Bibliocafés minhotos

Andreia C. Faría anuncia a posta en marcha de bibliocafés nalgunhas cámaras minhotas, como xeito de promoción da lectura entre os máis novos. Outra experiencia orixinal que podería ser estudada entre nós.

Alborada

Outra descuberta

Iria López Teijeiro, unha rapaza de vinte e catros anos de Fene, é a nova descuberta do primeiro Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela convocado para menores de vinte e cinco anos.
É unha beizón deste ano que case cada premio permita atopar unha voz nova para a nosa narrativa. Semella que está xermolando, tamén, un tempo novo para as nosas letras.
Este premio de Biblos, tan orixinal, é outro grande acerto de Carmela e Tucho. O acto e o xantar posterior foron deliciosos. Parabéns merecidos para Biblos.

Sintonía

Esta magnífica foto de Xurxo expresa a sintonía de Touriño e Quintana durante o acto histórico de onte. Tiven a oportunidade de asistir e emocionarme nese longo e intenso aplauso que rubricaba a asinatura do acordo. Se as formas (elegancia, diálogo e firmeza) expresan o substancial do contido, podemos estar moi esperanzados: xa comezou un tempo novo.

Acordo de goberno

A publicación do acordo do novo bipartito é unha mostra do novo estilo de goberno. Un texto que constitúe tanto un acordo entre os coaligados como un contrato e compromiso coa cidadanía. Haberá tempo para debullar polo miúdo os centos de iniciativas e medidas propostos. Con todo, e ás présas, transcribo as que me parecen máis significativas sobre lingua, cultura e edición:

LINGUA

A Xunta promoverá unha política que recupere falantes da lingua do país e que estenda o seu uso normal en todos os ámbitos da sociedade. Noutro plan, potenciará o intercambio cultural cos países de lingua oficial portuguesa, erixíndose como relevantes nese proceso os medios de comunicación públicos.
Medidas:
-Desenvolvemento do plan xeral de normalización lingüística aprobado polo Parlamento en 2004, con dotación orzamentaria, programación e avaliación anual
-Creación dunha Institución para a promoción exterior da lingua e da cultura de Galicia.
-Comunicacións orais e escritas e promoverá o seu uso normal nos servizos e dependencias da Administracións autónoma e das Administracións locais. Garantirase en todo caso o dereito dos cidadáns a ser atendidos en galego en todas as súas relacións coa Administración.
-A Administración galega velará polo cumprimento estricto do Plano Xeral de Normalización Lingüística tanto na súa organización interna como nas relacións con outros institucións de Galicia e cos cidadáns,

CULTURA
A cultura, ademais do seu carácter de expresión simbólica dos individuos e das comunidades, é tamén un sector de alto potencial económico, xerador de emprego e de riqueza.
Defendemos unha política cultural baseada na liberdade de creación e na diversidade, na cooperación e na cidadanía. A cultura é a expresión da nosa identidade, a nosa forma de presentarmos noutras sociedades. Cómpre promover a súa internacionalización. A cultura galega ten demostrado en moitas das súas artes, capacidade sobranceira de creación e nivel internacional recoñecido: nas artes plásticas, na música popular e na música culta, na literatura, etc. Pódese facer outras áreas. E pódese incrementar o consumo de produtos culturais, mellorando as taxas de lectura, de asistencia a espectáculos, de participación en actividades de carácter artístico. Unha cidadanía moderna é tamén unha cidadanía cultivada, coñecedora das tendencias, que cubre unha parte do seu tempo de lecer en actividades formativas
A Xunta de Galicia promoverá a cooperación na vida cultural das institucións públicas e privadas: concellos, deputacións, fundacións, colectivos, coordinando iniciativas e procurando sinerxías de recursos.

Medidas:
-Modernización da rede bibliotecaria de Galicia, en fondos e servizos. Fomento da lectura pública coa participación dos medios públicos de comunicación. Pulo da industria editorial e promoción do libro galego.
EDUCACIÓN
Medidas:
-Gratuidade total dos libros de texto do ensino obrigatorio.

Cuestión de orzamentos

Recibo esta interesante información sobre os criterios económicos da negociación do novo goberno:

A negociación entre PSOE e BNG para conformar un goberno bipartito foi realizada baseándose no total do orzamento consolidado da Xunta do presente ano, que é de 9.000 millóns de euros.

O PSOE a través das súas oito consellarías e da presidencia da Xunta xestionará o 68,5 por cento dos recursos e o BNG, o 16,2. O 15,3 por cento restante vaise directamente ás outras institucións como o Parlamento de Galiza, o Consello de Contas, o Consello Consultivo ou ben son transferencias da Administración central ás corporacións locais nas que a Xunta é unha simple intermediaria.

Case a metade dos recursos dos que disporán os socialistas irá ás consellarías de Sanidade, cuxo presuposto supón o 29,5 por cento (2.687 millóns), e a de Educación, co 20,2 por cento (1.838 millóns). O maior gasto destes dous departamentos está vinculado á desembolsos correntes e ligados ao persoal. Pola súa banda, a Consellaría de Política Territorial xestionará o 5,3 por cento; Economía, o 1,7 por cento; Pesca, o 2,4 por cento; Medio Ambiente, o 2,9 por cento; Traballo, o 3 por cento, e Presidencia, o 3,5 por cento.

Mentres, o BNG distribuirá o 16,5 por cento que lles corresponde da seguinte maneira: a Consellaría de Medio Rural terá ao seu dispor o 5,7 por cento do presuposto; Industria, I+D+i, e Comercio, o 2,4 por cento; Vivienda, o 1,8 por cento; e o departamento de Cultura, o 2,3 por cento. Quintana, o 4 por cento A vicepresidencia da Xunta, que asumirá competencias parciais da antiga Consellaría de Familia e tamén da de Asuntos Sociais, terá ao seu dispor un 4 por cento dos fondos.

Os datos foron recabados no BNG, que recoñeceu que a negociación do bipartito fíxose con relación ás contas autonómicas do presente exercicio.

A paixón pola palabra

Pawley, de quen xa levo aprendido tanto, descobre un texto magnífico sobre Cando petan na porta pola noite, o extraordinario libro de Xabier (cúmprense dez anos do seu Premio Nacional). Xa devecemos por ler novos textos destas Seven Women; sen dúbida, son lectoras de moito criterio.

Brétemas licenciado

Tomando nota de María, hoxe licenciei estas miñas brétemas. Creo que o espírito de todos os que participamos na rede é o da lectura –definida por Erza Pound como a arte da réplica– e o da cultura libre.
Participar na comunidade virtual é un dereito e unha opción que cadaquén asume con total liberdade. Razóns estas que amparan legalmente as licenzas de Creative Commons que, de xeito ningún, recortan os dereitos recoñecidos pola lei. Como editor comprendo o lexítimo dereito que lle asiste a aqueles autores que queiran deixar “en aberto” ou sen cadeado os seus textos na rede.
O dito: o que apareza nestas brétemas pode ser usado, copiado e publicado, sen pedir permiso ningún, sempre que non se faga con fins comerciais e se cite a súa procedencia.
Parabéns a Fernando Garrido e a culturagalega.org polo traballón de preparar a versión en galego destas licenzas, adaptadas ao ámbito xurídico español polo profesor Ignasi Labastida, da Universitat de Barcelona.

Vigoblog

Dende hai un par de meses visito VIGOBLOG, un blo colectivo e bilingüe que ven realizando achegas sobre a cultura urbana viguesa.
Vigo é unha cidade revolcada, que posúe un pulmón cívico envexable e unha anemia política abominable. Paradoxo que aconsella seguir este sitio onde se denuncian, sobre todo, os atentados ao noso litoral e ao noso patrimonio perpetrados silenciosamente nesta Arcadia feliz de Corina, á que contribuíu tanto a asentar a enleada inconcebible entre o BNG e o PSOE.
A pesar de que non comparto algunhas análises, paréceme un espazo moi recomendable. Engádoo aos meus enlaces.

Triunfo dixital

Grazas a Millán soubemos do inicio do proceso de dixitalización da totalidade da colección de Triunfo (1962-1982).
Somos moitos os que nos educamos na esquerda lendo esta revista, nacida como un noticiario cinematográfico e que, logo, se converteu en referente indiscutible da loita polas liberdades no Tardofranquismo e nos días da Reforma Política. Imposible esquecer as súas portadas a prol da amnistía ou tantos artigos de Ferrín, Vázquez Montalbán ou Haro Tecglen.
O traballo de dixitalización, realizado coa colaboración da Universidade de Salamanca, aínda é moi incipiente (apenas uns cantos números); sen embargo, non dubido que pode constituír unha ferramenta moi valiosa para a recuperación da memoria dun tempo decisivo.