Vigo e Jules Verne
No artigo da semana en Faro de Vigo falo das relacións de Jules Verne con Vigo ao fío da publicación do libro do historiador Eduardo Rolland Verne en la bahía del tesoro.
Xa temos salientado as relacións de Vigo e da súa ría con Jules Verne. A publicación do traballo de investigación do historiador Eduardo Rolland Etchevers “Verne en la bahía del tesoro” (Ediciones Paganel 2013) aclara, cremos que de forma definitiva, o que foron as dúas visitas do escritor bretón a Vigo (a primeira en 1878 e a segunda en 1884) e a presenza destacada da nosa cidade na novela “Vinte mil leguas baixo os mares”.
O chocante do caso é que Verne escribiu de Vigo antes das súas visitas, ao que dedicou o capítulo oitavo da segunda parte de “Vinte mil leguas baixo os mares” titulado “A baía de Vigo. Segundo o seu relato, o “Nautilus” entrou na ría de Vigo o 18 de febreiro de 1868 (data para a historia de Vigo) coa intención de acceder aos galeóns da Frota de Prata fundida na batalla de Rande do 22 de outubro de 1702. Mentres os mergulladores accedían ao tesouro, Nemo narraba ao profesor Aronnax como a frota anglo-holandesa arrasara á escuadra franco-española abrindo a páxina da lenda dun tesouro baixo os mares. E será o 19 de febreiro cando o “Nautilus” chegue á Atlántida, o lendario continente baixo os mares que Verne sitúa preto das nosas illas Cíes. Cando escribiu isto Verne non visitara aínda a nosa ría, que na novela pintou con “augas impregnadas de luz eléctrica”, xa que se foi publicando por entregas entre o 20 de marzo de 1869 e o 20 de xuño de 1870 no “Magasin d’ Education et de Récréation”. Mais o que si coñecía polos diarios europeos, segundo o traballo de Rolland, eran os procedementos utilizados polo banqueiro Hipólito Magen en 1867 na enseada de San Simón durante as primeiras expedicións de rescate do tesouro dos galeóns, nas que ensaiou o funcionamento de escafandros semiautónomos inventados por Rouquayrol e de lámpadas eléctricas para ser utilizadas baixo a auga deseñadas por Ruhmkorff.
O libro de Rolland permite coñecer a transcrición do “diario de viaxe” de Jules Verne desvelando o sucedido nas dúas visitas a Vigo. Sabemos que chegou a Vigo por vez primeira o sábado 1 de xuño de 1878 na primeira viaxe do “Saint Michel III”, prolongando a súa escala até o martes, 4 de xuño. Grazas a unha carta do deputado Raoul Duval, un dos seus acompañantes, sabemos que coincidiu coa festa da Reconquista e coa procesión do Cristo, que daquela se celebraban no mes de xuño. Verne tivo a oportunidade de visitar Rande nun bote a vapor do “Flore”, un buque militar francés fondeado na ría aqueles días, e ser convidado a vestir o escafandro para se mergullar na enseada dos galeóns. O novelista e o seus acompañantes ruaron por Príncipe, participaron en bailes organizados polas sociedades recreativas do Casino e La Tertulia, entrevistáronse cos xornalistas e autoridades locais, acougaron no café Suízo da praza da Constitución, pasearon en coche pola bisbarra, onde o escritor reparou nas laranxeiras e nos hórreos (para el “graneiros de millo”). Verne regresaría seis anos despois, o día 19 de maio de 1884, desta volta procurando na ría viguesa (para Verne “un verdadeiro fiordo”) refuxio tras unha avaría da máquina de vapor do “Saint Michel III”, que foi reparada nos talleres de La Industriosa de Sanjurjo Badía. Nesta segunda escala, Verne permaneceu en Vigo outros catro días, no que foi recibido polo cónsul de Francia, subiu ao Castro, onde quedou admirado polas vistas sobre a ría e sobre o val do Fragoso, volveu ao café Suízo, visitou o Hotel Continental na Laxe, sen que no seu diario de viaxe conste que mantivese relación ningunha con Sanjurjo, coa excepción dunha difusa referencia (“agardando ao caldereiro para a reparación”) que deixa a porta aberta á lenda da amizade entre ambos os dous promotores do progreso.
Transcorridos máis dun século de todo aquilo, Jules Verne é un dos máis importantes propagandistas internacionais de Vigo como cidade portuaria atlántica. Hoxe podemos por ventura reconstruír un calendario e unha rota verniana viguesa (porto, praza da Constitución, Castro, Rande, San Simón…). No entanto, cómpre preparar un plan para reconciliar Vigo coa figura do bretón. Bautizar a ponte de Rande co seu nome, como leva proposto dende hai décadas Méndez Ferrín; incluílo no rueiro noso; popularizar a súa obra entre a nosa cidadanía, sobre todo entre os máis novos; bautizar co seu nome a futura biblioteca pública do estado; homenaxealo nas súas efemérides literarias e biográficas; preparar un roteiro didáctico lembrando a súa estadía e a súa obra máis viguesa…
Vigo é unha cidade verniana, tanto polo feito de estar presente de forma destacada na novela protagonizada polo capitán Nemo, unha das máis traducidas da historia, coma polo feito de asumir os valores e o espírito do xenio de Nantes, no seu tempo adaílde da tecnoloxía, da ciencia, da industria e do progreso. Vigo ten aínda unha débeda con Jules Verne.
Precisamente para celebrar a saída do libro e o aniversario do nacemento de Verne, a Sociedade Verniana de Vigo, elaborou unha presentación interactiva inspirada no texto de Rolland.
Por se che interesa este é o acceso a este particular ani-Verne-sario: http://vigoverne.tumblr.com/