Xaime Garrido, premio Laxeiro
Dedico o artigo da semana no Faro de Vigo á figura do arquitecto Xaime Garrido:
O arquitecto vigués Xaime Garrido Rodríguez recibiu o Premio Laxeiro 2017 outorgado pola fundación que conserva e difunde a obra do pintor nacido o 23 de febreiro de 1908. Un recoñecemento merecidísimo para un profesional que tras desenvolver dous mil proxectos de arquitectura e urbanismo e publicar unha ducia de grandes libros de investigación, un labor teimoso de cinco décadas, continúa defendendo contra vento e marea o patrimonio histórico-arquitectónico como parte esencial da paisaxe e identidade galegas. Estudoso e divulgador nos ámbitos da arqueoloxía e da arquitectura histórica viguesas, Xaime Garrido comprometeu a súa vida profesional a afondar no coñecemento da historia do Vigo metropolitano e a loitar pola conservación e posta en valor do seu patrimonio urbano. Un teimoso defensor da memoria viguesa a quen, por fin, se lle recoñece como un dos nosos sabios.
Nacido en 1938 en Bembrive, Garrido titulouse en Arquitectura na Escola Técnica Superior de Madrid en 1966, exercendo dende entón en Vigo a súa actividade como profesional libre para particulares e entidades das administracións. Destaca entre as súas obras o complexo parroquial dos Capuchinos da rúa Vázquez Varela, así como a redacción, en colaboración con Alberto Baltar Tojo, Xosé Bar Boo e Jaime Riera, do Plan Xeral de Baiona, concello do que foi arquitecto municipal honorífico (1968-1973), que permitiu a conservación do seu centro histórico e contorna paisaxística. Xaora, dedicou boa parte do seu tempo de lecer á investigación da arquitectura histórica, especialmente á do actual Vigo metropolitano, e a defensa da protección do patrimonio arquitectónico e medio ambiente.
Angueiras ás que non foron alleas nin o seu interese pola arqueoloxía (descubriu a estación paleolítica de Chan do Cereixo) nin a súa dedicación á fotografía nin o seu interese pola divulgación editorial e xornalística. Xa en 1980 montou “Arquitectura Modernista. Vigo 1900-1920”, exposición fotográfica pioneira, como o libro homónimo colectivo no que participou, editado polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG), do que foi presidente da súa comisión de Cultura, desde a que promoveu a formación do arquivo colexial e a realización de exposicións, conferencias, informes e publicacións. Xaora, como autor agardou a que a Deputación de Pontevedra publicase os seus traballos de investigación premiados pola institución provincial: “Fortalezas de la antigua provincia de Tui” (1987, 2001) e “Vigo. La ciudad que se perdió. Arquitectura Desaparecida. Arquitectura no realizada” (1991), un libro que se convertiu en clásico da historia de Vigo do século XX, reeditado en catro ocasións e hoxe agotado.
Labor editorial que Garrido continuou de forma teimosa en libros individuais magníficos como “Arquitectura de pedra en Vigo” (Construcciones Conde, 2000), “El puerto de Vigo. Síntesis histórica (Autoridad Portuaria de Vigo, 2001), “El origen de Vigo. El monte de O Castro y su castillo” (Deputación de Pontevedra, 2011) e “Jenaro de la Fuente Domínguez” (Instituto de Estudios Vigueses, 2016) ou naqueloutros dous que compartiu co seu amigo Xosé Ramón Iglesias Veiga, “Manuel Gómez Román. Mestre da arquitectura galeguista” (Xerais 1995) e os dous volumes de “Vigo, arquitectura urbana” (Concello de Vigo 2001). Sen esquecer o que prepara sobre o Vigo vello, outra das súas teimas.
Xaora, a cerna da poética da obra editorial de Xaime Garrido está toda en “Vigo. La ciudad que se perdió”, un libro estremecedor no que catalogou a arquitectura viguesa destruída (dende o edificio Rubira ás murallas do Castro), mais tamén a de papel, esa debuxada e non edificada, é dicir, a arquitectura que puidemos ter e a que non existe. Un libro apaixonado e apaixonante de afán didáctico no que hai vinte e cinco anos reclamaba a conservación da Estación do Ferrocarril de Vigo, do Pazo de Xustiza da rúa do Príncipe ou as vivendas da mazá de “El Pueblo Gallego”, ao tempo que denunciaba os derribamentos de edificios históricos e as reformas charramangueiras nas baixas plantas dunha cidade onde campaba “a petulante mediocridade, a incultura e a cobiza especulativa”. Mellor non se podía dicir.
Xaime Garrido berrou, tantas veces en solitario, para facer de Vigo unha cidade con memoria, para evitar continuar coa desfeita da nosa arquitectura civil e industrial. É un heroe civil. A súa achega de xigante é imprescindible para entender este Vigo en estrépito de entre séculos. Xaime Garrido Rodríguez merece ser nomeado Vigués distinguido canto antes. Moi poucos dos nosos veciños e veciñas teñen feito tanto e de forma tan xenerosa polo Vigo do futuro.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir