Listado de la etiqueta: edición_en_galicia

A industria editorial galega: proceso de hibridación e perspectivas

[Texto base da intervención «A industria editorial galega: proceso de hibridación e perspectivas», lida no Consello da Cultura Galega o 20 de xuño de 2017 no marco das xornadas «A industria cultural galega no horizonte 2025»]

Solicítanme os organizadores que faga un exercicio de prospectiva sobre o proceso de hibridación e as perspectivas da industria editorial galega en 2025. Non é unha tarefa doada, cando os editores chamamos futuro o que estimamos pretendemos facer a volta de apenas dous ou tres anos no nosos plans editoriais. A case unha década só podemos enxergar medos e incertezas.

Lembrando o proxecto Galicia 2010

Xaora, non podo esquecer que foi neste espazo do Consello da Cultura onde hai dezaoito anos desenvolvemos bastantes da reunións do grupo de lingua e cultura, coordinado por Carlos Casares, de Galicia 2010, un fermoso proxecto de prospectiva sobre a Galicia das décadas de entre milenios. Financiado polas caixas de aforros e o Banco Pastor, descansen en paz.

Aquel espírito estratéxico perdeuse no país, como tantas outros valores, sendo moi de agradecer que o Consello da Cultura Galega convoque aos profesionais da nosa industria cultural para obrigarnos a repensar o presente en clave de futuro dos nosos sectores, da nosa cultura e da nosa nación.

Inevitablemente, acudín con curiosidade a reler o documento que preparara sobre “Libro e edición” naquel Galicia 2010, un texto que lembro utilizamos, anos despois, como material de base para confeccionar os primeiros borradores da Lei do Libro e da Lectura de Galicia que sería aprobada por unanimidade a finais de 2006. Outro dos consensos forxados naquela década de entusiasmo, previa a debacle da crise, que comezaría para o noso sector en 2009.

Comezaba aquel documento lembrando o carácter militante dos editores galegos, que en 1975 publicaron 68 títulos, que se comparaban coas 1.231 referencias de ISBN en galego de 1998, o que cualificabamos de chimpo de xigante. Cifra, a de hai dezanove anos, moi próxima aos 1.211 de 2016, último do que temos datos avanzados na web do Ministerio de Cultura.

Dábase conta dunha facturación de 2.233 millóns de pesetas, na moeda actual, 13,5 millóns de euros, e do funcionamento de vinte e catro editoras que ocupaban a 322 persoas.

O informe estendíase en recoller outros datos referidos á tipoloxía de edición, na que se salientaba “a forte dependencia do sector do libro de texto do ensino universitario, que supón o 35,50% dos exemplares e o 30,40 % da facturación anual”, mentres que a edición literaria apenas supón o 12,80 % da producion e o 18,00 % da facturación anual”. Datos, como logo comprobaremos, que pouco difiren dos da actual década.

O informe abordaba despois as carencias do sector (fragmentación do sector, escaso recoñecemento, institucional, ausencia de promoción nos medios de comunicaicón, deficiencias na dotación bibliotecaria e libreira…), para, a seguir, propoñer dez actuacións estratéxicas para o sector da edición e do libro.

Un modelo que pretendo seguir nesta intervención e abordo sen máis demora.

Prego desculpas xa que utilizarei algunhas cifras coa intención de que vos fagades cargo da situación.

O editorial. Un sector hibridado, en mudanza

Estou convencido que o sector editorial galego, como o conxunto da edición internacional, vive arestora un proceso de hibridación tanto da creación, do soporte, como das súas formas de distribución dos seus contidos. Factores de incerteza, aos que no caso específico galego, se lle engaden a devaluación económica que estamos sufrindo dende 2008, como o devalo demográfico e a práctica desaparición das políticas de fomento da lingua galega, sobre todo no eido educativo, que axudaron de forma decisiva ao desenvolvemento do sector ao longo do período autonómico.

O editorial. Un sector que retrocedeu

O sector editorial en galego, segundo os datos da serie estatística do ISBN, multiplicou por catorce a súa produción nas últimas tres décadas, xa que no ano 1980 publicaba 187 títulos e no ano 2010 acadou os 2.544 títulos, o seu máximo histórico.

Durante este período foi un sector punxente, capaz de desenvolver un amplo e diversificado catálogo de quince mil referencias, que como xa adiantamos no ano 2016 publicou 1.211 títulos, reducindo no último lustro a súa edición en galego en máis do cincuenta por cento, retrocedendo ás cifras de finais do milenio, e de contribuír a desenvolver un tecido produtivo ao redor da edición en Galicia.

Un sector que, segundo os datos do estudo de Comercio Interior del Libro de 2015, facturou 26,61 millóns de euros, dos cales 22,21, corresponderon a lingua galega, por parte de corenta empresas, mantendo nese ano cerca de 200 empregos directos, ademais dos inducidos nos sectores das Artes Gráficas, libraría e distribución. Un sector que perdeu, polo tanto, na última década, un terzo do emprego.

Abonda que reparemos nas cifras do Cadro 1. Produción e Facturación da edición galega de 2003 a 2015, para que comprobemos a magnitude do retroceso.

Tomando como referencia 2007, ano histórico na facturación do sector, os títulos editados en galego polos editores galegos na actualidade (2015), 1.103 son inferiores aos de 2003, e os exemplares impresos supuxeron un descenso do 31,36 %.

Retroceso que, por ventura, foi menor na facturación do libro editado en Galicia, reducida no 16,56 %, inferior ao do conxunto do sector en España (27,73 %), o que permite ao libro en galego resistir e mesmo neste período gañar dous puntos de cota de mercado interior. Ver Cadro 2. Libro editado en galego por tipoloxía temática.

Unha redución do volume de edición, tanto a nivel de títulos, como de exemplares, e polo tanto de tirada media, que acentou a dependencia do sector da edición e da distribución paraescolar, a de libro de texto e literatura infantil, que supoñen en 2015 o 76,10% dos exemplares e o 78,60% da facturación, a maís elevada da historia. Mentres que a edición literaria diminúe o seu volume, tanto en títulos como exemplares.

Un fenómeno acentuado ao longo da década da crise, semellante ao que sucede tamén en Cataluña e País Basco, onde a edición se concentra nos libros de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, sendo en catalán o 83,9 % dos títulos, en éuscaro o 97,6 % e en galego o o 85, 7 %. Cifras todas elas que testemuñan que no entorno da crise non se modificou a forte dependencia do libro editado en galego con respecto ao mercado escolar e paraescolar.

Dende o comezo da década actual acelerouse na edición en galego o proceso de dixitalización, que supuxo como media unha oferta arredor do 20 % dos títulos, nos seus diversos formatos, CD-ROM, PDF e epub. Mentres descendeu nun 58,34 % os títulos impresos, os dixitais aumentaron nun 94,95 %, o que supón que a pesar de o sector reduce a súa oferta case á metade, fíxoo hibridándoa, tendencia semellante a do sector español e internacional. Ver Cadro 3. Edición en lingua galega por formato.

Con todo son moi significativos os datos máis recentes, os de 2014 e 2015, que levan a porcentaxes de hibridación dixital superiores ao 30 %, na liña do conxunto da edición española; sendo, tamén, os ebooks ou libros dixitais o 93,70 % destes soportes.

Convén reparar, tamén, no carácter plurilingüe da edición en Galicia, onde ao longo desta década de retroceso a participación da edición en galego oscilou entre porcentaxes do 50 ao 60 %, aínda que a tendencia sexa máis achegada ao incremento. Ver Cadro 4. Edición en Galicia en edición en galego.

Como tamén outra circunstancia a ter en conta é a diminución das axudas públicas da Xunta de Galicia directas á edición en galego, compra de novidades editoriais, axudas a edición de materiais didácticos e subvencións á tradución, que pasaron de supoñer en 2007 o 11,61 % sobre a facturación do sector ao 2,29 % en 2015. O mito do editorial como un sector hipersubvencionado pola Xunta vaise a pique. Ver cadro 5. Axudas públicas á edición en galego.

Xaora, outras políticas públicas tamén teñen influído no devalar do sector, singularmente a aprobación do Decreto 79/2009 de Plurilingüismo, que supuxo unha drástica redución das posibilidades de facturación para o sector educativo, na área de matemáticas nas ensinanzas obrigatoriais como na Educación Infantil, así como a extensión, dende 2013, da duración da vixencia dos libros a seis anos, ou a implantación en 2011 do modelo de gratuidade solidaria.

Non embargante, as dificultades do mercado interior, víronse parcialmente mitigadas polo desenvolvemento dun interesante mercado exterior para a edición infantil galega, o que abre un esperanzador camiño para o conxunto do sector.

Por último, non podemos deixar de abordar a cuestión dos índices de lectura.

O Observatorio da Cultura Galega estimou nun informe de 2014 como público lector en Galicia a 1.079.25 persoas, aquelas que leron algún libro, apenas un 41 % das maiores de 7 anos. Ou o que é o mesmo, máis da metade dos galegos non len nunca un libro, unha cifra moi baixa, preocupante, que sitúa a Galicia, a pesar dalgúns avances no consumo de libros, á cola dos índices de lectura dos países e comunidades do noso entorno.

Deste millón de persoas lectoras en Galicia o 58,3 % (máis de 600.000) son mulleres, entre as que o 42,2 % (265.612) len máis de seis libros ao ano, lectoras habituais. Outrosí sucede coas persoas usuarias das bibliotecas públicas en Galicia, nas que tamén son maioría as mulleres, sendo un 35 % delas (220.119), usuarias frecuentes destes servizos públicos de lectura.

Cifras nas que volvemos identificar a forza das lectoras en Galicia representada por ese case cuarto de millón de mulleres galegas que integraron a lectura como a súa primeira actividade de lecer e cultura.

Un colectivo de lectoras moi amplo e diverso, probablemente maior no país noso co número de socios de clubes de fútbol profesional, aínda que pouco representado na axenda pública utilizada polas administracións e medios de comunicación.

En resumo: o sector editorial galego vive na actualidade a crise máis fonda da súa historia, sometido ás incertezas e mudanzas da hibridación dixital e da súa incorporación no sector internacional das industrias do lecer, no marco dun novo comportamento do lectorado no acceso aos contidos culturais, ao tempo que sofre á intemperie as regulacións das administracións no eido da Educación e das Políticas Lingüísticas, como os efectos do reducido número de lectoras, do devalo demográfico e da atmosfera de agotamento das doses de entusiasmo da contorna galeguista, tradicionalmente o seu primeiro público.

A aposta polo futuro

O sector editorial en lingua volve enfrontarse, como fixera hai dúas décadas, cando se redactou aquel proxecto Galicia 2010, aos retos que supón asumir a hibridación e mundialización do sector como unha oportunidade, como o de consolidarse como un dos principais alicerces para a supervivencia da lingua, literatura e cultura galegas. Retos que o obrigan a ollar tanto cara ao reducido mercado interior como a proxectarse sobre o exterior.

Resumo o que entendo poden ser dez liñas principais para o sector do libro e da edición na fronteira da terceira década do século, na que continuará a hibridación e, polo tanto, a coexistencia de libros impresos e dixitais:

Primeira: Visibilidade do libro e da lectura

Declarar a revolución lectora en Galicia, coa intención de incrementar os índices de lectura en todos os segmentos de idade.

Concibir a lectura de textos e hipertextos sobre soportes impresos ou pantallas como unha competencia de cidadáns de todas as idades.

Dotar de atención preferente á lectura no sistema educativo, privilexiando a Biblioteca Escolar como a aula principal de todos os centros educativos, e ao público xuvenil como protagonista desta revolución.

Asumir a existencia de públicos diversos para os produtos editoriais galegos: infantís e xuvenís, edición literaria, produtos de lectura de lecer, edición técnica especializada, agasallo…

Valorar como unha oportunidade que, como salientan os máis recentes estudos sociolingüísticos, hai lectoras galegas frecuentes non instaladas na galega como a súa lingua habitual.

Fomentar o uso das redes sociais para dar visibilidade as novidades editoriais e á comunicación directa entre autores e lectores.

Compartir actividades de visibilización das novidades entre editoras, autores, librarías e biliotecas. Refundar o modelo de Feiras do Libro de Galicia, contando coa colaboración dos concellos.

Renovar o calendario de efemérides do libro en Galicia: 24 de febreiro, 2 de abril, 23 de abril, 17 de maio, 17 de decembro…

Fomentar a presenza de autores e autoras nos medios de comunicación públicos e da información sobre as novidades editoriais e literarias.

Segunda: Creación literaria

Potenciar a creación literaria en todos os seus xéneros, concibida como peza básica para o sector editorial, utilizando tanto os recursos dos poderes públicos como o mecenado privado, como forma de apoio directo aos escritores e escritoras (premios, bolsas de creación, estancias, intercambio…) e a súa participación no mercado literario internacional.

Terceira: Tradución e edición

Potenciar a tradución e edición en galego de todo tipo de contidos textuais non literarios, con especial atención aos referidos ao patrimonio galego e aos eidos científicos e tecnolóxicos, cuxo catálogo actual é moi reducido.

Cuarta: A empresa editorial

Transformar cada empresa editorial galega nun obradoiro de contidos textuais e hipertextuais, con atención preferente aos destinados ao eido educativo e, en xeral, a infancia e a mocidade.

Quinta: A distribución

Desenvolver un modelo de negocio sostible para a distribución no mercado interior tanto de produtos impresos, dixitais ou de edición estendida (en ambos soportes), priorizando a utilización de plataformas propias sobre as internacionais monopolísticas (Amazon, Apple, Google…).

Sexta: A libraría

Considerar a libraría independente como un espazo cultural e comercial que merece protección (como xa sucede en Francia), apoiando a continuidade da súa actividade por medio de exencións fiscais e de dotación de ferramentas de xestión e mercadotecnia que contribúan a súa actualización no proceso de hibridación.

Sétima: A biblioteca

Considerar a biblioteca pública como a primeira institución cultural de cada comunidade local especializada en facilitar o acceso á información e á creación literaria en condicións de igualdade para os cidadáns de todas as idades.

Asegurar que a diversidade de novidades editoriais galegas chega á rede de bibliotecas públicas.

Oitava: Impresión dixital e dixitalización de fondos impresos

Aproveitar as posibilidades proporcionadas polos sistemas de impresión dixital para manter e ampliar o catálogo do libro galego impreso, contribuíndo así con este procedemento e mesmo cun servizo de edición baixo demanda a mantemento do tecido libreiro independente.

Desenvolver un plan de dixitalización dos catálogos editoriais privados.

Novena: O libro e a literatura galega no mundo

Fomentar de forma sistemática o comercio exterior do libro galego e da creación literaria na nosa lingua, con atención especial as comunidades lusófonas.

Creación dunha Oficina de promoción da literatura e do libro galego no mundo co obxectivo de visibilizar a oferta editorial galega, organizar a presenza institucional nas feiras internacionais do libro e manter actualizada toda a información dixital sobre o libro e a literatura galega.

Apoiar o funcionamento dos centros de cultura galega existentes no mundo e coordinar a súa actividade coa da Oficina da promoción da literatura e do libro galego.

Décima: Sector estratéxico

Facer efectivo o recoñecemento do sector do libro galego como sector da industria cultural estratéxico para Galicia, como se recoñece no Preámbulo e no artigo número 2 da actual Lei do Libro.

Elaboración dun Plan Estratéxico para o desenvolvemento do libro en Galicia (2017-2021). Creación dunha liña específica de axudas da consellaría de Economía e Industria por medio do IGAPE para a renovación tecnolóxica das empresas editoriais (Art.16.2), para a formación do seu persoal e para a promoción comercial do seus produtos (capítulo III Art. 15).

Edición en galego: crise dun sector estatéxico

Na edición en papel do semanario Sermos Galiza publico un artigo sobre o estado actual da edición en galego. A miña gratitude polo convite.

