O premio de Eduardo Estévez

A decisión do xurado do Premio de poesía González Garcés, convocado pola Deputación da Coruña, de emendar o seu veredito e retirarlle o premio a Eduardo Estévez paréceme un lamentable erro. Non hai dúbida de que a utilización dos medios dixitais (como fixo Estévez no seu blog) para a comunicación de textos literarios pode crear confusión sobre algúns termos (como o de «obra inédita») que se veñen utilizando nas bases dos premios literarios. Estévez, un dos pioneiros galegos neste eido, pagou coa confusión terminolóxica deste xurado un prezo absolutamente desproporcionado a súa novidosa e valente proposta creadora. Albisco, canto menos, unhas cantas razóns para contradicir o trasacordo do xurado:
– A obra –entendida como «libro que contén un traballo completo, ben sexa nun único volume en varios» (segundo definición do Dicionario Xerais)– presentada ao concurso por Estévez estaba inédita, xa que non fora editada nun soporte impreso con anterioridade nin sometida aos procesos de edición dixital convencionais (preparada para a súa descarga); nin tampouco contaba con rexistro de ISBN ou de Depósito Legal nin sequera do preceptivo ISSN das publicacións periódicas. E o dicimos tomando en conta a diferenciación clarísima que establece a actual Lei de Propiedade Intelectual entre os conceptos de comunicación pública, reprodución e distribución dunha obra (proceso este último ao que se refire o concepto de edición e o que permite diferenciar xuridicamente entre obras éditas e inéditas). Un blog, como ben sinala o editor Juan Blanco Valdés, coas características técnicas que adopta neste momento, non pode ser considerada «unha edición» (xa que, como ben sabemos, pode ser modificada en calquera momento polo seu autor), o que non impide que sexa un soporte de comunicación pública, como tamén o é un recital no que un poeta le os seus textos inéditos.
– O blog «en construción», no que Estévez xermolou boa parte do seu poemario (un proceso de «work in progress» no que os textos non son definitivos), tampouco podería ser considerado un libro electrónico ou dixital, xa que non adopta ningún dos formatos habituais (PDF ou PRC) neste tipo de soportes.
– As bases do premio establecen a responsabilidade da Deputación Provincial «na edición da obra» (o que é o mesmo que dicir na súa distribución nun soporte pechado), ben é certo que sen explicitar que sería impresa en papel ou difundida en soporte dixital pechado. Esta indefinición na redacción das bases (común na maior parte dos premios literarios convocados en Galicia) non pode ser utilizada como argumento nin a prol nin en contra de ningunha das obras presentadas ao concurso.
– No momento da súa primeira deliberación os membros do xurado poderían ter coñecido o feito de que o orixinal, sometido agora a polémica, fora xestado no blog responsabilidade de Eduardo Estévez.
Sexa como for, o poeta Eduardo Estévez é o autor da obra literariamente preferida polo xurado, o que o sinala como o gañador moral do certame. Mágoa que non poida recibir, ademais, o recoñecemento económico ao seu traballo. Do triste proceder dos que intentan gañar os premios literarios nos despachos, é preferible calar.
Aconsello a lectura das anotacións sobre esta polémica publicadas nos blogs de Juan Blanco Valdés e O levantador de minas (onde aparecen no apartado de comentarios os informes completos emitidos polos editores Miguel Anxo Fernán Vello e Fran Alonso sobre a cuestión).

Actualización (26-09-2008): Vieiros.

24 comentarios
  1. anxo
    anxo Dice:

    Todo iso está moi ben, pero eu pregunto con toda inxenuidade: nas bases do premio González Garcés non se esixe anonimato? Non hai plica que abrir? Non o creo. Se Eduardo Estévez estivo publicando non sei cantos dos poemas do libro en cuestión no seu blog, para a miña opinión conculcou a base de anonimato que se supón activa en todos os premios deste tipo. De non ser así, pido desculpas.

  2. Brétemas
    Brétemas Dice:

    Anxo: a esa cuestión refírese a miña cuarta consideración. O xurado na súa deliberación inicial puido desbotar (e non o fixo) a obra por considerar que non era anónima. No entanto, non dubido que o sistema de plica foi o utilizado polo concurso.

  3. anxo
    anxo Dice:

    Si, pero quen lle asegura a Lama que o xuri, ou parte del (por exemplo, a maioría) non coñecía a autoría do poemario a xulgar e, coñecéndoa, silenciou o dato para favorecer Estévez? Que conste a miña neutralidade, eh!

