Listado de la etiqueta: xosé_cobas

Onte 868: «A illa de todas as illas» en Lugo

As presentacións d’ A illa de todas as illas, o libro de Xabier DoCampo ilustrado por Xosé Cobas, están sendo unha oportunidade para que os membros da Xeración Lamote compartan angueiras arredor da causa da lectura. Mentres na Coruña foi Agustín Fernández Paz quen glosou o texto de DoCampo, onte na librería Biblos de Lugo foi Paco Martín quen o fixo, quedando Xavier Senín de facelo o 13 de febreiro na libraría Couceiro de Santiago.

Paco Martín leu un texto moi divertido e fermoso arredor do libro, no que acreditou unha «escrita limpa e directa, na que se nota a pegada do cine un dos amores do autor». Tras glosar a peripecia dos personaxes do relato e os libros citados, rematou resumindo que «as illas esquecidas son todas as que están nesta illa Navalleira, na que os protagonistas experimentan asombros descoñecidos, novos medos, saberán da esperanza e do retorno dunha viaxe iniciática da man de John Silver».

Pola súa banda, Xabier DoCampo, despois de expresar a súa satisfacción por poder compartir esta presentación con Paco Martín, confesou que o tema do libro é a lectura, os libros e a paixón de ler. «Este é un libro de libros, un libro dendrítico (como foi definido nun artigo por Xavier Queipo), un libro porta (como sinalou na presentación da Coruña Agustín), un libro que nos comunica con outros libros». Sinalou que «ler é encontrar nos libros o que hai de ti, o que os libros din de ti, ler é buscarse nos libros para saber o máis posible dun mesmo». Recontou, despois, os libros presentes na novela, dende A illa misteriosa, «a máis fermosa da snovelas de Verne, na que o capitán Nemo está sempre presente, a pesar que só aparece ao remate», Robinson Crusoe, «a novela que representa o simbolismo das illas e o concepto de civilización», pasando por O señor das moscas e A illa dos arroaces azuis, até A illa do tesouro. «Quero reivindicar o valor destas obras clásicas da literatura infantil e xuvenil, quero reivindicar que se lean, quero alertar que estas obras existen, que se as lemos é posible vivir nunha illa deserta, quero proporcionar un camiño para ler os libros e as películas baseadas nelas». Rematou DoCampo falando da súa colaboración co ilustrador Xosé Cobas: «buscamos unha obra conxunta, un libro común».

Onte 824: «A illa de todas as illas»


No serán de luns participamos na Coruña na presentación d’ A illa de todas illas, o libro escrito por Xabier DoCampo e ilustrado por Xosé Cobas, no que reivindican o relato de aventuras como eixo da formación do criterio do lector literario.

Foi unha grande beizón contar coa presenza de Agustín Fernández Paz que pronunciou un fermoso discurso (Tati Mancebo gravou a hora e vinte do acto, mil grazas) sobre illas, viaxes, libros de aventura e lectura, compoñentes esenciais d’ A illa de todas as illas de DoCampo e Cobas. Unha obra que Agustín cualificou como «un libro de libros, un libro porta, un libro canle, que ten a pretensión de engaiolarnos e levarnos a outros libros, a algúns deses libros do xénero de aventuras». «É unha invitación afervoada a visitar, ou a revisitar a quen xa o fixeramos, os libros que tan felices nos fixeron nalgunha das etapas da nosa vida. Unha invitación que os autores realizan a través dunha dobre vía. Primeiro a través dun relato que conta con todos os ingredientes da novela de aventuras: unha illa deshabitada, non moi lonxe de costa; unha illa co seu aquel de misterio, xa que existen lendas; unha viaxe a esa illa, a bordo do Andoriña; tres persoas adultas, unha delas mulleres, tres persoas situadas na etapa da infancia, unha delas nena; un feito extraño, que nos vai permitir transitar do real ao fantástico, a néboa altera a percepción das cousas, e o sentido das distancias e a orientación…» «Atrapados nesa néboa os tres rapazas vivirán unha aventura marcada por unha serie de encontros que paso a paso os emparentará cunha serie de aventuras que os lectores nalgúns casos nos soarán ou que identificaremos no epílogo, extenso e intenso, onde se explican de onde saíron os personaxes  e onde se produciron as aventuras presentes en libros e películas». «Unha obra que hai que lela e sentir, sentir o que un dos rapaces lle di ao outro, “eu so sei que calquera cousa pode pasar nun libro, cando estás a ler un libro, cando les sen atender a cousa ningunha que non sexa o que estás lendo todo o que alí sucede pásache a ti, e todo o que che pasou pola túa cabeza mentres lías acaba por aparecer no libro. Ler é iso”. Unha versión curiosa, como vedes, da teoría da recepción» Agustín rematou o seu discurso do seguinte xeito: «Se este libro é unha porta construída con imaxes requintadas e palabras poderosas, só me queda dicir, abre as portas e entra».

Xabier Docampo comezou as súas palabras recollendo o fío daqueloutras de Agustín, «A illa de todas as illas é un libro que nace dos libros. Lin vinte e seis novelas das que seleccionei sete». «Primeiro foi un conto para publicar en castelán. É un tributo ás illas que todos habitamos na adolescencia, os libros que contribuíron a conformar o imaxinario que nos mantivo, as obras coas que soñamos con soños marabillosos e con pesadelos, as obras que limos entusiasmados e cando as limos despois comprendimos doutra maneira». «Quixen facer un tributo ás novelas que a todos nos marabillaron. O tema do libro é a lectura. Os que estamos na LIX estamos participando no proceso de formación do lector literario. O que pretendo é que os rapaces lean as sete novelas que cito». «Tiña que suceder algo que sucede na illa do tesouro, os rapaces ao final da novela tiñan que ser distintos ao comezo, para min iso é a lectura». «Este é un libro sobre a lectura. Pretendín que os lectores vaian aos libros. Esta é a razón pola que non traducín os fragmentos dos diarios de Robinson». Referiuse DoCampo a súa fascinación por A illa do tesouro, «a mellor novela que se ten escrito». «Desque a descubrín aos oito anos, fascinábame John Silver, atraíame o mal, o que me obrigou a confesar co Braña vello, que só falaba castelán: ˝Ya lo sabía yo. Eso pasa por leer los libros que no hay que leer. Se lo voy a decir a tu madre”. Entón comprendín que os libros falaban de min, que ler é buscar nos libros o que falan de ti, ler é procurar ese libro toda a vida». «O momento de máximo esplendor dun libro é cando ti o les. E o momento de máximo esplendor da literatura de aventuras é o da adolescencia». Docampo insistiu na idea de que «somos os lectores os que damos o adxectivo ao libro», «os libros son para o momento que unos le». Rematou o seu parlamento falando da súa experiencia con Xosé Cobas, «participar con el na ilsutración é un momento de gran felicidade».

Pechou as intervencións Xosé Cobas que percorreu con detalle as trinta e cinco imaxes do libro proxectadas na pantalla. Comezou salientando que, ademais do rexistro propio do libro ilustrado, utilizou o doutras especialidades, «como o narrativo do cómic e o do álbum ilustrado». «Bolboretas e O libro das cidades imaxinarias foron libros con carga poética e con ilustración metafórica, porén A illa de todas as illas é fundamentalmente narrativo, a pesar de que hai elementos metafóricos como os da cuberta, onde se concentra a esencia do libro». «Na ilustración da portada as velas fan referencia á navegación; as atmosferas, á brétema na que están inmersos os tres personaxes, esa dualidade crea un conflitivo compositivo, o libro está cheo de retos; a arquitectura da propia torre, con escaleiras que non conducen a ningures. remite aos camiños que percorren os rapaces na propia narración».

A nosa gratitude a Tati Mancebo pola gravación da presentación e a Daniel Bello pola fotografía.

Onte 628: Con Antonio García Teijeiro e Paco Ibáñez

A presentación da antoloxía da poesía infantil de Antonio Garcia Teijeiro pagou a pena. Máis de duascentas persoas ateigaron o salón da Casa do Libro de Vigo para acompañar ao autor de Na fogueira dos versos e ao seu amigo Paco Ibáñez. Tras as intervencións magníficas do antólogo Fran Alonso, do crítico Román Raña (crítico) e do ilustrador Xosé Cobas, chegaron os minutos máis agardados nos que Teijeiro e Ibáñez falaron, cantaron e recitaron. Foron momentos emocionantes dun intenso silencio e dunha vibración compartida de dous amigos unidos polos afectos xerados pola poesía. Unha emotividade que se incrementou cando o público os acompañou cantando o retrouso do tema final da pomba. Como ben salientou Antonio é incomprensible que Paco Ibáñez non teña apenas presenza nos medios españois, cando continúa sendo unha figura internacional, cunha axenda chea de concertos. Aos seus setenta e oito anos o cabezaleiro da xeración «A galopar» mantén intactos o seu pulo vital e a súa xenerosidade desbordada, a da cultura da acollida. Xesús Alonso Montero, presidente da Academia Galega, expresoulle a Ibáñez a súa admiración e gratitude polo seu compromiso co repertorio galego que leva polo mundo, no que ademais das pezas de García Teijeiro inclúe outras de Celso Emilio Ferreiro. Outro momento do serán difícil de esquecer produciuse xusto ao remate da presentación. Un señor maior, dirixíndose a Ibáñez, espetoulle: «Paco, eres una acumulación de juventud». Un serán literario e musical emotivo para presentar un libro importante.

Onte 52: DoCampo e Cobas

Despois de asistir como convidado á convención de Cultura do BNG (magnífica intervención de Teresa Moure), integreime no VIII Encontro Galego de Ilustración organizado por AGPI. Antes de participar con Manuel Gago no debate sobre a convivencia cos medios dixitais, tiven a oportunidade de escoitar a interesantísima conversa entre Xabier DoCampo e Xosé Cobas sobre o seu proceso de creación conxunta. Dous autores, un dende a escrita, outro dende a ilustración, que asumen o reto de ofrecer nos seus libros unha creación única dende dúas linguaxes complementarias. Cobas e DoCampo abordan un proceso de diálogo creativo aberto cuxos límites quedan establecidos só polos formatos editoriais. Admirable e sorprendente.  Bolboretas, A decisón de Valerio, O libro das viaxes imaxinarias, O misterio das badaladas son algúns dos froitos recentes e moi logrados desta extraordinaria experiencia creativa conxunta da que non coñecemos moitos precedentes no entorno da literatura infantil e xuvenil en España. Unha parella de feito (no ámbito creativo) que merece para o editor todas as súas beizóns.