Torrecedeira blues
Dedico o artigo da semana en Faro de Vigo a problemática do barrio de Torrecedeira:
A rúa Torrecedeira é unha das expresións máis fidedignas do «urbanismo desarrollista» vigués de hai corenta anos. Aprobada a súa apertura pola corporación en 1943, como enlace entre a nova avenida da Coruña e o paseo de Alfonso, tardou en completar até a década de 1970 a súa fasquía actual de espazo urbano de dura construción pechada sen unha saída natural ao centro e escasas dotacións para a súa veciñanza de aluvión. Por ventura, fora iniciada coas excelentes instalacións educativas das escolas de Peritos e Comercio (xerme da Universidade de Vigo) e do Instituto Politécnico (a punto de celebrar o seu 50 aniversario), onde o alumnado podía sentir a euforia do arrecendo a salitre e ferro dos estaleiros e conserveiras instalados ao seu carón, máis tamén admirar os chalés de Peniche, alfaias desaparecidas daquela pretendida cidade xardín, soñada polos arquitectos Jenaro de la Fuente e Manuel Gómez Román. Rúa de Torrecedeira cuxo trazado continuou dende Peniche a Picacho, seguindo en paralelo as liñas das praias de San Sebastián e San Francisco, engulidas pola avenida de Beiramar, dende o baile das Cabañas, instalado á altura da rúa Severo Ochoa, pasando polo Colexio Alemán, até o Barrio do Pescador, primeiras vivendas sociais do barrio, fronte ao Campo do Gas e ao que foi cemiterio de Picacho.
Xaora, chegados os setenta das alcaldías franquistas de Portanet e Ramilo, a rúa Torrecedeira emerxeu de súbito como un dos celmes do novo Vigo popular, desa entusiasta cidade de acollida e de fortuna onde retornou unha parte da nosa emigración europea, novos vigueses e viguesas procedentes de Alemaña, Francia ou Suíza, sen outra memoria anterior que a aldea (probablemente) ourensá da que partiron nos sesenta e a de concibir Vigo como o seu espazo de esperanza onde chantar raíces. Torrecedeira como expresión do Vigo revolcado, que resistiu as reconversións do naval, as crises de Citroën, da conserva e das frotas do Berbés, mais tamén como espazo urbano que gozou das estudantadas do «Destornillo» de Peritos e do pulo que supuxo a creación da Universidade de Vigo, enchendo moitos dos pisos da rúa con centos de estudantes. Torrecedeira como expresión do endemoñado tráfico vigués nunha rúa embude, onde a ausencia endémica de prazas de aparcamento incrementa o tránsito, e que non contou con vitrasa até que hai máis dunha década se abriu a primeira liña circular.
Abandonada a súa sorte, a comezos dos anos noventa o arranxo do Parque Camilo José Cela supuxo a primeira solución urbanística destinada a facilitar a mobilidade dos peóns entre Torrecedeira e Pi e Margall, actuación que xa anticipara Jenaro de la Fuente nun seu proxecto en 1927, bautizado como «Parque de Picacho», que deseñaba unha escalinata pétrea, entre pérgolas e fontes. Unha actuación, inaugurada no derradeiro mandato do alcalde Manuel Soto (1991), nun entorno preelectoral polémico, que ademais pretendeu humanizar por medio dunha intervención paisaxística un espazo urbano xa daquela degradado. Unha solución que co paso do tempo non resultou totalmente satisfactoria na medida en que os seus usos como parque infantil e de lecer interxeracional se foron degradando até ser colonizado por uns poucos veciños, como por desgraza tamén sucedeu no parque de Peritos, como espazo para o trapicheo, para ceibar cans ou para estrondosas celebracións nocturnas. Marxinalización do Camilo José Cela, que tamén se produciu arredor do Barrio do Pescador, á que, sen dúbida, non foron alleas nin a degradación inducida polo abandono do Barrio do Cura e de naves industriais de Jacinto Benavente nin a concentración nese entorno dos servizos públicos para persoas en perigo de exclusión existentes na cidade.
Son comprensibles as protestas destes días da veciñanza e dos comerciantes de Torrecedeira polos problemas de seguridade que sofren, dos que nós tamén fomos vítimas en diversas ocasións, mais que sería improcedente detallar aquí. En todo caso son síntomas que expresan a profunda desigualdade existente na sociedade viguesa actual e a ausencia de políticas sociais e educativas integrais para abordar as causas da exclusión, as dificultades da integración de comunidades diferentes, a difícil loita contra o trapicheo de drogas ou a axuda que se pode achegar ás persoas con adiccións severas. O que sucede cada día na rúa Torrecedeira obriga a todas as administracións, dende o goberno municipal á subdelegación do Goberno e a propia Xunta de Galicia, a non ollar para outro lado e a encaralo como un problema sociocomunitario. A ninguén se lle pode ocultar que unha problemática tan complexa non se vai solucionar da noite para a mañán incrementando o cadro dos coidadores de barrio e a vixiancia policial, por imprescindibles e urxentes que sexan estas medidas.
Dejar un comentario
¿Quieres unirte a la conversación?Siéntete libre de contribuir