  4. Alfredo Ferreiro
    Alfredo Ferreiro Dice:

    Anxo: acontece que a autoría dun libro a concurso sempre pode ser coñecida polos xurados, sen recoñecerse, se houbo manobras secretas por detrás. Iso é algo que as bases non poden controlar no concurso con sistema de plica. O único que cabe con coherencia neste sistema de concurso é aplicar un prodecedemento transparente de modo completamente rigoroso. De modo xermánico, diría alguén, ou antihispánico, diría outro con máis veneno.

  5. anxo
    anxo Dice:

    De acordo, Alfredo, pero unha cousa é o coñecemento privado, por amizade ou, sen mediar amizade, por deducción estilística, temática, etc., ou porque “eu tamén pasaba por alí”, e outra cousa é a exposición pública con nome(s) e apelido(s) dunha obra ou parte dela que pode ser perfectamente identificábel polos membros do xuri.

  6. lavesedo
    lavesedo Dice:

    Veño de chegar de ferias e atopei a nova en vieiros, ollei as diferentes posturas e para min está claro que o poemario do señor estévez non é unha obra editada, xa que logo será inédita, non é?, como deixan moi claro Fran Alonso, Fernán Vello ou o propio Bragado. E tamén é certo que as bases do concurso non piden “anonimato” senón a típica presentación baixo lema que o señor estévez cumpre escrupulosamente. Daquela, non hai incumprimento de ningún dos puntos do regulamento do certame. Pode ser cuestionábel a “corrección” de presentar textos que calquera membro do xurado podía ter lido con anterioridade, e xa actuando de xeito desmesurado, -para apagar dúbidas, ruxeruxes ou suspicacias nun certame convocasdo por unha institución pública-, ter declarado o premio deserto diante da pouco elegante protesta do finalista, mais chegar a darlle o premio ao reclamante é a cousa máis estrambótica que podía acontecer.

  7. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Pódese dicir o que se quera e darlle as voltas posibles, pero o que está claro é que Anxo ten toda a razón: os membros do xurado podían coñecer a identidade do autor dun xeito manifesto e público. Dicir que non se esixe anonimato é simplemente marear a perdiz: logo o sistema de plicas é para amolar?
    Gustaríame velos a vostedes perder unha plaza nunha oposición fronte a un tipo que tiña o cuestionario previamente, inda que xure non telo lido.

  8. SurOeste
    SurOeste Dice:

    Deamoslle unha voltiña máis: se algún de nós collese o que se expoñía no blog “en construción” e o mandase ao premio e nolo concedesen (a nós, usurpadores, non ao mantedor do blog) que pasaría? O mantedor quedaría tan tranquilo na casa ou denunciaría o caso e iniciaría unha polémica semellante a esta?

  9. SurOeste
    SurOeste Dice:

    Ahh! se o “publicase” no seu blog, podería pedirme explicacións, mais así… a min ocorréuseme mentres miraba como o meu amado fregaba de vertedeiro e fun bisbarllo na orella inmediatamente.
    Máis telepatía: non se lle pasou pola cabeza que alguén podería entrar e roubar no seu blog os suculentos contidos que nos ofrece e acadar a gloria con eles? Ou mesmo facer un mix entre post seus e meus e presentar “a revolución literaria”que todos estamos agardando?

  10. folerpa
    folerpa Dice:

    Arume, suroeste, co debido respecto, iso do que falades non ten nadiña que ver co do premio dende un punto de vista xurídico. No suposto do que falades si que estariamos ante un caso de propiedade intelectual e habería que ver primeiro que tipo de licenza ten o blogue e en que condicións estan os textos alí publicados e en que supostos se poden empregar e para que.

  11. anxo
    anxo Dice:

    E inxenioso iso de imaxinar que alguén podería roubar os textos en contrución e logo presentalos ao premio como propios. Non sería imposíbel, pero só se ese alguén o que pretendese fose dinamitar a dinámica dos premios para logo renunciar á dotación económica correspondente e quedar comodiós. Claro que tamén podería facelo alguén disposto a suicidarse literariamente, pois eses textos van ser editados e todo se descubriría, e o rabo de palla íalle pendurar de por vida. Claro que eu sei de alguén que plaxiou un conto de Borges e gañou un premio aquí en Galicia. En fin, a casuística podería dar moito de si.

