Onte 1710: Unha fenda para a esperanza
Non foi doado encaixar na mesma xornada a emoción que vivimos ao mediodía na homenaxe a Camilo Nogueira en Trasalba e a decepción que sofrimos á noite tras os resultados das Xerais. A pesar do teimundo optimismo da vontade, que aprendimos do Camilo, onte custounos moito atopar unha fenda para a esperanza, tras unha clara vitoria en Galicia do partido de Feijoo, que fixo retroceder a En Marea á terceira posición e deixou ao BNG na máis dolorosa irrelevancia.
Unha noite decepcionante para a esquerda que, con todo, non pecha todas as posibilidades de alternativa nas vindeiras autonómicas. Revisando os resultados é moi probable que boa parte dos 92.516 votos que perderon En Marea e o BNG, con respecto á convocatoria do pasado decembro, fosen directamente para a abstención, o que facilitou que o PP rañase de xeito ben arteiro á En Marea unha acta en Ourense (por apenas 1.633 votos) e outra ao C’s na Coruña.
Superar a fronteira dos 400.000 votos nas Autonómicas debería ser o obxectivo polo que a partir de aogra traballasen En Marea e o BNG para artellar, xunto co PSOE de Leiceaga, unha alternativa que defendese a existencia de Galicia como suxeito político. Para acadar esa nova maioría é imprescindible volver activar ese electorado galeguista e progresista que onte, aborrecido e decepcionado, procurou o acougo na abstención. Non é imposible artellar unha proposta programática e organizativa atractiva e audaz para a maioría social.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir