Onte 1327: En Lugo con Paco Martín
Onte na presentación na Feira do Libro de Lugo d’ A rula, o peluche e a nena, o conto de Paco Martín ilustrado por Belén Martín Franco, lembramos dous importantes aniversarios: os corenta anos transcorridos da publicación de Axóuxere. Semanario do neno galego, o suplemento de La Región en galego promovido por Martín, no que participaba o seu amigo o ilustrador Xoán Balboa; e os trinta da publicación Das cousas de Ramón Lamote, a novela coa que gañaría un ano despois o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, adral dun subxénero que dende entón se desenvolvería con ansias de normalidade.
Na presentación, Paco confesou que «este foi o conto que un avó fixo para cumprir o seu papel básico, que non é outro que o de contar.» «Cando eu escribín este conto, Jimena, a miña única neta, estaban por nacer e pedinlle a súa tía que o ilustrase.» «É o conto dunha rula, Airosiña, que non quería emigrar, xa que quere coñecer o segredo da vida. Isto vaille provocar problemas para sobrevivir as baixas temperaturas. Quixen lembrarlle aos pequenos que a rula pasa o mar. Teño predilección polas rulas, dende os vinte anos, cando en Cádiz vin ao pé do mar que había cantidade de xente apuntando para matalas ao seu paso, era tremendo. Pensei que xa non quedarían rulas que chegasen a Lugo!!!» «A rula representa a ansia de liberdade, que tamén ten o peluche, que vive arrombado no cuarto da nena, mais ao que lle gustaría viaxar e coñecer o mundo, o que conseguirá grazas a axuda de Voandeira, outra rula viaxeira. Pensei que a rula e o peluche facían unha simbiose bastante agradable.»
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir