A AFOUTEZA DE BERIZZO
Berizzo sabía que o sábado xogaba a súa continuidade como técnico celeste. E abofé que nunha noite moi fría o adestrador arxentino actuou con intelixencia, afouteza e corazón. Interpretou o partido coma se dunha final de copa se tratase. Saíu só a gañar. Arriscou moito no cadro inicial, onde dispuxo na lameira do seu maior poder atacante, incorporando, por fin, ao canteirán Santi Mina para que abrise a banda dereita, colocando a Orellana na mediapunta, detrás de Larrivey, como enganche e deixando a Nolito que enfiase pola esquerda. Para contar con catro dianteiros, sacrificou a Radoja no centro do campo, onde dispuxo dun dobre pivote inédito formado por Krohn-Dehli e Augusto.
Con esa proposta cen por cen atacante (4-2-3-1), durante a primeira parte o Celta arrasou a un Córdoba ordenado e batallador, onde comeza a notarse a boa man de Miroslav Djukic. Porén, foron os andaluces os que abriron o perigo nas áreas. Transcorridos apenas dous minutos dispuxeron dunha oportunidade de ouro para marcar, grazas a un fermoso taconazo de Heldon que o noso Sergio despexou con apuro. Mais o Celta axiña reaccionou e gozou de ata media ducia de boas posibilidades de mover a táboa de marcas. O Celta recuperou o poder do seu xogo combinativo. Ben chantado atrás coa disciplina dos seus tres centrais, reforzado defensivamente por Augusto, que aseñoraba o centro do campo nunha actuación memorable, e dirixido por Krohn-Dehli sinalando o seu tempo máxico sobre os catro dianteiros foron sucedéndose os ataques. Mina, cada vez máis maduro, afiaba pola dereita amosando que o seu obxectivo é sempre o gol. Orellana abría espazos para Larrivey e Nolito cos seus caneos e mil e unha reviravoltas. Mais coma aconteceu noutros partidos tanto ben tecer non abondaba para conseguir meter o gol no cesto.
No medio do vendaval celeste, un xute de Bebé, rexeitado in extremis por Sergio, avisou que os de Djukic non viñeran a Vigo de excursión. Pouco despois, o claro penalti a Nolito, agoirou unha arbitraxe polémica. Como tampouco presaxiaba nada bo para os nosos que Larrivey estragase até tres remates claros, demostrando que aínda non recuperou o seu mellor punto. Cun panorama un chisco sombrizo, bo xogo, mais ausencia de gol, rematou para o Celta o primeiro acto.
Por ventura, na reanudación axiña chegou o gol. Unha peza para gardarmos na memoria. Dende o centro, Krohn-Dehli desprazou a bóla á dereita sobre Mina, o canteirán cun caneo soberbio gañoulle espazo ao seu marcador, avanzou dous pasos dende o recanto da área e enviouna en horizontal sobre Orellana, que saltou sobre ela para que Nolito, dende a esquerda, xutase coa perna dereita imprimíndolle unha traxectoria de dóce parábola sobre o pao dereito para que entrase ás redes. Un gol extraordinario propio das Belas Artes.
Coa táboa de marcas por diante, a pesar de que o medo axexou na lameira e na bancada, Berizzo xestionou os cambios con maior rapidez e intelixencia ca en xornadas anteriores. A incorporación de Álex López e Radoja mudou o debuxo a un 4-4-2, que deu maior consistencia defensiva para termar dos ataques dun Córdoba que non se dobregou. Xaora, a vitoria estivo a piques de malograrse tras o incrible barullo que se produciu faltando apenas dez minutos cando Teixeira Vitienes sinalou primeiro xogo perigoso a prol do Celta e despois penalti en contra. A reacción de Berizzo sinalando sobre o propio terreo onde se producira a xogada expresa a importancia do que alí se estaba dirimindo. Os apupos da bancada e, probablemente, a cordura do cuarto árbitro axudou por fortuna a corrixir tremendo trasacordo. Unha xogada que marcou o partido e, quizais, a carreira do afouto Berizzo.