A estatua de Curros na Alameda
“Este ano cúmprese o primeiro centario do falecemento de Curros Enriquez, o noso poeta civil por excelencia. Poucos anos despois do seu pasamento, acaecido en 1908, a sociedade “La Oliva”, e mediante aportacións populares, en 1910 púxose a primeira pedra da estatua dedicada a Curros Enríquez. En 1911 foi descuberto e inaugurado aquel monumento na praza de Compostela, logo coñecida tamén como Alameda. Un mozo, Manuel Gómez Román, que naquel tempo presidíu a sociedade promotora da iniciativa, participou na homenaxe ao bardo, de quen Xosé María Álvarez Blázquez, escribíu: “Foi un home consciente das inquedanzas da súa época e puxo os seus versos sobre a chaga social do seu tempo, coma un ferro de candentes rebeldías”.
Viña de vello o vencello de Curros e Vigo. Nunha das ocasións na que pasou pola cidade, en 1877, escribíu aquí, de volta a súa terra, logo dunha delongada ausencia: “Si mi desventura es tal,/de tu sol bajo el imperio,/¡oh Vigo!, préstame leal/una choza en tu arenal/ o un hoyo en tu cementerio”. Máis adiante, en 1904, Curros comentoulle a un grupo de amigos o desexo de vir vivir a Vigo. “O proxecto non pasou dunha lírica arela”, comentou Álvarez Blázquez, a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Aquelas expresións de afecto a Vigo foron correspondidas por esta cidade tantas veces xenerosa. Non só coa estatua dedicada a Curros, senón con outras homenaxes ao poeta e apoios a súa familia. Primeiro, a súa irmá Sofía e a un fillo desta, residentes en Vigo algún tempo e necesitados de socorro económico; logo, á viúva do gran bardo galego, a quen o Concello chegou a concederlle unha pensión.
Co gallo do centenario do seu pasamento, e en vésperas do centenario daquela homenaxe a Curros, a actual corporación podería e debería rememorar tal data devolvendo a estatua ao seu lugar de oríxe, a Praza de Compostela, onde permaneceu ata que nos anos sesenta foi trasladada ao Castro, lugar no que permanece. Sería unha mostra de renovado afecto a quen manifestou por Vigo tanto amor. Sen dúbida, o alcalde da cidade fará patente a súa sensibilidade ordenando a iniciación do expediente de traslado e a programación dun acto de homenaxe, que os asinantes solicitamos.”
acabo de pasar polo lugar onde parece que quedará re-instaurada a estatua de Curros. Dúas cousas:
-o lugar orixinal que figura nas fotos que acompañan a túa entrada NON É o sitio onde se vai instalar.
-a consecuencia é que a volta de Curros do “exilio” supuxo polo momento a “expulsión fulminante” dunha das pezas que fixera Camilo Nogueira (pai) para a Alameda.
Estando totalmente dacordo coa vontade de recuperación da memoria histórica, estou absolutamente disconforme co método de rehabilitación que pasa por riba de fundamentos estéticos (cárgase a continuidade explícita das pezas de Camilo Nogueria) e tamén estou en contra dos procedementos sumarísmos de expulsión.