Onte 426: Alivio Obama

Non vou escribir un panexírico de Barack Obama, mais a pesar do que el mesmo denomina “frustracións de Whasington” resultou un alivio a súa reeleción. Máis alá das azucaradas confesións familiares e as “inevitables” apelacións chovinistas á hexemonía da nación americana, Obama recuperou na súa primeira ( e espectacular) intervención da noite da reelección algúns elementos interesantes do discurso de rexeneración democrática, baseado na reivindicación dos valores da palabra e do compromiso moral na acción política cidadá. A pesar das presións dos lobies, é interesante a súa defensa do valor da educación e da innovación tecnolóxica, como tamén o é o seu programa de activación económica e de loita polo emprego (nun país cunha taxa de paro do 7,8 %); como, se apuramos moito a análise, algunhas medidas da súa política fiscal, que incrementará os tipos para as rendas máis elevadas. Medidas todas elas que para nós quixeramos, nun noso país onde con honrosas excepcións o valor da política quedou tan devaluado polo conformismo das políticas de recortes e austericidades. Sei que non podemos agardar marabillas de Obama, mais é indubidable que a súa reelección introduce sequera unha raioliña de esperanza entre o abafante conservadorismo que padecemos.

Onte 425: Fausto Galdo

O doutor Fausto Galdo morreu unhas horas antes de que rematase a encadernación do seu Abecedario das mantenzas, o extraordinario e fermoso libro no que compilou con elevadas doses de humor e erudición boa parte do seu amplísimo coñecemento da cultura gastronómica de noso. Por ventura, a pasada semana aínda tivo a satisfacción de ter nas súas mans o miolo impreso da obra, o que nós chamamos “capillas”, recén saído do prelo. Hai poucos días preparabamos para finais deste mes de novembro a presentación do libro na Coruña e nas súas terras nativas de Viveiro, as dúas cidades que tanto amou. Xeneroso, entusiasta, agarimeiro, simpático, cultísimo, galeguista de raíz, sempre didáctico, Fausto Galdo pertenceu a esa xeración coruñesa de médicos humanistas que tanto admiramos. Onte foi grande o noso pesar polo seu pasamento. Con todos os abrazos para a súa compañeira Fernanda e para todos os seus.”Voso e da terra” foi a súa despedida preferida.

Retrato de Xurxo Lobato.

Onte 424: Desafiuzamentos

Na tertulia da noite da Radio Galega debatemos, entre outros temas, sobre o aumento do paro (en Galicia xa preto da incrible cifra das 300.000 persoas) e da inxustiza dos desafiuzamentos que afecta a case 80.000 familias. Dúas situacións dramáticas que caracterizan o momento actual no que aumenta a desigualdade social e a precariedade dos máis humildes a velocidade de vertixe. É moi difícil crer que cada día se produzan en España 500 desafiuzamentos (unha ducia deles no partido xudicial de Vigo) xusto cando a banca recibíu cartos a moreas para o rescate dos seus fallidos inmobiliarios, que paga toda a cidadanía a prezo de ouro cos recortes salariais, os ERES, a reforma laboral e todas outras políticas de “austeridade selectiva”. Un sarcasmo! Non abonda que o goberno prometa que presentará no Parlamento unha nova lei hipotecaria, que agardamos recoñeza a dación en pagamento. Precísase unha vontade política firme que impoña xa unha moratoria nestes desafiuzamentos e remate cos abusos tan evidentes da banca, tanto da que xa recibíu cartos públicos como aqueloutra que impón taxas elevadísimas a súa clientela.

Onte 423: Finlandia

Finlandia é o país das abidueiras entre a brétema. Mais tamén é o país do Kalevala, o seu grande relato épico e mitolóxico, un longo poema pertencente á tradicion oral, compendiado, fixado e publicado por Elías Lönnrot en 1849, que tivo un papel sobranceiro no proceso de independencia finesa e inspirou algunhas das pezas do músico Jean Sibelius, outra das glorias nacionais. Finlandia é o país da sauna, das luces do norte e do larpeirísimo chocolate de Karl Fazer, que merece unha estatua no mesmo centro de Helsinqui. Ademais hoxe é o país de Nokia, dos deseños de Marimekko, que decora os avións de Finnair, como dos simpáticos Moomim e dos lareteiros Angry Birds, figuras das iconografía infantil internacional. Mais e sobre todo, Finlandia é hoxe un país que constitúe modelo de educación pública de calidade, capaz de preservar a equidade e igualdade cos mellores resultados do seu alumnado nas probas PISA. Baseado nunha revolución lectora de considerables dimensións, que con moito supera os muros da escola, así como nunha confianza plena no profesorado e na dignificación social do seu papel, este modelo educativo constitúe quizais a cerna do exitoso proxecto social deste país sereno, non exento de contradicións e rixideces.

A ter en conta sobre Finlandia

  1. 5.4 millóns de habitantes, 90 % falan finés, 5,4 % sueco.
  2. 35 % cualificación universitaria ou equivalente.
  3. 78 % da poboación de relixión luterana.
  4. 6% terra de cultivo, 68 % bosque, 180.000 lagos.
  5. 35.200 € PIB per cápita (25.100 €, media UE27).
  6. + 2,9 % PIB (2011).
  7. 7,3% desemprego.
  8. 3.540 € de soldo medio mensual (homes), 2.918 € (mulleres).
  9. 81 % fogares con ordenador; 73 % con banda ancha; 96 % televisión dixital.
  10. 98 % móbiles; 43 % smartphones.
  11. No sistema educativo non existe a Inspección educativa e só hai unha proba de avaliación externa, ao remate dos estudos secundarios (equivalnete ao noso bacharelato).

Onte 422: Helsinqui

Gustoume de Helsinqui o seu carácter de alongadísima cidade portuaria. O perfil dos guindastres, bastante máis antigos cós vigueses, achégalle un arrecendo a salitre ao barrio neoclásico cercano á praza do Senado e aos impoñentes edificios do parque da Explanad. As novas edificacións de vivendas, case a beiramar, mesmo nos espazos portuarios recuperados, son tan espectaculares como incomprensibles para os nosos criterios urbanísticos. O centro comercial (onte pechado por festivo) camíñase de seu, entre o rebumbio aceirado dos modernos tranvías e os escaparates das marcas máis caras do mundo. Mágoa que non puidésemos visitar o monumento a Sibelius, o tempo non deu para máis. Outra razón para volver a unha cidade cun chisco máis de encanto do agardado.

Onte 421: Tampere

Tampere, a cidade das abidueiras entre a brétema, reconvertíu a súa vella factoría algodoneira nun emblemático complexo de lecer e cultura. Esa transformación representa tamén a dunha cidade pequena reiventada nas dúas últimas décadas como centro de innovación tecnolóxica e sede de dúas universidades. No entanto, Tampere foi capaz de manter o pulo do seu mercado tradicional onde arrecende a pan e locen as carqueixas de Nadal.

Onte 420: Cara o norte

Dedicamos a xornada de santos a facer unha longa viaxe cara a norte. Ao longo de doce horas comprobamos a fiabilidade de LH e a disciplina finesa nos servizos de transporte público. Non hai queixa posible. A Europa luterana funciona. Máis aínda, cando nin notamos a friaxe severa coa calorosa acollida. Case tres días por diante para coñecer algo máis da vida nórdica.

Onte 419: De samaíns e magostos

En boa parte das escolas galegas de infantil e primaria celebrouse onte a festa de Samaín, a exaltación cabaceira de bruxas e espíritos, que sinala a entrada simbólica no tempo de inverno. Mágoa que o invasivo reclamo comercial do Halloween confunda tanto a moitos dos nosos pequenos. Polo que vimos no serán de onte polas rúas viguesas, algúns asumen esta festa coma un xeito de entroido de dráculas, vampiriños e outras xentes que meten medo. Sen menoscabo ningún do interese educativo do Samaín, no que levo acreditado dende hai anos, corremos o perigo de que co seu apoxeo desnaturalizado en jaloüín perdamos a celebración do Magosto, a humilde festa comunal dos zonchos e das castañas, tan ensarillada na cultural tradicional de noso. Máis alá dos intereses comerciais do jaloüín e compañía, precisamos dun criterio educativo para orientar á nosa rapazada no que son os símbolos da nosa tradición e identidade colectiva, non vaia ser que perdamos polo camiño tanto magostos coma samaíns. Con todo, celebremos na noite de santos a defuntos a festa das cabazas. Agardo que contribúa a iluminarnos, tamén aos maiores, entre tanta confusión e incerteza.