Onte 1532: «The lobster»
Decepcionoume de The lobster, a película do grego Yorgos Lanthimos que fora premiada polo xurado en Cannes. Non é moi doado comprender como un arrinque argumental tan xenial e brillante pode estragarse na segunda hora cando se produce unha mudanza de espazo e a trama se volve tediosa até pór a proba a paciencia do espectador. Ambientada nun espazo e tempo distópicos, esta película de ciencia ficción relata a peripecia duns solitarios recluídos nun extraño hotel coa intención de atopar parella antes de corenta e cinco días, so pena de ser transformados no seu animal preferido. A brillantez argumental desta proposta inicial de humor negro e de realidade esaxerada esvara cara o territorio excéntrico da fraga onde os solitarios perseguidos montan a súa propia resistencia. As interpretacións de Colin Farrel, o protagonista disposto a transformarse en lagosta, e de Rachel Weist, a súa amante, salvan un filme raro no que tras a súa grimosa escena final non sabemos se o amor e a soidade caen ou non derrotados.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir