Magnífico discurso de Antón Louro nos Premios da Crítica

Onte cheguei tarde á cerimonia de entrega dos Premios da Crítica 2010 celebrada en Mondariz Balneario. Magooume non poder ver a entrega do premio de creación literaria que recibiu Suso de Toro. Un premio que moito me aledou. O esforzo literario de Sete palabras merecía un recoñecemento deste tipo; a novela recibira boas valoracións da crítica e de moitos lectores e lectoras, porén deica agora non asomara por premio ningún dos fallados a obra editada. Entrei na sala coincidindo coas palabras de agradecemento do maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra Xoan Xosé Barreiro Prado, declarado Galego Egrexio polo seu destacado papel na creación da Irmandade Xurídica Galega e, en xeral, polo seu traballo arreo na galeguización da xustiza. Logo chegaron as intervencións dos políticos. Abriunas Anxo Lorenzo, logo interviu Roberto Varela e pechou Antón Louro. Aí saltou a sorpresa. O discurso do Delegado de Goberno foi magnífico, memorable. Moi lonxe do carácter protocolario destes parlamentos, Louro axiña atrapou a atención do auditorio coa súa defensa firme dos principios que forxaron os consensos arredor da normalización da lingua galega. Salientou con claridade a falacia que agocha o argumento do «equilibrio das linguas» que para el «só prexudica a máis feble, a galega» e solicitou con enerxía a recuperación dos espazos de encontro para evitar problemas de convivencia entre os cidadáns. Mágoa que nas notas de prensa sobre a cerimonia publicadas hoxe non aparecese referencia ningunha a estas tan ponderadas declaracións que foron longamente, moi longamente aplaudidas.

1 comentario

Trackbacks y pingbacks

  1. […] This post was mentioned on Twitter by Manuel Bragado, Manuel Bragado. Manuel Bragado said: «Magnífico discurso de Antón Louro nos Premios da crítica», anotación no blog, http://bit.ly/cEyagE […]

Los comentarios están desactivados.