Lorenzo Varela por Luís Seoane
Lidei o día enteiro coa edición gráfica dunha biografía de Lorenzo Varela. Este é un dos traballos de edición que gosto facer. Remexer nas fotos e na documentación dispoñible, o que sempre leva atopar cousas descoñecidas. Percorrer a biografía do monterrosino é esculcar “a lembranza do exilio e da patria”. Paradoxicamente, o máis desacougante da súa vida foron os tristes días do regreso (nótase nas fotos). El, aqueles dous anos, coincidentes cos da Transición, non se queixaba, pero non resistía o baleiro que o cercaba, ten comentado Isaac. Hai unha frase de Dieste na que non deixo de remoer: “A mocidade non é unha idade, un tránsito, senón o que transita. Eu ben sabía isto, pero os versos de Varela dinmo con tales fontes e escintilantes puñais de lembranza…” A
novela recente de Manuel Veiga expresa algo semellante.
Non comparto o descrédito que do Día das Letras Galegas se ven facendo nos últimos anos. Ben é certo que hai moita liturxia oficial e moita cultura necrolóxica na efeméride; mais, tamén, contando con personaxes axeitados, como é o caso de
Lorenzo, existen moitas oportunidades de volver a ollada cara a memoria do desterro. Algún día saberemos cómo se produciu a votación na Academia. Varela, como foi
Roberto Blanco Torres, non vai ser un homenaxeado cómodo para o pensamento conservador. Os progresistas debemos comprometernos a que
este 17 de maio non pase desapercibido.
Varela ben merece que lle levemos a cesta de mazás que devecía.
Ramiro
Ramiro será o director do
Cervantes de Lisboa. Para el supón, sen dúbida, un recoñecemento para un traballo literario rigoroso de dúas décadas. Para todos nós constitúe tender unha ponte de esperanza coa cultura portuguesa da que vivimos tan achegados mais tan virados de costas, como sempre di o meu amigo
Nelson. A cultura concibida como diálogo permanente e puxilato coa creación. Parabéns e sorte para o fillo de
Andrade.