maiormente cultos e con estudos pero desenganados e intencionadamente afastados dunha cultura que só os levou a engrosar as filas do paro e, se cadra, a prolongar traumaticamente unha adolescencia que xa non lles corrrespondía.

O politicamente incorrecto non é aquí unha pose senón algo que abrolla de xeito natural, espontaneo, da propia relación do protagonista coa cidade, co ambiente que frecuenta, e da súa propia percepción da vida. Tres segundos de memoria, que fala abertamente do sexo, igual que trata sen tabús temas como a homosexualidade, é unha novela que fai un retrato dun sector moi urbano e moi damnificado da sociedade galega. Se cadra, por ese motivo o texto se alimenta dunha forte vocación de malditismo e de certa marxinalidade, sen que iso constitúa un inconveniente para que se configure como unha novela expresiva, escrita cun estilo fresco e directo e tremendamente cargada de humor”.

Pola súa banda, as primeiras declaracións do autor sobre a obra gañadora foron as seguintes:

“O protagonista de Tres segundos de memoria pretende ser un cínico consumado e un castigador de manual adicto ás películas de Clint Eastwood, pero só consegue ser un anónimo sentimental ao que todo lle sucede coa música alta e cunha cervexa quente na man. Dende que fixo trinta anos e a súa ex-moza anda cun idiota de fenomenal autoestima, o seu universo interior expándese de tal xeito que só consegue calmar tanta introspección escoitando os consellos que lle dedican os amigos de toda a vida, sempre dispostos a consolidar as súas inseguridades con argumentacións certeiras, pero moi pouco efectivas para respirar en calma e durmir ao quente.”

“O protagonista desta historia odia os domingos pola tarde, detesta á xente que tenta explicarse con metáforas e nunha ocasión tentou introducir un vaso de tubo na boca do novo mozo da súa ex, pero non por iso deixa de ser un tipo insultantemente normal. Contan que en certa ocasión foi sorprendido nunha librería na sección de poesía contemporánea, pero considera que a nostalxia é un sentimento tremendamente reaccionario, propio de xente con ganas de complicarnos a vida. Evidentemente, falamos deses homes carentes de brúxula, e aos que lles gustaría ter nacido muller e, por suposto, lesbiana.”

5 comentarios
  1. Anonymous
    Anonymous Dice:

    canto me alegro, parabéns, diego.
    hasta sinto certa emoción de “ourensana_ateniense”, jeje.
    ademís que ben o paso sempre cos teus libros.

    siloam

  2. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Pois a novela de Diego discorre coma a vida mesma. A vida de tantos mozos e mozas ancorados nun punto onde a saída, tanto profesional como afectiva, é a que é, sen máis.

  3. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Lin este libro de Diego, e sendo muller sentinme moi identificada nalgúns aspectos co protagonista, aínda que me falta un bo cacho pra chegar ós 30. Sorpréndeme e alégrame que unha novela cunha temática tan xove e escrita dun xove sexa galardoada co Xeráis.
    Saúdos de Sukides.

Los comentarios están desactivados.