Listado de la etiqueta: rachel_weist

Onte 1578: «Youth» («A mocidade»)

La_juventud-213917149-largeYouth (La giovinezza), a última xenialidade de Paolo Sorrentino, é unha película perturbadora onde o peso das emocións e a corrente de beleza de imaxes memorables esvae un argumento apenas funcional, Como sucedera xa n’ A grande beleza, a densidade e a grandilocuencia visual, sonora e textual facilita a abordaxe de temas esenciais, dende unha reflexión filosófica, como os valores da mocidade e da vellez (quizais, o principal), mais tamén da lembranza e do esquecemento, do éxito e da decadencia, da saúde e da doenza… Unha película na que o sublime nunca abandona a pantalla, sexa polas interpretacións marabillosas de Michel Caine, Harvey Keitel e Rachel Weist, sexa polas frases (moitas veces aforismos) que utilizan nas súas conversas, ou polos constantes cambios de planos ou variación de medlodías musicais. Sorrentino móvese n’ A mocidade no territorio que só transitan clásicos contemporáneos para dar conta da desolación do século XXI. Memorable!

Onte 1532: «The lobster»

Decepcionoume de The lobster, a película do grego Yorgos Lanthimos que fora premiada polo xurado en Cannes. Non é moi doado comprender como un arrinque argumental tan xenial e brillante pode estragarse na segunda hora cando se produce unha mudanza de espazo e a trama se volve tediosa até pór a proba a paciencia do espectador. Ambientada nun espazo e tempo distópicos, esta película de ciencia ficción relata a peripecia duns solitarios recluídos nun extraño hotel coa intención de atopar parella antes de corenta e cinco días, so pena de ser transformados no seu animal preferido. A brillantez argumental desta proposta inicial de humor negro e de realidade esaxerada esvara cara o territorio excéntrico da fraga onde os solitarios perseguidos montan a súa propia resistencia. As interpretacións de Colin Farrel, o protagonista disposto a transformarse en lagosta, e de Rachel Weist, a súa amante, salvan un filme raro no que tras a súa grimosa escena final non sabemos se o amor e a soidade caen ou non derrotados.