O sector da edición privada en galego sofre a crise máis seria da súa historia. A diminución da facturación e do emprego (canto menos nun 25 % nos últimos catro anos), a baixada do número de títulos (con maior incidencia sobre os xéneros literarios da poesía, ensaio e teatro), a redución acentuada das tiradas medias, a dependencia da edición escolar e paraescolar (máis do 40% da edición e máis da metade da facturación), así como o importante incremento da oferta da edición dixital caracterizan unha situación de crise que afecta dunha ou doutra maneira a todas as pezas da cadea de valor do libro (creación, edición, artes gráficas, distribución e libraría). Unha situación crítica que pon en perigo a actividade de case cincuenta editoriais radicadas en Galicia, a maior parte delas pertencentes á Asociación Galega de Editores (AGE), e os seus 236 postos de traballo directos, aos que habería que engadir os moitos máis indirectos dentro dun sector auxiliar, que na actualidade abrangue a revisión de contidos, a maquetación, a ilustración, a tradución e a produción dixital.

Crise que pode ser explicada pola coincidencia agresiva de causas externas ao propio sector, atribuíbles á mal chamada “crise económica”, como internas, provocadas polo proceso de tránsito cara ao modelo de comunicación dixital e  á absorción do sector editorial polas industrias do lecer. Entre as primeiras, é innegable que a crise deflaccionaria, xeradora da devaluación salarial e do incremento brutal do desemprego, contribúe a diminuír o consumo,  sobre todo no comercio minorista (e, polo tanto, na libraría cultural e de proximidade). Como é unha evidencia que a crise bancaria fixo desaparecer as posibilidades de financiamento das pemes editoriais que, polo carácter estacional do sector e pola necesidade de acometer unha profunda renovación tecnolóxica, precisan destes recursos.

Circunstancias agravadas no caso da edición en galego pola importante redución que para o mercado do libro de texto supuxo a implantación do decreto de Plurilingüismo, reducindo a presenza dos materiais en galego na Educación Infantil e eliminándoos de vez das áreas de Matemáticas e Física e Química. Como tamén agudizaron as doenzas do sector os recortes brutais da Xunta de Galicia nas políticas de lectura, fose pola diminución ao longo da pasada lexislatura do 60% das compras de novidades en galego destinadas a bibliotecas públicas (en 2013 apenas medio millón de euros), como do 75% para as axudas á edición de materiais didácticos dirixidos ao sistema educativo non universitario (un cuarto de millón de euros este ano). Reducións que contrastan co aumento da  produción editorial en galego en número de títulos no mesmo período, debido ao esforzo de dixitalización dos catálogos acometido polos editores galegos sen ningún tipo de axuda por parte do Goberno Galego. Outrosí sucede coa máis que previsible desaparición neste exercicio 2013 das axudas de AGADIC para a participación de editores en feiras internacionais, a pesar de que o comercio exterior do libro galego incrementouse de forma ininterrompida ao longo da última década.

Para facer fronte a esta c situación crítica, dende a Asociación Galega de Editores fixemos un chamamento á cidadanía e aos poderes públicos a prol dunha política estratéxica para  o libro e a lectura en Galicia. Entendida na súa dimensión individual, fonte de coñecemento e lecer, e colectiva, garante dunha sociedade libre e democrática, o fomento da lectura, como tamén o da lingua e cultura galegas, constitúen obrigas irrenunciables das administracións públicas. Os editores reclamamos a posta en  marcha dunha serie de accións que contribúan á cohesión social, integración, transversalidade e proxeción, imprescindibles para o sostemento e existencia do sector do libro. Medidas encamiñadas á ampliar e profundizar na implicación de todos os axentes do sector do libro, no incremento do número de lectores e lectoras, no afianzamento da produción galega e no  consumo de libros en todas as canles de comercialización.

Reclamamos aos poderes públicos a posta en marcha dun plan de apoio á rede de librarías, a renovación do modelo de feiras do libro, a adquisición de todas as novidades editoriais en galego (sen exclusións), a creación do bono cultura como instrumento de incentivación do consumo cultural, a ampliación e mellora da rede bibliotecaria pública, o apoio á rede de bibliotecas escolares, a creación dunha oficina para a promoción da literatura e do libro galego no mundo ou a realización dun plan de fomento de lectura. Medidas que os editores galegos exiximos para facer efectivo o recoñecemento do sector profesional do libro como estratéxico e prioritario para Galicia, xa recollido na Lei do Libro e a Lectura de Galicia, aprobada por unanimidade do Parlamento Galego en 2006, e que non pode permanecer durante máis tempo coma papel mollado.