Agustín Fernández Paz e Andreu Martín
Estes días ando ensarillado na redacción de textos de cuarta de cuberta dalgunhas novidades de primavera. Entre as tarefas do oficio de editor esta é, probablemente, a máis complexa e comprometida. Trátase de redactar de seis a dez liñas (entre 500 e 700 caracteres) que seduzan dunha ollada aos potenciais lectores. Empresa difícil. Estas cuartas funcionan no libro coma os trailers no cinema. O proceso de preparación das cuartas serve, tamén, para sintetizar as ideas de comunicación do libro (froito da lectura demorada das últimas probas e da conversa, a ser posible, a tumba aberta co autor, imprescindible) e para a posterior elaboración dos textos promocionais (os anuncios, as follas de novidades, a reseña web ou a actualización do currículum); sen esquecer, tampouco, a súa utilidade para preparar as ideas básicas da presentación diante do público, se a houber. En definitiva, este é o momento da elaboración do discurso da editorial.
Na escrita destes textos, no caso dos títulos de narrativa, aposto pola presentación do comezo da trama, empregando os fíos da sutileza que deixou prendidos o autor, e dos temas que se abordan, fuxindo da pedantería filolóxica da categorización da obra, labor que corresponde ao momento da recepción, por parte de reseñistas ou da crítica académica. Se algo debe caracterizar o traballo do editor é a súa discreción. A nosa presenza no libro debe notarse, mais debe ser tan elegante e prudente que pase desapercibida para o lector. Debémonos ao texto e á comunicación do traballo autoral.
Camiño da
cidade fabril, a onde fun con
Quique presentar o seu
libro de autoorgullos, sei do anuncio do
premio de
Agustín. Para min constitúe unha enorme alegría, a pesar de non poder publicar este texto (que sei excelente). Agus leva escrito unha das obras máis poderosas e de maior calidade da literatura galega actual, a pesar de encadrarse formalmente na literatura infantil e xuvenil, un xénero, ata agora, insuficientemente valorado pola crítica académica. Sei que todos os galardóns que reciba van ser insuficientes para recoñecer o seu talento literario desbordado e o traballo constante como escritor monolingüe. Os meus mellores desexos para a travesía que comeza a súa escola dos piratas.
Lúcido o último post de
Ian. Remontar, remontar segue sendo a nosa tarefa.