Sete saias
/en Música, Vídeos/por bretemas
Gústame este vídeo, a estrea de Sete saias.
LV, xornal gratuito en galego
/en Lingua, Medios/por bretemasA aparición da prensa analóxica gratuita é unha das novidades máis significativas do xornalismo actual, mais aínda cando a súa aceptación polos lectores novos semella unha tendencia de éxito rotundo en todos os países. Está claro que, ao abeiro do cambio político, algo por fin se está movendo nos medios en Galicia. Agardamos a data de saída do primeiro número, que suporá o feito histórico de contar xa con dous diarios en galego.
Actualización (o4-12-2006): interesante anotación sobre LV de Juan Varela.
BNG: o valor da unidade e o pluralismo
/en Política/por bretemasA primeira reflexión urxente sobre o resultado da Asemblea do BNG, especialmente no que atinxe á composición do Consello Nacional e da Executiva, é que a organización política nacionalista sae moi reforzada polo valor que lle proporcionan a unidade e a asunción democrática do pluralismo. Esta apertura dunha nova etapa dun BNG de todos é unha moi boa noticia, como o son, tamén, a volta á dirección nacionalista de Xosé Manuel Beiras e o feito que nesta Executiva, por vez primeira na historia dunha organización política en Galicia, exista unha maioría de mulleres (8 sobre 15 membros).
Con este resultado o éxito da Asemblea do BNG é indubidable, como o persoal de Anxo Quintana (que conseguiu artellar unha executiva de consenso, moi renovada) e o dos tres grupos críticos (Encontro Irmandiño, Pola Base e Alternativa) que conseguiron unha presenza significativa nos órganos de dirección. O BNG sae da Asemblea en moito mellores condicións que entrou para encarar con maior fortaleza a súa necesaria remontada electoral. Velaí o valor da unidade e o pluralismo, valores que a cidadanía adoita saber recoñecer nas organizacións políticas.
BNG: 32 voces
/en Política/por bretemasUso educativo dos blogs
/en Blogs, Educación, Slideshare/por bretemasEncrucillada
/en Cultura, Eventos, Literacidade, Televisión/por bretemas-
Estamos nunha encrucillada histórica decisiva: Cando comezabamos a albiscar moi tímidos síntomas de normalización da industria cultural en galego, volvemos estar nunha nova encrucillada histórica decisiva: a posibilidade de que a cultura textual en lingua galega poida facer fronte ou non aos retos que nos propón a literacidade electrónica, a nova forma de entender a lectura e a escritura na sociedade da información e do coñecemento. Encrucillada que require solucionar, entre outros, tres grandes dilemas:
Primeiro: o da nosa capacidade para superar colectivamente a actual fenda dixital que sufrimos, tanto a nivel de infraestruturas, de formación de usuarios como de presenza na sociedade da textualidade electrónica. Esta é para min unha das cuestión centrais para o futuro de todas as nosas industrias culturais. Se superamos esa fenda poderemos asumir que as posibilidades técnicas son novas posibilidades creativas e que vivimos inmersos nun novo paradigma da comunicación cultural: a da existencia dunha nova textualidade dixital que, moito máis alá do soporte que agora coñecemos e en transformación vertixinosa, vai supor a creación de novos xéneros de creación e acceso ao coñecemento, caracterizados pola súa multimodalidade e o seu plurilingüismo.
Segundo: o da nosa vontade para desenvolver un novo modelo de comunicación lingüística, onde o galego sexa a lingua vehicular e de instalación da maior parte dunha poboación xa plurilingüe. O futuro do galego neste modelo, como primeiro eixo identitario e canle da creación cultural, e o seu futuro dentro da sociedade, van determinar en boa medida as posibilidades de desenvolvemento das industrias culturais en Galicia. Razón pola que entendo decisiva asegurar a presenza do galego como lingua vehicular da nova comunicación dixital. Todos os esforzos que fagamos, unindo o uso do galego á innovación tecnolóxica, serán escasos para gañar esta batalla decisiva.
Terceiro: o do papel dos poderes públicos galegos con respecto ás cuestións da cultura e educación. Razón, tamén, pola que o papel que poidan xogar apoiando aos emprendedores das industrias culturais en galego, vai determinar en boa medida as posibilidades de éxito. E non me estou referindo a reivindicar, outra vez, unha cultura alicerzada nas subvencións públicas, nin moito menos (as industriais culturais han poder defender a viabilidade dos seus proxectos no mercado), senón cómo e ónde se van destinar os fondos públicos (escasos na era da fragmentación globalizada) destinados á fomentar o acceso aos produtos culturais como parte da calidade de vida da cidadanía.
Aí temos, como auténtica espada de Damocles, o megalómano proxecto da chamada, ata agora, Cidade de Cultura, como gran condicionante que, de non ser reconducida con intelixencia e austeridade, ademais de procurar financiamento privado, pode ser un lastre, como xa estamos padecendo este ano e o vindeiro que impida saír da encrucillada. Cos orzamentos da Consellaría de Cultura de 2007 na man é moi difícil xustificar que se invistan sesenta millóns de euros nese edificio e se dediquen cantidades ben modestas duns poucos millóns de euros para toda política do libro e da lectura. Un tema moi difícil, si.
Resumindo: incorporarse ao paradigma da comunicación cultural electrónica, asegurar a presenza da lingua galega nese novo modelo de comunicación plurilingüe e deseñar políticas públicas que proporcionen posibilidades de acceso igualitario de todos os cidadáns aos bens e produtos culturais serían tres grandes retos aos que debemos enfrontarnos.
Actualización (03-12-2006): No artigo da semana amplío esta reflexión.
Manuel Bragado Rodríguez (Vigo, 1959) é mestre, editor e activista cultural. Orientador do CEIP de Laredo e CEIP de Cedeira de Redondela, foi director de Edicións Xerais de Galicia S.A. (1994-2018).
Recomendo
Últimas anotacións
- FIl Guadalaxara4 de Decembro de 2024 - 11:03 a.m.
- Museo de Vigo3 de Decembro de 2024 - 11:13 a.m.
- Apiario27 de Novembro de 2024 - 10:20 a.m.
- A fala de Vigo26 de Novembro de 2024 - 10:32 a.m.
- Karnix celta25 de Novembro de 2024 - 9:30 a.m.