Filias e fobias
Non teño dúbida ningunha de que a conselleira Ánxela Bugallo é unha persoa culta e sensible (as súas respostas ao cuestionario demóstrano e a súa recente intervención en Vigo ratificouno). Sen embargo, o certo é que nesta ocasión non acertou evitando inserir as súas preferencias no canon cultural galego. Entendo que o fixera, probablemente, para non ferir a ninguén e manter unha equidade institucional entre todos os creadores. Mais, velaí, que o resultado desta opción foi contraproducente e pouco acorde co papel de potenciadora da nosa industria cultural, que sabemos ela quere desenvolver con afouteza e creatividade.
Desde hai tempo comparto a necesidade de emular entre nós a campaña que Rogerio defende dende o seu blo: “Leiam jornais de referência em papel. Ouçam fado e hip-hop em CD. Apoiem a informação e a cultura portuguesa”. Sei que a nosa conselleira non ten problemas para encabezar, dentro do novo goberno, unha campaña semellante, que todos deberiamos tamén apoiar na sociedade: “Lean libros e revistas en galego. Escoiten música galega en cedé. Asistan as representacións do teatro galego. Apoien os produtos da industria cultural galega”. No éxito desta campaña dentro da sociedade galega está boa parte das responsabilidades que asumiu a Conselleira de Cultura e o seu magnífico equipo de colaboradores.