Hidria Segundo
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a celebrar que o Hidria Segundo, o buque a vapor máis vello da península, conta con amarre no porto de Vigo:
Despois de 14 anos de ter solicitada unha praza de atraque para embarque e desembarque de pasaxeiros, os armadores do «Hidria Segundo» conseguiron que o Porto de Vigo lla concedese nun dos pantaláns de Portocultura. Sen dúbida, unha noticia moi esperanzadora para a recuperación e conservación definitiva en Vigo dunha das embarcacións máis emblemáticas da ría durante case todo o século XX, hoxe o único barco de vapor existente na península que aínda navega e unha das poucas pezas grandes ben conservadas do patrimonio marítimo galego. Un atraque que a Autoridade Portuaria de Vigo aventura podería facerse realidade nos meses de outubro ou novembro próximos, se os seus armadores de Vapores del Atlántico S.L., María José Otero Castro «Sesé» e Jacobo Costas, reúnen os recursos suficientes para facer algúns arranxos imprescindibles e botar ao mar o buque hoxe atracado en seco en Porto Meloxo no Grove.
Un amarre no peirao vigués que despois de dúas décadas de loita heroica de Sesé e Jacobo, suporía a saída soñada para un proxecto de restauración como barco museo, albergue e espazo de cultura iniciado o 6 de xuño de 1997 cando in extremis, rescataron o que fora buque alxibe, abandonado e arruinado no porto vigués, tras a quebra da empresa propietaria en 1994, a piques de ser desmantelado na Lagoa, como desafortunadamente lle sucedería poucos días despois ao «Campaláns», o primeiro buque de ferro construído na ría por Barreras (1934), dedicado ao subministro de combustible, que tan destacada actuación tivera na extinción do incendio do «Polycomander» (1970), e tamén un ano máis tarde ao seu compañeiro o, alxibe «Roberto».
Cun casco de madeira dunha eslora de 30,5 m, unha manga de 7,6 m e un puntal de 3 m, o «Hidria Segundo» foi construído entre 1963 e 1966 nos estaleiros de José Roberto e Hijos de Teis. Herdou a maquinaria do «Hidria» botado en 1922 e fundido no porto en 1959, que sería reflotado e desmantelado, aínda que por fortuna sería conservada a súa preciosa máquina. Buques alxibes, ambos os dous propiedade da empresa Aljibes de Vigo, dedicados a subministrar auga potable do manancial da canteira de Meira a todo tipo de embarcacións da ría, dende os mercantes e trasatlánticos aos pesqueiros do Berbés. Con velas en proa e popa, utilizadas para realizar determinadas manobras, a súa máquina de vapor de expansión tripla, xerado por unha caldeira de gasoil, permítelle navegar a 7 nós sen apenas producir ruído, mover 220 toneladas, cunha tripulación reducida de catro ou cinco persoas, patrón, mariñeiros e maquinista, auténtico ourive desta alfaia flotante única.
Sesé Otero e Jacobo Costas tardaron oito anos en transformar un vapor condenado a ser despezado nun buque de pasaxeiros capaz de transportar a 120 persoas. Asumiron un proxecto de restauración do casco e das superestruturas respectuoso coa fasquía orixinal, acondicionando a bodega, onde estaba instalada a antiga cántara, en espazo para actividades culturais e sociais. Incorporaron as medidas de seguridade e contra incendios necesarias, que despois de superar numerosos trámites burocráticos, permitiron volvese navegar en 2005. Dende entón, o «Hidria Segundo» agardaba o seu regreso ao porto de Vigo como buque museo. Un longo período no que non tivo a sorte que o proxecto merecía. Foi utilizado como espazo expositivo do Ano da Memoria (2006), no que visitou diversos portos galegos, entre eles o de Vigo, despois estivo atracado no porto de Cartaxena e logo regresou ao do Grove onde aínda pode ser visitado.
O patrimonio marítimo en Vigo nunca foi valorado como merece, a pesar de que a cidade ten na construción naval e na navegación o seu ADN. Nos espazos portuarios vigueses non quedan vestixios de ningunha das embarcacións de pasaxeiros da ría, nin sequera das máis recentes, como aquel «Islas Ficas», o buque insignia de Vapores de Pasaje, despezado hai unha década, mais do que conservaremos a súa memoria nas imaxes de «Os luns ao sol», unha das películas máis xenuinamente viguesas. Consérvase apenas o casco do «Bernardo Alfageme» na rotonda de Coia, mostra da incapacidade da cidade para poñer en valor o potencial enorme do seu patrimonio marítimo e industrial, como unha das trabes da memoria de Vigo e como interesante recurso turístico.
Agardemos que a posibilidade que se abre co amarre do «Hidria Segundo» no peirao de Portocultura non se malogre. Vigo, por fin, podería contar no seu porto cunha embarcación histórica, capaz de funcionar como buque museo flotante, como recurso didáctico para escolares sobre o patrimonio da ría e atractivo reclamo turístico de navegación pola ría de primeiro orde. Unha oportunidade preciosa que as administracións públicas, dende a Autoridade Portuaria, pasando pola Xunta de Galicia e o Museo do Mar, ao concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, deberían contribuír en man común a que non quedase en auga de castañas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir