«Samparkour», São Paulo

Das grandes cidades do mundo (esas megametrópoles imposibles) que teño visitado ningunha me interrogou máis sobre as posibilidades de chegar ao colapso do desenvolvemento urbano ca São Paulo. Quedei coa impresión de que esta é unha cidade esaxerada en case todo, mesmo na beleza extraordinaria que podes atopar de socato no recanto dunha rúa ou, simplemente, cando miras pola ventá ao mencer e quedas abraiado co espectáculo que se che ofrece.
Este percorrido por algunha das iconas da arquitectura paulista, tras a ollada do parcourista Zico Corrêa, é enormemente fermoso e reafirmoume na sensación que de alí trouxen sobre a enorme beleza da capital paulista. Como debería titularse esta Samparkour, a curta de Wiland Pinsdorf? Unha gozada de apenas sete minutos.

Vía Manolo Gago (moitas grazas, pola descuberta)

Alborada do Brasil

No artigo da semana recomendo de forma entusiasta Alborada do Brasil, o novo disco do meu admirado Carlos Núñez. Afectivamente síntome moi vencellado a este proxecto que superou as miñas maiores expectativas. Un dos mellores discos de Carlos Núñez. Unha marabilla! (Mágoa que non dera atopado aínda nada na rede para escoitar).

Contando cunha novidade tan importante é todo un paradoxo é que Carlos non actúe en Galicia este verán. Quen quera escoitalo terá que viaxar a León (Mosteiro de Carracedo) o 17 de xullo, ou agardar a súa participación en Lorient (onde Galicia é o país convidado na 39ª edición do Interceltique) o 6 de agosto, onde estará acompañado pola Banda de Gaitas de Fuzileiros Naval do Brasil. Outras citas súas en agosto son as de Plasencia (día 20) e Astorga (o 27). Aos programadores dos concertos das festas de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Ourense…, non lles interesa contar co noso músico máis internacional? Outros músicos galegos entrarán na programación? En cuestións musicais tampouco apostamos polos valores da canteira? Como se chama esta terrible doenza?

Gracia Santorum localizou o vídeo de promoción do disco, un fragmento do tema «Padaria Electrica da Barra», no que colabora Carlinhos Brown; posiblemente sexa comercial, mais pode dar unha idea equivocada dun disco moi variado e sutil que este tema. Con todo, aí vai para abrir boca:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/iyCoOecTTg0" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Tamén é interesante estoutra gravación en directo, de 2008, dun dos temas máis bonitos do disco, «Feira de Mangaio»:

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/eMyi7VjmhFs" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Juan Carlos Moreno Cabrera, entrevista

[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Z57J88m0_MU" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Tras o impacto que nos provocou o vídeo da conferencia do profesor Juan Carlos Moreno Cabrera sobre o nacionalismo lingüístico español, nesta outra peza de 36 minutos, preparada como a anterior pola UOC, o director dels Estudis de Llengües i cultures, Joan Pujar, entrevista ao linguista madrileño. Moreno aborda coa súa claridade didáctica habitual cuestións como os de «plurilingüismo», «o valor de aprendizaxe das linguas» ou «a diversidade lingüística», entre outras. Moi recomendable.

«Roberto Varela, o conselleiro que chegou de Nova York»

Os amigos d’ A Nosa Terra pedíronme un perfil de Roberto Varela Fariña, o conselleiro de Cultura e Turismo.

Foto: Víctor Mejuto. La Voz de Galicia.

GALEGO. PATRIMONIO DA HUMANIDADE

Hoxe puxemos en marcha a iniciativa de civilidade para a lingua de todos. Aquí pode lerse o texto do manifesto que estamos promovendo.

Algúns medios como Vieiros xa informan dunha iniciativa que está correndo a unha velocidade tremenda. Grazas a todos e todas por darlle visibilidade.

 

«Pirata», terceira novela de María Reimóndez

A presentación de onte de Pirata, a terceira novela de María Reimóndez (tras o éxito rotundo d’ O club da calceta), foi unha marabilla. Durante media hora, María e Xabier Díaz entrelazaron a lectura de fragmentos da obra con cancións populares nas que arrecendía a euforia da maruxía. Un dúo orixinalísimo e memorable.

Acerta Reimóndez cando define Pirata «como un libro de viaxes interiores», xa que baixo a aparencia dunha novela de aventuras, ambientada no século XVIII e tecida sobre protagonistas reais, o que se propón ao lectorado é unha novela de mulleres rebeldes, ao tempo que unha reflexión sobre a identidade en toda a súa complexidade. A verdade é que esta primeira botadura foi moi afortunada. No mes de outubro, Pirata recalará no Aquarium da Coruña. Daquela volveremos sobre ela.