Aúpa Celta!

Hoxe no xornal do Celta publiquei este texto que me solicitaron:

AÚPA CELTA!

O Celta da miña nenez militaba en segunda división. Aos seis anos, papá fíxonos socios da grada (flotante) de Río para seguir o equipo de Ibarreche e Las Heras, que xogaba co Indauchu, co Condal, co Basconia, co Europa, co Langreo, co Coruña ou co Pontevedra que conseguiría nun derby con nós o seu ascenso a primeira división, iniciando a vizosa etapa do “hai que roelo!”. Os rapaces do meu tempo tivemos que agardar ata o ano sesenta e nove para ver xogar o noso equipo en primeira, feito celebradísimo na cidade que levou ao Faro a entregar (por vez primeira) un póster a cor da “plantilla” adestrada por Ignacio Eizaguirre, que decoraría durante anos moitas cociñas e canta taberna ou tenda de ultramarinos había. Aquel Celta de Manolo, Costas, Rivera, Abel, Suco ou Lito, un cadro na súa maior parte galego, foi sempre sentimentalmente o meu preferido. Acadou a primeira grande proeza do fútbol galego: xogar en 1972 unha eliminatoria da UEFA fronte ao Abeerden escocés; proeza, ben é certo, que quedou un chisco diminuída pola incapacidade do equipo do olímpico Juan (a nosa maior figura) para conseguir sequera algún tanto (perdimos 0-2 en Balaídos). Despois viñeron as dúas décadas do “sobe e baixa” e, máis tarde, as glorias europeas do xogo da serpe, polas que hoxe piamos. Con semellantes precedentes non nos poden amedrentar as dificultades que estamos vivindo. Os celtistas temos experiencia sobrada para sabernos manexar nos peores temporais. O desta tola tempada, amainará. Aupa, Celta!

Etiquetas: