A fraga queimada
No artigo semanal de Faro de Vigo volvo sobre a tremenda catástrofe das fragas do Eume.
A historia explicará as razóns polas que Galicia sofre cada década unha catástrofe de grandes dimensións do seu patrimonio natural. En 1992 a marea negra provocada polo fundimento do Mar Exeo estragou a vida mariña nas rías de Ares, Ferrol e A Coruña. En 2002 o chapapote do Prestige conmocionou o planeta con aquela negra sombra que alagou a costa atlántica galega. Agora neste durísimo 2012 da crise financeira e do desemprego brutal, como se dun inevitable ciclo de destrución se tratase, arden a fins de marzo as fragas do Eume, un dos nosos seis parques naturais, espazo da Rede Natura onde se agocha un dos redutos do bosque atlántico europeo. Nunhas horas perdeuse unha parte do paraíso que a natureza desenvolveu de forma paciente durante séculos. Outra catástrofe natural tremenda que, a pesar da falta de choivas, puido ser evitada.
As 9.000 hectáreas do parque natural das fragas do Eume son só unha parte do ecosistema artellado ao longo de 80 km polo río Eume, desque xorde no Xistral, onde se atopa o considerado como mellor bosque do arco atlántico entre Galicia e Irlanda. Chano Eiroa, un dos mellores coñecedores deste espazo, salienta que na malla de camiños, corredoiras, pistas, rozas e pasos de gando existente entre os concellos de Monfero, A Capela e As Pontes dorme a pureza do bosque atlántico. Alí medran fentos e brións, o loureiro e o acivro, alindando centos de regatos, fontes, cruceiros, lugares ou aldeas con nomes fermosos: Goente, Murixoso, Teixedelos, O Reboredo, Eiravella, Pía da Leña, Rebordille, Armada de Cando, A Maceira, Os Casás…
As fragas do Eume son un bosque mixto formado por carballeiras, soutos, piñeirais, prados, toxeiras queirogais, herbais, uceiras… Unha festa da natureza vexetal. Nas beiras dos ríos e regatos os bosques de ribeira forman corredoiras de ameneiros, salgueiros e freixos, aparecendo detrás delas as poboacións de abeleiras, bidueiras e castiñeiros. Con todo, os reis da fraga eumesa son os carballos, fendidos, poderosos que ocupan as apertadas encostas. Nas fragas viven o corzo e o xabaril, entre as matogueiras elevadas as vacas, cabalos salvaxes e mesmo a lenda do lobo. Nos regatos e zonas húmidas asexa a londra e algunhas especies de anfibios e réptiles endémicas como a saramaganta. Son numerosísimas as aves do ceo da fraga dende rapaces como o lagarteiro ao merlo rieiro nos seus cursos de auga. Outrosí sucede coa fauna de invertebrados, onde está moi presente a vacaloura, o maior escarabello existente no continente europeo. O mosteiro de San Xoán de Caaveiro no concello da Capela, o impresionante mosteiro de Santa María no concello de Monfero e unha longa lista de ermidas (San Miguel de Breamo, San Vitorio de Cambás, San Roque de Fragachá…) son pezas principais do patrimonio arquitectónico deste extraordinario espazo natural e histórico, visitado cada ano por milleiros de senderistas e turistas.
As dimensións espectaculares do incendio desta fin de semana –cando escribimos este texto, segundo a Consellaría de Medio Rural afectou a 750 hectáreas, aínda que outras estimacións, como a do alcalde da Capela duplican a cifra– provocan desolación tanto polas perdas irreparables neste patrimonio da humanidade, como e sobre todo polo seu perigo para os veciños e concellos das fragas e para as súas formas de vida. Sobre este incendio pairan algunhas cuestións polémicas que deberán ser aclaradas diante do parlamento e da opinión pública: se tras a diminución orzamentaria dos fondos destinados a políticas de prevención e extinción, existiron medios suficientes para atacar o incendio; se houbo coordinación axeitada na súa utilización entre a Xunta de Galicia e o Goberno; se a autorización en 2010 da apertura dunha mina a ceo aberto de andalucita, ás portas do parque natural, un proxecto que fora rexeitado polo goberno de Pérez Touriño, puido ter algunha influencia.
É moi dificil atribuír que as causas do incendio do Eume, como o que provocou a pasada semana a morte en Castro do Val dun brigadista, como esoutro do parque natural do Xurés, sexan fortuítas ou meteorolóxicas. Todos os tres son froito diso que denominamos co eufemismo de “terrorismo forestal”, un cancro relacionado coa ausencia en Galicia de políticas integrais para o desenvolvemento do medio rural e de aproveitamento sostible dos seus recursos forestais, como da existencia dunha certa permisividade social coas condutas incendiarias. Como é innegable que o modelo de extinción dos incendios do Goberno de Núñez Feijóo amosouse insuficiente e incapaz para enfrontar unha situación extrema que unha vez máis requiríu contar co auxilio da Unidade Militar de Emerxencia ubicada en León. Non abonda con lamentarmos polas perdas ocasionadas por catástrofes coma estas nin facer rogativas para que mude a dirección do vento ou chova axiña. Non.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir