Fernando Vázquez, un cese inoportuno

A destitución de Fernando Vázquez como adestrador do Celta amosa o fracaso da política deportiva da actual xunta directiva celeste. Xustificada pola crise de resultados e pola falta de actitude do equipo diante do Recreativo (feitos que non son de agora, xa que se veñen arrastrando dende hai meses), a xunta directiva preferiu salvar o seu pelello a manter ao adestrador galego que ratificara hai dous meses. A xunta directiva preferiu aceptar as presións dalgún sector influínte das peñas e dalgúns medios de comunicación ca manter a serenidade e o rigor que require xestionar unha situación tan difícil como a que vive o equipo. Mudar hoxe ao adestrador, que apenas suporá un revulsivo anímico para algúns xogadores, non supón garantía ningunha de sacar ao equipo de pozo.
É evidente que algo está fallando no Celta esta tempada, un problema que Fernando (a quen sempre admiramos e apoiamos) non foi capaz de solucionar, eis a súa responsabilidade ineludible e o seu fracaso inapelable esta tempada. No entanto, dende o inicio da liga, comprendimos que o saldo entre as marchas de xogadores (sobre todo a de Silva e Sergio) e as fichaxes (Nené, Tamas) era moi negativa, balance que se está demostrando como decisivo, tanto no xogo como na posición do equipo na táboa. Fernando Vázquez era unha peza decisiva no proxecto galeguizador da actual directiva; agardamos que o seu cese no supoña o abandono desta orientación. Non hai dúbida que ás portas do derby, os celestes quedan sen Fernando en clara inferioridade. Mágoa!

Actualización (12-04-2007)
: Fernando é un tipo elegante e leal co celtismo. Beizóns!!!

Etiquetas:
12 comentarios
  1. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Foi precisamente Martínez Cobas, o promotor desa galeguización, quen fixo onte de mestre de cerimonias. Noutro equipo, sen ese proxecto galeguizador, xa terían botado ao entrenador en xaneiro. Agora pode ser un erro. Con todo o agarimo e recoñecemento a Fernando Vázquez, polo ben que o fixo, non por ser de Castrofeito.

  2. miriño
    miriño Dice:

    Eu non entendo moito de fútbol, e a pesares de como se alegran por aquí eu creo que o Celta sae perdendo, coa destitucion de FV… aínda que tamén vexo que algo había que facer… á desesperada, porque xa o Celta se ve en segunda…

  3. bouzafria
    bouzafria Dice:

    Está visto que para ser adestrador na elite, tes que posuír ademáis das virtudes académicas, unha gran dose de diplomacia, doctorados en marketing, e ser excelente relacións públicas cos medios de información. Alén diso, non entendo a lamentable campaña dunha boa parte da grada contra Vázquez. Onte, na Radio Galega, Xesús Alonso Montero, dicía que a causa era simplemente “que falaba galego”. Se así for, imos aviados.

  4. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    Cando acabaron cos anteriores entrenadores (entre eles o admirado Víctor Fernández, pero tamén Irureta), ninguén dixo que era porque falaban ou non galego. Por que agora si? E, de ser certo o que afirma Alonso Montero, quere dicir que outra parte da grada o defendía porque falaba galego? E máis: quere dicir tamén que o suposto proxecto galeguizador o mantiña no posto por esa mesma razón?
    O propio Brétemas entraba, de xeito involuntario por suposto, nunha argumentación perigosa ao vencellar a marcha do equipo de fútbol co proxecto galeguizador: quere decir que a galeguización dun equipo ten que ver co boa ou mala marcha no terreo futbolístico?

  5. Lugués
    Lugués Dice:

    De Vázquez falábase mal aínda cando o Celta gañaba, quedaba arriba na liga e xogaba en Europa. Xa daquela soaba que un sector (influínte, dicían, ou socialmente característico) o toleraba mal polo seu perfil, no que falar galego é trazo que salienta.

    Ignorar que existen -aínda, e moi notoriamente- tales prexuízos non parece que teña moita base. Dá mesmo que pensar.

    A galeguización, por outra banda, é concepto vitamínico que non se limita ao lingüístico. Aínda no tempo da globalización, pode facer moito por nós subxectiva e, en consecuencia, obxectivamente; e o fútbol é contorno ben propicio.

  6. ARUME DOS PIÑEIROS
    ARUME DOS PIÑEIROS Dice:

    Amigo Lugués, eu non ignoro os prexuízos que existen por falar galego, por non falalo, por ser nacionalista ou por non selo. O que digo é que valen tanto para defender ao entrenador coma para atacalo e que, en todo caso, pouco teñen que ver coa súa valía no seu cargo.
    O do concepto vitamínico tomareino coma entretida brincadeira.

  7. Lugués
    Lugués Dice:

    Outórgolle gustoso o meu innecesario permiso para usar a aludida e outras posibles expresións con tan lúdico propósito. Direi que a actual correspondía -pretensamente- a un dominio, o da metáfora, no que non me supoño artífice habelencioso. E aclaro que na ampla semántica do termo “galeguismo” sempre entendín incluído un sentido claro de autoestima (non persoal, xaora, véxame libre de tal presunción).

