Onte 1598: «Nahid»
Ser muller na actual sociedade iraniana, na que pervive todo o poder do patriarcado, é unha tarefa heroica para Nahid, a protagonista da película homónima, a ópera prima da directora Ida Panahanded. A liorta pola custodia dun fillo de dez anos, tras un difícil divorcio dun yonqui, e a relación cun home que casa con ela nun matrimonio interino obrigan a Nahid a procurar o seu destino, moitas veces de forma contraditoria. Un fío narrativo que permite á directora iraniana construír un drama neorrealista contundente, capaz de retratar dende o cotián unha sociedade opresiva, onde as mudanzas (sobre todo as das tecnoloxías da comunicación) son moito máis aparentes ca reais. O acertado manexo da elipse (nas escenas violentas) e a precisión do encadre, nas travesías do río ou nas conversas dos protagonistas na praia a beira do Caspio son logros desta película discreta, que deixa moi escasas fendas para a esperanza.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir