Onte 1377: «Hablar»
Pareceume que o máis interesante de Hablar, a película de Joaquín Oristrell, é a proeza de manter un plano secuencia durante oitenta minutos ao longo de 400 metros das rúas do barrio madrileño de Lavapiés. Tamén é valiosa a construción do guión sobre o que se ensarillan as vinte historias, máis ou menos representativas deste tempo actual de precariedade e crise económica en España. Mágoa que con algunha excepción, como as intervencións do personaxe de Nur Levi ou dos minutos finais no teatro, os diálogos non teñan a brillantez que se agarda nunha película que pretende denunciar a incomunicación, a perversión da linguaxe e reivindicar o valor da comunicación e o peso da palabra na resolución dos conflitos. O acerto do emprego do plano secuencia, algo semellante ao da voz en primeira persoa nas narracións escritas, salva a verosimilitude da película, aínda que lle faltan as doses de emoción e afouteza necesarias para retratar esta crise interminable.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir