Kavafinho


Baudelaire

Volve con pulo Kavafinho, o mellor blo que coñezo de poesía en galego, con moitas novidades. Destaca a tradución de Derek Walcott e os poemas sobre o 11 de marzo de Torneiro e Ignacio Chao. Recomendo vivamente a visita.

Respecto para a crítica

Unha crítica recente aparecida no Cartafol está provocando moita polémica. Desque exerzo a profesión de editor, e xa van aló anos, quizais de máis, nunca quebrei o meu compromiso de non contestar a crítica ningunha por desacertada que fose. Sei que cómpre asumir coa mesma sobriedade os paos cas cenorias. E por moito que me doia o caso que nos ocupa (unha obra que considero das verdadeiramente grandes), non vou rebater a lectura do xove crítico nin comentar a súa pericia no uso dos adxectivos.
Creo que editores e autores debemos apoiar e respectar o traballo da crítica (tantas veces minusvalorada e con tan escasos espazos de difusión nos nosos medios) e esixirlle rigor e independencia, criterios que me consta asume o
responsable deste Cartafol. Equivócanse os que anuncian teorías apocalípticas da conspiración e a existencia de manobras de poderes ocultos que manexen o tinglado da nosa edición. O noso eido é tan pequeniño que non dá para tanto. Atopo a explicación desta polémica nosa nunha cuestión moito máis sinxela: confróntanse as subxectividades e visións da vida que provoca nos lectores e lectoras unha novela tan frondosa literaria, temática e formalmente coma esta. A quen non o fixera, convídoo a que aproveite estes días de lecer para lela de vagariño e sen os prexuízos que poida ocasionar a crítica de marras; logo poderá opinar con liberdade e con coñecemento de causa.

Editores ágrafos?

Assouline dá conta de dous novos libros de memorias de editores internacionais, o de Tom Maschler, o presidente de Jonathan Cape, e o de Michel Mohrt, o famoso lector de Gallimard. Para o crítico de Le Monde son dous volumes de “anécdotas e máis anécdotas con escasa reflexión”. As memorias de editores, das que son devoto lector, quizais agardando descubrir os segredos da profesión, agochan case todas o mesmo misterio: como persoas que presumiblemente teñen lido tanto, escriben tan pouca substancia?

Cidade escuálida

Os amigos da agrupación local do PSOE convidáronme a participar no seu ciclo de conferencias sobre “O Vigo que queremos”. A súa deferencia obrigoume a sistematizar o discurso sobre a situación actual da cidade. Saín esperanzado: a militancia é moito máis curiosa, receptiva e, sobre todo, menos complaciente ca os seus dirixentes galegos e os responsables do seu grupo municipal. Gustei moito da definición dun antigo deputado sobre Sal como cidade escuálida. Engadireina a miña colección de metáforas viguesas preferidas. Non desbotaría que tras as eleccións de outubro se poida volver falar da moción.

Deakialli

A bibliotecaria coruñesa Catuxa Seoane e a madrileña Vanesa Barrero manteñen desde hai tres anos un excelente blo sobre biblioteconomía e xestión de coñecemento. Está organizado por categorías e ofrece enlaces interesantes. Mágoa, polo menos no que lin, que non faga referencia ningunha a nosa lingua e a nosa produción editorial.

De papel a web

Quen teña dúbidas da eficacia da lectura en pantalla, pode consultar aquí. Unha tecnoloxía que permite pasar publicacións impresas en papel a soporte web. A calidade da lectura é sorprendente e a interface amigable. O programa tamén permite facer zoom sobre cada páxina e nalgúns casos establecer enlaces. Un programa a ter moi en conta, sobre todo, para recuperar na rede revistas impresas.

Volven os bravús

Jaureguizar anuncia que onte rematou unha novela. Parabéns!!! Ese mesmo día, Xurxo entregounos un expléndido libro de relatos (Tres trebóns) que publicaremos a finais desta primavera. Volverán, pois, decontado dous dos narradores con maior pulo daquela chamada “xeración bravú”, reclutada por X.C.C. Cando nos chegará o orixinal prometido por C.F. ?

Lector tradutor

O lector ideal é un tradutor. É quen de desmiuzar un texto, retirarlle a pel, cortalo ata o miolo, seguir cada arteria e cada vea, e logo poñer en pé a un novo ser vivinte (Alberto Manguel).
Unha reivindicación moi apaixonada do labor do tradutor, traballo non sempre valorado como merece por editores e crítica.
A cita está tirada da páxina da confederación de libreiros. Un sitio moi recomendable para obter información sobre a actualidade do mundo do libro. Incorpóroo aos meus enlaces.

Verbum


Casa das Palabras, 2003

Propoño pechala e volver a empezar co seu proxecto orixinal.
Unha amiga, que está doente, descubriume esta mañá que o fígado é a víscera da tristeza. Consola a súa melancolía lendo os correos dos amigos.

Cinco retos para o libro

Coñezo por Nelson un novo sitio para os profesionais do libro. É interesante o debate que se propón arredor dos cinco retos do sector do libro e un informe sobre a situación das bibliotecas nas CC.AA.. Hai que rexistrarse. Recomendable.
Ao fío deste debate propoño os meus:

  1. Incrementar os índices de lectura en galego, aumentando a dotación bibliotecaria pública.
  2. Crear un novo tecido de mediadores fomentando clubes de lectura, blos, suplementos, programas televisión… que aborden a cultura do libro.
  3. Manter a actual rede de librarías de proximidade e o prezo fixo dos libros.
  4. Promover a tradución do literatura galega contemporánea e o seu coñecemento internacional.
  5. Desenvolver a edición galega nos soportes dixitais e en rede.