  12. tío Pepin
    tío Pepin Dice:

    Pois non debe ser a cousa tan clara cando hai asesores xurídicos que manteñen teses distintas (deduzo eso da explicación dada polo xuri) e, por enriba, penso que non se trata unicamente de ler o asunto en clave xurídica, e digo ‘unicamente’. Eu non actuaría nunca como o fixo Lama, pero tampouco presentaría unha obra creada ó xeito de Estévez a un certame poético. Cuestións de ética e de estética, como xa apuntei noutro blog.
    Tampouco creo que se deba medir o asunto en función dos apoios ou non que se verquen na rede. E todo esto non quita que a calidade do traballo de Estévez non sexa superior á do presentado por Lama (eu descoñezo os dous -coñecía o blog ‘en construción’-, polo que nada opino ó respecto).
    O que me pareceu ridículo foi o plantexamento defensivo que mostrou Xulio L. Valcárcel argumentando que non se podía impugnar a decisión do xuri, porque aí si que manda carallo! Supoño que quererá dicir sempre e cando se cumpran as bases, e eso é o que xenera toda esta kafkallada.
    A partir de agora todos a escribir poesía nun blog perfectamente identificado e logo, cunha man de pintura por aquí e outra de manicura por alá, a presentalos anonimante baixo plica. Legal?, secadra si. Ético? Para min non.
    En canto a aceptar ser o gañador do premio que nunha primeira instancia non che foi adxudicado… Non resulta moi estético.
    Lama puido plantexar a súa batalla sen ánimo de lucro, sería moito máis crible e moitísimo máis elegante.
    E logo está o capítulo aparte dos editores. De coña! Por que un experimento tan interesante coma o de Estévez e agora tan defendido por eles non foi recollido ipso facto e ‘editado’ como merecía, sen agardar á mediación dun certame? Vai ser que hai moito que rascar na casa de todos.

  13. sara jess
    sara jess Dice:

    bravo, Tio Pepín! todo moi ben exposto. sobre todo esa frase final que escribes. tes toda a razón. baixo o meu punto de vista, o premio debería quedar deserto. aí a elegancia de Lama non é só que careza de estética, é que simplemente carece de total dignidade.

  14. ARUME DOS PIÑEIROS
    ARUME DOS PIÑEIROS Dice:

    Folerpa, non é o mesmo, claro está. Desde un punto de vista xurídico. Pero trátase dunha parte dunha das argumentacións aducidas: a de que o escrito no blog non ten a entidade de obra. Logo, se non ten entidade, cando esa “non obra” (non “obra non finita”, ollo) é tomada en préstamo por outro e este lle concede categoría de obra, como argumentar que ti es propietario do que non existía antes como tal?
    Xa sei, Folerpa: de penoso leguleio. Pero nestes casos saimos á luz como amanitas phaloides, ou non?

  15. sara jess
    sara jess Dice:

    interesante escoitar o programa do Diario Cultural da Radio Galega na emisión do mércores (a partir do minuto 12’30”). Alí temos a oportunidade de escoitar a reflexión dos dous autores, Eduardo Estévez e Lama.

  16. Anonymous
    Anonymous Dice:

    O informe de Xerais é unha chapuza, é unha opinion persoal, en serio porque considero que non é rigoroso! DIN ISTO:
    “”En ningún caso pode entenderse o blog «En construción» como un libro dixital””. MOI BEN PERO SEGUE SEN SER INÉDITO
    “” 2. Entendo que o poemario Construcións é unha obra inédita, aínda que sexa o resultado dun proceso creativo público, transparente e participativo. “” OU SEXA, QUE NON É INÉDITO.

    “” 3. Entendo que a apertura pública do proceso creativo «En construción» foi unha
    iniciativa soprendente e desconcertante, por novidosa, pero orixinal e valente, na
    medida en que fai público o proceso creativo”” ENTÓN BEN QUE PUIDERON PARTICIPAR NEL SAN PITO PATO, JAUREGUIZAR, EU MESMO, MURADO, OS DE XERAIS, XABIER LAMA, EUARDO ESTEVEZ…. CLARO, E NON É INÉDITO.

    “” desde o punto de vista da edición non incumpre as bases do premio.”” POR INTERÉS TE QUIERO ANDRES.
    queda dito. Lelo
    Ademais Eduardo estevez é informático polo tanto debería saber do que fala (LOPD. LEY DE PROTECCION DE DATOS).Ainda así, penso que fixo trampa sen sabelo, pero non sei….

