Onte 657: O anxo de Marina Mayoral
Acompañamos a Marina Mayoral na presentación en Couceiro da súa novela máis recente O anxo de Eva. Foi Xesús Alonso Montero, o presidente da Academia Galega, quen glosou a novela e os escritores Berta Dávila e Alberto Ramos os que pecharon a presentación coa lectura do primeiro capítulo da obra.
Comezou o seu discurso Alonso Montero confesando que «eu non son lector de novelas». A seguir, expresou que «a novela como xenero hoxe non me atrae poderosamente. Cando alguén chega a certa altura da súa vida coma min, a literatura narrativa que frecuento é a que visitei cando era novo da man do meu profesor do Bernardino Graña. Eu fun dos que leu o Quixote á lus do candil, en 1942, cando na miña casa aínda non había luz eléctrica. Dende entón lino sete veces e media. Gústame abrir o Quixote ao chou e escoitar falar a Quixote e Sancho. Os vellos deben ler poesía e ensaio. Porén, hai circunstancias que aconsellan tamén ler narrativa actual, como é o caso de cada unha das novas novelas de Marina Mayoral». Continuou o presidente da Academia expresando o seu entusiasmo pola obra, «estou encantado coa novela» e aventurando que «vai ter éxito entre os lectores esixentes e tamén a aqueloutors que lle piden á novela amenidade e un pouco de entretemento».
Lembrou despois cando coñeceu a Marina Mayoral, con motivo da presentación da súa tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro, prologada por Rafael Lapesa, «o que me produciu unha emoción especial, xa que é un dos meus filólogos máis admirados». Considerou afortunado O anxo de Eva, «un título atractivo e acaído». »É unha novela coral escrita co esmero e minucia coa que se fai un tratado de reloxaría, como fixo Cela coa Colmena». «Ademais de Eva, unha rapaza de trece anos superdotada con algúns problemas, hai unha chea de personaxes, entre os que o meu preferido é Evarista, a avoa, unha muller que le o texto da realidade, o personaxe máis sensato, capaz de converter a novela en exemplar». Rematou Alonso Montero cualificando O anxo de Eva como «gran novela» e salientando que a súa lingua «constituía unha festa filolóxica». «Como construción lingüística é perfecta, tanto pola pulsión coma pola vitalidade do idioma utilizado».
Pola súa banda, Marina Mayoral centrou a súa intervención en reflexionar sobre a construción do personaxe, «un tema central na escrita de calquera novela». «Cada personaxe ten que aparecer na cabeza do narrador. Debe posuír raíces». Salientou que n’ O anxo de Eva, como noutras novelas súas anteriores, «están moi presentes dúas amigas, xa que creo que o amor normalmente non dura toda a vida, mentres que a amizade é perdurable». Rematou insistindo na súa convicción de que «é o lector quen debe sacar conclusións». Con todo, sinalou que «pretendeu coa presenza do ser alado expresar a irrupción do misterio no devir do cotián». «Acredito na frase de Unamuno, “no fondo da conciencia máis consciente de quen non cre, sempre hai unha voz que di: quen sabe? “, é coma un mosca que zoa na tempestade», rematou.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir