Artigos

Onte 1953. «A banda da loba»

Magnífico foi o concerto d’ A banda da loba (ABDL) de onte á note en La fábrica de chocolate na que o grupo de Xiana Lastra e Andrea Porto presentou os once temas de Bailando as rúas, o seu primeiro disco. A banda destas cinco mulleres bravas ofreceu durante unha hora ben longa un potente caleidoscopio musical de ritmos diversos, apoiados nos textos excelentes da poesía galega última de Rosalía Fernandez Rial («Bailando as rúas» e «Nunca ninguén») e Celia Parra («Tres segundos de memoria» e «Coma un blues»), que foron trufando con outros clásicos de Celso Emilio Ferreiro («Ti e eu» e «Abrente») e da propia Rosalía de quen onte estrearon unha estremecedora versión de «Tecín soia». Un concerto onde non faltaron os temas de Xiana e Andrea, como «Caleidoscopio», «Pepa», «Negra e azul» e o «Afogadas», unha canción xa moi popular con vontade de himno xeracional. A irrupción desta banda de cinco mulleres na música galega actual é cada concerto máis sólida e prometedora tanto pola forza dos seus textos como pola súa singular diversidade sonora a camiño dun novo folk indie ou dun pop con raíces na música popular. O tempo de empoderamento das mulleres na música galega chámase A banda da loba. Moi recomendable.

Onte 999: Gratitude

Capitan_Nemo_San_Simon_07-06-14Nin o vento nin a chuvia puideron co entusiasmo das duascentas cincuenta participantes na cerimonia na que onte demos a coñecer o ditame dos Premios Xerais 2014. A miña primeira gratitude é para elas polo seu apoio xeneroso e fraternal, pola súa calor e ledicia contaxiosas ao longo de todo o serán, fose na velada literaria coma no convivio posterior. É o espírito dos Xerais de San Simón que se multiplica despois no feis. A miña gratitude para Xavier Senín, figura esencial para o desenvolvemento do libro galego entre séculos, pola súa brillantísima loanza da lectura e a súa homenaxe aos membros da Xeración Lamote, á que el pertence. Beizón para Xiana Lastra que conseguiu emocionarnos cos seus dous temas musicais. Gratitude para as quince lectoras que tomaron as decisións dos xurados, trece delas mulleres, que apostaron polo pulo irresistible da xeración de narradoras do novo século que toma a remuda. Beizón para o traballo extraordinario do equipo de profesionais de Xerais, que dende hai máis de catro meses ocupou a Celia Torres na organización de todos os detalles do premio e a Helena Pérez, Xosé Manuel Moo e Francisco Alonso nas secretarías dos xurados. A ledicia compartida onte é a confirmación de que os proxectos con futuro son os alicerzados no rigor do traballo e os que conservan o plano dos valores sempre sobre a mesa.

Manuel G. Vicente preparou esta fotogalería do serán de San Simón.

Onte 780: «A miña primeira Rosalía»


Neste Samaín de vento e chuvia, atrevémonos a coller a autoestrada esvaradía para asistir no serán de onte ao concerto compostelán d’ A miña primeira Rosalía. A pesar da violenta bategada, sobre todo ao regreso na noitiña, moito pagou a pena a viaxe. Unha ducia e media de artistas, convocados pola teimosía de Xosé Lastra, o argalleiro deste proxecto, continuidade do iniciado o pasado ano con O meu primeiro Celso Emilio, desenvolveron no escenario dun Principal petado as doce cancións do libro disco homónimo de Xerais.

A hora e cuarto do concerto foi de exaltación da poesía rosaliana a ritmo de música galega de raíz, coa presenza de inequívocos momentos jazzísticos: Unha excelente combinación á que non foron alleos os arranxos de Xurxo Varela e Nani García, sobre once temas rosalianos e a famosa homenaxe de Curros á autora de Follas novas. Como era de agardar, no concerto inundouno todo a voz excepcional de Xiana Lastra, que acada cotas memorables en temas como «O ceo azul clarísimo» de Rodrigo Romaní e, sobre todo, en «A xusticia pola man», unha canción composta e arranxada por Pablo Sebio expresamente para este proxecto. A interpretación excepcional de Xiana Lastra (dificilísima pola escala tonal na que se ten que mover) deste primeiro poema galego de rebelión, apoiada pola narración de Mini, foi un dos momentos máis emocionantes e aplaudidos do serán. Magníficas foron todas as interpretacións de María Manuela, ilustradora tamén do libro, bordando os temas populares como a xoldra de «Imos bebendo», con todos os músicos e os bailaríns sobre o escenario. Potentes e clarísimas, como é adoito, as de Mini e Mero, dous grandes mestres da nosa música popular, nas que merece unha mención á parte «Lévame a aquela fonte cristaíña», composta polo propio Mero, canción chamada a se converter nun novo himno rosaliano. Un concerto que sempre foi a máis, co apoio que nas pezas finais achegaron aos músicos deste proxecto artístico dirixido por Xurxo Varela o gaiteiro Anxo Lorenzo, a pandereteira Olga Brañas e os bailaríns Marcos e Gabriela.

O proxecto «A miña primeira Rosalía», que ten o seu corazón no libro cedé de Xerais, que chegará ás librarías galegas nos vindeiros días, amosa tanto o talento artístico deste excepcional grupo de músicos como o seu afán de homenaxear a unha Rosalía sempre viva, moderna e rebelde. «A miña primeira Rosalía» continuará por outras localidades do país. Aconsello non perder este concerto, é unha marabilla!