  17. eli
    eli Dice:

    pois precisamente por que é informático coñece os requisitos necesarios para que un texto se considere édito(antónimo de inédito)e que non hai no blog como tamén os coñecen os de xerais que para iso son editores e pagan os seus impostos como tales.
    é ben certo que calquera puido baixar eses textos e refacelos e estevez non tería dereito a reclamar nada da propiedade intelectual porque cando un texto está refeito por outra persoa pasa a ser creación doutra persoa. todos coñecemos a famosa frase que cita maria lado de non é o mesmo tar fodido que tar fodendo e podemos afirmar que esa frase ten o mesmo significado na voz do autor e na canción de siniestro? as cousas cambian e moito e aqui ninguén se vai por a laiar porque che copien un verso ou douscentos. cada autor ten o seu estilo, os seus recursos e se eu quixese terminar un deses poemas seguro que calquera de vós saberia inmediatamente que non se corresponden cos de estevez. outra cousa é o plaxio. unha obra sen rematar non ten nada a ver coa obra final. 10 ou 15 poemas non van facer que unha obra teña coherencia e menos gañe que un premio e menos se son borradores. o importante é o resultado final, a obra como conxunto porque de todos é sabido que por moi ben que escribas 500 páxinas de unha novela se as últimas cen son unha bazofia ninguén vai premiar esa narración.

  18. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Comunicación de Xavier Lama sobre o premio “González Garcés”, di:
    2.- Ese blog non contiña tres poemas nin medio dúcia, non. Tratábase dun poemario ben consolidado, que incluía 24 ou 25 poemas (cifra máis ca significativa).
    OU SEXA, NON É CUESTIÓN DA COPIA duns versiños, senón que o feito do inédito refírese a se xá era coñecido ou non anteriormente, non o entendedes? non falo de se está publicado en papel ou non, senón do feito de que hai probas de que eses versos eran del e Punto.
    No diccionario on-line de RAG pono ben clariño:
    “adx. 1. Sen editar. Hai un traballo inédito que deberías consultar. Esta tese non debe quedar inédita. 2. fig. Nunca visto, descoñecido. Unha civilización ata agora inédita.”

    O 1º significado é o que dicides, pero eu refírome ao segundo, ou sexa: DESCOÑECIDO, NUNCA VISTO.
    ¿Non vedes que os textos durante dous anos ben os puido ler calquera persoa?. Pois iso.
    E a min Eduardo estévez encántame e dame pena por isto, pero as cousas son como son.

  19. Forcheville
    Forcheville Dice:

    Temos un dos índices de lectura (en galego) máis baixos de España e unhas editoras que subsisten grazas ás subvencións, pero aquí a polémica é a que é: “¿Qué hay de lo mío?” Patético!

  20. Atori
    Atori Dice:

    Que interesante a idea de NorOeste!
    Sorpéndeme que aínda non teña aparecido a figura do pirata blogueiro, pero agora espero que suceda pronto porque esta polémica está dando moitas alas para que así sexa. Eli mantén que pode coller uns poemas doutro, refacelos un pouco e calquera recoñecería o seu selo persoal, e non serían xa os mesmos. Viva o collage, que tamén é un método moi moderno, e se cadra algúns tamén lle chamarán “valente, atrevido, renovador”, etc.
    Algúns son uns grandísimos e profundísimos poetas pero cóstalles tanto facer algúns poemas máis para completar un poemario realmente inédito-anónimo que prefiren meter os xa presentados en público. Que cousas! Claro que neste caso seica son 24 ou 25 poemas os que tería que facer de novo. A verdade é que o entendo. Se cadra tería que esperar uns cantos anos para poderse presentar ao concurso. O traballo tan serio e rigoroso é o que ten.

  21. estremoduro
    estremoduro Dice:

    Supoño que Bragado se apresurará en darnos a coñecer a todos esa xoia literaria de Eduardo. Pero oíches, a ver se consegues que o publique tal cal como o presentou ao premio, que se lle dá unhas cantas voltas máis non vai haber quen poida valorar ata que punto o poemario modificaba o que tiña no blog.

  22. Anonymous
    Anonymous Dice:

    A cousa é tan simple como o artigo 4 da Lei de Propiedade intelectual. Distingue entre publicado e inédito. Publicado é o que está en formato libro, editado é o que está divulgado por calquera medio. Logo, o que sae en internet non é inédito.
    Non dubido da honradez de Eduardo nin tampouco da de Lama.

  23. Anonymous
    Anonymous Dice:

    Que hai un baleiro propiciado polos novos formatos é evidente. Como é evidente que compre diferenciar entre comunicación pública (can deixa de ser inédito) de edición formal, en calquera meio.

Los comentarios están desactivados.