Gañadoras do Iº Premio de Micronovela de Soutomaior
Hoxe dimos a coñecer o fallo do Iº premio de Micronovela organizado polo concello de Soutomaior. Entre as corenta e oito noveliñas presentadas (máis de dous mil cincocentos folios), os tres membros do xurado escollemos como gañadora “Diario do efecto bolboreta” de Andrea Maceiras Lafuente, xove narradora de Cambre, estudante de 3º de Filoloxía da Universidade da Coruña. A obra gañadora do accesit foi a titulada “Virxinia” de Pilar Ortega Pereiro, profesora de Tecnoloxía no IES Pedra de Auga de Ponteareas.
A micronovela gañadora relata, seguindo a teoría de Lorenz, unha orixinal e divertida viaxe dun matemático galego e sentimental que persegue o bater de ás dunha bolboreta de Beijín a Nova York para comprobar a veracidade do chamado efecto bolboreta.
Ningunha das dúas gañadoras ten obra publicada ningunha, a pesar de xa ter acadados outros premios literarios anteriores. Unha auténtica sorpresa. As noveletas premiadas serán editadas a finais da vindeira primavera.
Actualización (16-02-2008): A noticia da entrega en Vigo Metropolitano e La Voz de Galicia.
Blog en castelán. Curioso.
Andrea fala un galego expléndido e todas as súas participacións nos concursos literarios, dende os doce anos, sempre foron en lingua galega. O blog que enlazo non corresponde á autora.