    Por outra banda: ninguén aquí, que eu lese, quixo confundir destreza profesional con impulso patriótico, se me desculpa o termo. Cadrará comigo en que a nómina de asinantes parece bastante libre de tales lapsos (ou tentación).

  8. Veloso
    Veloso Dice:

    Cambiamos a Fernando por un famoso ex-xogador que asegura que “no hay ninguna persona más importante que un balón”. Son pesimista, creo que a directiva tomou unha decisión temeraria e teño a impresión de que o ano que vén visitaremos Xixón, Salamanca e Donosti, por outra banda moi fermosas cidades. Mágoa, este ano cumpro vinte anos como socio e non quería celebralo cun descenso. Un saúdo.

  9. arume dos piñeiros
    arume dos piñeiros Dice:

    FRAN LORENZO en Galiza Hoxe
    O máis que podo dicir de Mika (www.mikasounds.com), número 1 das listas de éxitos en medio mundo, é que entendo o porqué do seu bombazo musical; enténdoo e compártoo, aínda que esta confesión de risco me devolva a ese lugar incómodo que chaman mainstream, onde habitamos os públicos pouco esixentes, que vibran co que vibra o resto da xente. O éxito acaba por igualar as súas vítimas, tamén o fracaso. E só o paso dos anos dirá o que vai ocorrer con este libanés-inglés e coas súas dez memorábeis cancións, no sentido estrito das palabras memorábel e canción.

    Life in cartoon motion é un produto apto para o consumo masivo, de factura brillante, cada corte un trallazo melódico, unha voz perfecta e un cóctel explosivo de pop en estado puro. Metes nun vaso a Wham, Elton John, Robbie Williams, Pet Shop Boys, Bee Gees, algo dos Beatles, un pouco Queen, algunha base de Madonna e o falsete de Jimmy Somerville e pásaslle a bapitaurus. É instantáneo, é divertido e sabe ben; como un batido de plátano e galleta da infancia pero con algún estraño e ácido ingrediente polo medio.O disco semella o resultado dun espolio da discoteca paterna, pero resulta que o rapaz é, ademais, o compositor de todos os temas. Se a ese rebordante talento natural se lle suma un estilismo lánguido e ambiguo, un lanzamento myspace, un prezo promocional (13 euros e pico na FNAC do Porto) e un himno gay (Billy Brown) temos un produto de hoxe, para a sociedade rede, os móbiles 3G e as descargas Itunes. Agora en Nova York, que non o saiba é un produto apto para o consumo masivo, de factura brillante, cada corte un melódico, unha voz perfecta e un cóctel explosivo de pop en estado puro. Metes nun vaso a Sánchez Bugallo, multan os peóns que cruzan a rúa co Ipod metido na orella. E por experiencia propia debo dicir que o subidón Mika fai esquecer a cor dos semáforos.

    O bonus-track deste CD, Over my shoulder, é, postos a buscar parentescos, un fermoso encontro entre os Communards e Antony and The Johnsons (www.antonyandthejohnsons.com). Os dous viaxan no meu mp3, o primeiro como herdanza sentimental e o segundo, a xeito de concesion á modernidade de culto.Cando digo Antony and The Johnsons vénme á cabeza o seu belo e catártico concerto do verán de 2005 na Quintana. Sentado diante de min estaba Fernando Vázquez, o até onte adestrador do Celta de Vigo. Case ningún outro integrante da liga española, pensei daquela, tería asistido a un concerto como aquel, algo que fora distinto de Bisbal ou La Oreja de Van Gogh. Pero alí estaba Vázquez, o mesmo que asegura que, libre das obrigas co club, terá tempo para estudar, ler e pensar. Demasiado cerebral para a galaxia do balompé.

    A mesma admiración transmitiume o seu teimoso galego nas roldas de prensa ou nas tertulias dos moi españolistas medios locais vigueses ou capitalinos. E a fazaña profesional de levar o equipo á primeira división e a postos europeos. No camiño, moitos esqueceron o que é o Celta, o seu orzamento, posibilidades e impedimentos… E acharon en Vázquez un perfecto chivo expiatorio, no que cifrar ese autoodio tan de noso, que se cura a golpe de cesións e de fichaxes estrela, como a de Hristo Stoichkov.

    Son incapaz de valorar os virtuais erros de Vázquez e a oportunidade de traer a Vigo esta Ancian Bulgarian Glory, como o define un vídeo do YouTube. Sei que onde había miolo haberá agora testosterona porque o novo técnico é devoto das pelis de Stallone e Schwarzenegger e das bebidas enerxéticas. Mudamos albariño por red-bull e o rollito arty de Vázquez pola incontinencia e o botar por fóra do búlgaro. “No hope, no love, no glory, No Happy Ending” canta Mika para Vázquez. Un final non feliz, a falta do que diga este noso Hristo redentor.

  10. Anonymous
    Anonymous Dice:

    bouzafria: Non o dubides nin un só momento, neste Vigo noso os galegofalantes son para a banda de pailans que campea en Balaidos, da aldea ou do bloque, e repatéalle que un galegofalante chegue a unha posición de triunfo como o adestrador. E a pena e que iste prexuicio que nes mais o teñen son os que naceron na aldea ou os os seus pais son galegofalantes. O autoodio é unha constante moi importante nesta cidade.

Los comentarios están desactivados.