Onte 1270: Eclipse multiplicada
Enguedellado na lectura dun dos orixinais que agardan valoración, nesta altura máis dunha ducia, non atendín moito onte á evolución da eclipse parcial de sol, un deses fenómenos naturais capaces de constituírse pasados os anos en referente na construción do noso autorrelato. Xaora, lendo no Faro o seguimento da eclipse nas Rías Baixas, reparei que perdera unha oportunidade magnífica de ir ao Vao e participar xunto con centos de persoas nun acontecemento científico transformado en espectáculo principal do primeiro bank holiday (non confundir coa festividade de San Xosé) co que nos agasallou o rigor de Feijóo «o austero». No entanto, non se me pasou desapercibido o espírito didáctico e a creatividade dalgunhas persoas como a nosa admirada Ana Miranda que durante a eclipse nos guiou dende o seu perfil de Fb no emprego da escumadeira como visor para gozar así dunha eclipse multiplicada. Tomarei nota e agardo gozar hoxe nos peirao das Avenidas da anunciada «marea xigante».
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir